Soben en Silleda os prezos dos becerros de recría e baixa o porco cebado

Soben os prezos dos becerros de recría mentres o vacún maior mantense sen cambios. Suba nas cotizacións dos ovos e baixada no porco cebado. Cotizacións da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca do 19 de setembro

Soben en Silleda os prezos dos becerros de recría e baixa o porco cebado

A xornada deste martes da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca caracterizouse pola suba dos prezos dos becerros de recría, mentres o vacún maior mantense sen cambios. Suba tamén nas cotizacións dos ovos e baixada de novo no porco cebado.

Así, nos tenreiros de recría de raza Frisoa os prezos este martes experimentaron unha clara tendencia á alza. En concreto, na categoría de menos de 20 días, a cotización media subiu ata os 115 euros, dezasete máis que na poxa do pasado martes. E na de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa, a media tamén subiu ata os 136 euros por xato, dous máis que a anterior sesión. Na categoría dos tenreiros de máis de 51 días, o prezo medio tamén remontou ata unha media de 162 euros, fronte aos 141 da semana pasada.

Nos becerros de Cruzamento industrial a tendencia foi tamén á suba, pero con excepcións. Así, na categoría de menos de 20 días as cotizacións medias baixaron nos machos ata os 268 euros, fronte aos 283 da pasada poxa. Pero na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos subiu ata os 319 euros de media, fronte aos 302 do pasado martes. Nas femias os prezos tamén subiron nesta categoría, quedando nunha media de 205 euros, dez máis que o pasado martes. En canto aos xatos de máis de 51 días, o prezo medio caeu nos machos levemente ata os 352 euros, fronte aos 359 euros de media da última poxa.

No vacún maior a tendencia xeral foi á estabilidade. Deste xeito, quedaron en 1.073 euros de media en categoría primeira, 728 en segunda -a máis numerosa- e 463 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.082, 727 e 457 euros, respectivamente.

As cotizacións en gando vacún quedaron da seguinte maneira:

SILLEDA_VACUN_SETEMBRO_17_3

Suba dos ovos e do coello

Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse aplicar unha suba en todas as categorías. A XL subiu 0,010 euros ata os 1,54 euros a ducia; a L subiu 0,02 ata os 1,41 euros a ducia; a M rexistrou unha suba de 0,03 euros, quedando a ducia en 1,27 euros e a S subiu 0,02 euros ata os 0,98 euros a ducia.

O coello segue na Lonxa de Madrid nos 1,80 euros o quilo.

Baixada no porco cebado e sen cambios nos bacoriños

En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou unha semana máis aplicar unha baixada de 0,05 euros o quilo ás categorías Selecta e Normal, que quedaron nos 1,400 e 1,375 euros por quilo, respectivamente. No desvelle a baixada foi de 0,02 euros o quilo, de forma que queda nun intervalo de prezos de entre 0,81 e 0,87 euros o quilo. A Canle II tamén baixou 0,065 euros, ata quedar nos 1,786 euros por quilo.

En canto aos leitóns, acordouse manter as cotizacións nos 36 euros para os procedentes de varias explotacións e os 41 euros para os procedentes dunha única explotación.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información