Sobe o prezo dos becerros de cruce e baixan os de Frisona e o vacún maior en Silleda

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia estivo marcada pola baixada dos prezos dos becerros frisóns e do vacún maior e pola lixeira suba dos tenreiros de cruce. Soben tamén os leitóns e os ovos

Sobe o prezo dos becerros de cruce e baixan os de Frisona e o vacún maior en Silleda

As cotizacións deste martes na Central Agropecuaria de Galicia ABANCA viñeron marcadas pola baixada dos prezos dos becerros de recría de raza Frisoa e do vacún maior, mentres que os becerros de cruce experimentaron unha suba. O prezo do porco cebado baixou nesta sesión namentres os leitóns comezan a subir. Os ovos tamén subiron nas categorías de menor tamaño.

En concreto, en gando vacún, nos becerros de raza Frisoa a baixada produciuse nos animais de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa deste mercado. O prezo medio foi de 100 euros por xato, fronte ós 107 da semana pasada. Na categoría de menos de 20 días tamén houbo caída das cotizacións: 84 euros por animal, 16 menos que o pasado martes. A excepción foron os becerros de máis de 50 días, que incrementaron o prezo nesta sesión ata acadar os 127 euros, 9 euros máis ca na anterior.

Nos becerros de cruzamento industrial a tendencia foi á suba de prezos. Así os xatos de entre 21 a 50 días situáronse nos 360 euros, 8 máis ca na sesión pasada. Nas femias tamén houbo unha suba media de 5 euros, ata os 202 euros por animal. Nos becerros máis novos, con menos de 20 días, os prezos subiron nos machos ata os 367 euros, fronte ós 339 euros que se pagaran a semana pasada. Nas femias, pola contra, houbo baixada: 188 euros este martes fronte aos 204 da semana pasada. Tamén os becerros de máis de 50 días baixaron de prezo ata situarse nunha media de 417 euros por animal, 33 euros menos ca na sesión anterior. As femias tamén caeron ata os 293 euros, fronte aos 314 euros da semana pasada.

En canto ós becerros carniceiros de cruzamento industrial rexistraron esta semana unha subida do prezo nos machos, que acadaron unha media de 899 euros por animal, 82 máis ca na lonxa pasada. Mentres, as femias desta categoría baixaron ata os 718 euros de media, fronte ós 728 que acadaran a semana pasada.
No que atinxe ó vacún maior, a tendencia foi á baixa, a excepción das vacas de desvelle. Así, as vacas de primeira categoría acadaron os 1.057 euros, 51 menos ca no mercado pasado. Tamén na categoría segunda, a máis numerosa, se rexistrou unha caída do prezo. O valor medio quedou nos 710 euros,15 menos que o pasado martes. Por ultimo, no desvelle -a única categoría con suba das cotizacións- o prezo medio situouse nos 429 euros, 18 máis ca semana anterior

SILLEDA_VACUN_18_10_5

Baixada no porco cebado e suba dos ovos e dos leitóns

En canto ó porco cebado, tamén rexistrou unha baixada das cotizacións en boa parte das categorías. Así, o selecto e o normal quedaron nos 1,080 e en 1,055 euros o quilo, respectivamente, tras senllas baixadas de 0,02 euros o quilo. A caída foi aínda maior na categoría de Canle II que queda en 1,370 euros logo dunha baixada de 0,026 euros. Mentres, a categoría de desvelle permanece sen cambios nun intervalo de entre 0,52 e 0,58 euros o quilo.

As cotizacións en Alemaña, que é o referente para os prezos de porcino na Unión Europea, o valor medio mantense sen cambios e sitúase unha semana máis nos 1,360 euros por quilo.

E tras varias semanas sen cambias, o leitón sobe un euro de prezo e queda nos 33 euros para os animais procedentes de varias explotacións e nos 38 euros para os dunha única granxa.

No que referido ós ovos, as categorías de menor tamaño experimentan esta semana unha suba do prezo mentres que o resto se mantén sen variacións. Así, a categoría XL queda nos 1,68 euros a ducia. Namentres, a L sube 0,01 euros ata os 1,25 euros a ducia; a M sobe 0,03 euros ata os 1,08 euros a ducia. Na S o incremento foi de 0,02 euros ata acadar os 0,87 euros a ducia.

En canto ó coello, a cotización sobe 0,05 euros na Lonxa de Madrid e sitúase nos 2,30 euros o quilo.

SILLEDA_PORCINO_18_10_5

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información