A Rubia Galega lidera os parámetros reprodutivos nas razas de vacas nutrices

Un informe do Ministerio de Agricultura conclúe que a Rubia Galega, a Avileña e a Morucha son as que teñen un maior número de becerros, o valor máis elevado de fertilidade e o menor intervalo entre partos

A Rubia Galega lidera os parámetros reprodutivos nas razas de vacas nutrices

Vacas de Rubia Galega nunha explotación de Palas de Rei. / Arquivo.

Un estudo do Ministerio de Agricultura sobre as vacas nutrices en España sitúa á Rubia Galega en posición destacada na maioría de parámetros reprodutivos. A Rubia é a raza máis precoz en partos, logra un alto número de becerros por animal durante a súa vida produtiva e destaca ademais polo seu baixo intervalo entre partos. O estudio analiza tamén os censos das distintas razas, salientando o aumento que houbo en Limusín e Asturiana de los Valles nos últimos tres anos.

Analizamos a continuación os parámetros reprodutivos valorados no estudo:

Idade ó primeiro parto. A raza Rubia Galega amosa a maior precocidade de pàrtos, cun 77,6% das vacas con becerros nados antes dos tres anos. Séguelle a fleckvieh, cun 76,2%, se ben a flecvieh presenta altas porcentaxes de vacas de máis de catro anos sen partos, unha cuestión que Agricultura considera que hai que contrastar en próximos estudos, pois non se detectara anteriormente.

A Rubia Galega é ademais a única raza na que máis dun 10% dos animais teñen un becerro antes dos dous anos.

Primeiro parto 660

Distribución estacional dos partos. Na Cornisa Cantábrica prodúcese un pico de partos en primavera, igual que nas outras dúas grandes zonas produtoras (Dehesa e Pirineo), pero a estacionalidade dos partos é menor, pois no verán baixan menos os partos e non existe repunte no outono, como si sucede na Dehesa.

Na análise por razas, a Rubia Galega presenta o comportamento descrito para o conxunto da Cornisa Cantábrica: pico na primavera e distribución homoxénea no resto do ano, unha cuestión máis ligada co manexo das ganderías que coa propia raza en si. Desde o Consello Regulador da IXP Ternera Gallega levan anos fomentando un maior número de partos outonais, aínda que cun limitado éxito entre os produtores.

estacionalidade zonas produtoras 660

Número de becerros por animal. A media estatal para vacas de 13-14 anos está en 9,05 becerros. Os mellores datos corresponden ás razas Morucha, Avileña-Negra Ibérica e Rubia Galega.

En vacas de 7-8 anos, a Rubia Galega encabeza o ránking, con 4,64 terneros de media, en tanto que en vacas de 13-14 anos é a segunda raza, con 9,61 animais, só por detrás da Morucha (9,64).

Fertilidade. A nivel de España, a fertilidade das vacas nutrices sitúase nun 70%, entendido este dato como o dos animais que tiveron un becerro entre agosto do 2016 e agosto do 2017. A Rubia Galega supera lixeiramente a media, pero quédase por detrás da Morucha (79%) e da Avileña-Negra Ibérica (76%).

Intervalo entre partos. O intervalo medio entre partos é de 440 días. Este dato, correspondente ó ano 2017, é 22 días menor ó medido no ano 2014, o que fala da progresiva profesionalización das ganderías. En Castilla Y León, a comunidade con maior número de vacas nutrices, o intervalo entre partos sitúase en 426 días, o menor de todo o Estado. Galicia tamén está ben posicionada, como cuarta comunidade con menor intervalo, e a Rubia Galega presenta un intervalo de 434 días, a terceira raza con mellores cifras, tras a Morucha (416) e a Avileña (432).

Galicia é a cuarta comunidade no censo de vacas nutrices

En España, había no 2017 un total de 2 millóns de vacas nutrices, entendidas como animais de máis de 24 meses destinados á produción e cría de becerros de abasto. Deses 2 millóns de vacas, a Galicia correspóndenlle 204.500, un 10,2% do total. É a cuarta comunidade en número de vacas nutrices, tras Castilla y León (26,9%), Extremadura (21,5%) e Andalucía (10,4%).

A raza máis habitual en España é a cruzada, cun total do 53,2%. As razas Limusina e Asturiana de los Valles son as seguintes en importancia, destacando tamén polo crecemento que experimentaron nos últimos anos (+41.000 exemplares a limusina e +10.000 a Asturiana).

En Galicia, un 49,5% dos animais son cruces, un 38% Rubia Galega e a parte restante doutras razas. Hai 79.500 exemplares de Rubia Galega, segundo o estudo, unha cifra inferior á de anos precedentes. Desde a Asociación de Criadores de Rubia Galega (Acruga) teñen explicado que esa baixada debeuse a un cruce de datos que permitiu depurar o censo de animais xa sacrificados.

A Rubia Galega é a cuarta raza en importancia no Estado, por detrás da Limusina (230.000 vacas), da Asturiana de los Valles (136.000) e do gando de Lidia (83.000).

Tamaño das explotacións
Galicia presenta unha media de 8 vacas nutrices por explotación e máis da metade das explotacións galegas teñen menos de 5 vacas. Esta situación contrasta coa media de animais por gandería nas grandes zonas produtoras (Castilla y León e Extremadura), con preto de 40 vacas por granxa.

vacas explotacion 660

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información