Resumo da xornada de formación para os criadores de Porco Celta

Resumo da xornada de formación para os criadores de Porco Celta

Asistentes á xornada técnica sobre “O Porco Celta en Galicia”

A Oficina Agraria Comarcal de Lugo, en colaboración coa Asociación de Criadores de Porco Celta (Asoporcel), celebrou este sábado, 11 de novembro unha xornada técnica sobre “O Porco Celta en Galicia”. Na xornada, que tivo lugar na sede do Ibader, no Campus Universitario de Lugo, distintos expertos expuxeron as recomendacións sobre alimentación, sanidade e benestar animal ou a caracterización da carne e da canal desta raza porcina autóctona.

Dende Asoporcel destacan “o éxito da xornada pola gran asistencia, non só de criadores desta raza, senón de distintos profesionais relacionados co sector porcino e de persoas interesadas en iniciar unha actividade gandeira”.

Os distintos relatorios que se impartiron resultaron fundamentalmente prácticos, o que facilitará o aproveitamento e a aplicación das cuestións impartidas na realidade das granxas.

Importancia dun bo arranque dos leitóns e de darlle proteína de calidade

O veterinario Jesús Fernández fixo unha exposición moi interesante sobre os puntos máis relevantes na alimentación do Porco celta. Debido á súa experiencia no manexo de porcino en extensivo, as pautas indicadas resultan moi aplicables a esta raza. Manifestou a importancia do arranque nos leitóns, xa que nesta fase é cando se desenrola o sistema músculo esquelético que determinará o nivel de crecemento dos animais.

Tamén salientou a importancia da calidade da proteína que se lles aporta ós animais e que determina o desenrolo das pezas musculares que se converterán en carne.

Ademais, Jesús Fernández salientou a importancia da fase de finalización onde a alimentación pode influír na consistencia e aspecto da graxa e no sabor da carne.

A conferencia sobre instalacións e construcións impartida por Helena Fernández foi moi visual e puxo de manifesto as moitas alternativas en canto a instalacións e peches nunha granxa de porcino en extensivo, sinalando as vantaxes e inconvenientes de cada unha delas. En resumo, puxo de manifesto as opcións que existen e o interesante de escoller e facer modificacións particulares para adaptarse ás circunstancias de cada granxa.

Control do desparasitado e vacinacións

Gonzalo López, veterinario do departamento de patoloxía animal da USC, impartiu unha charla cargada de información acerca do programa de control e erradicación da enfermidade de Aujeszky, que inclúe a toma de mostras para facer un control serolóxico e a vacinación obrigatoria dos animais. Do mesmo xeito, ofreceu pautas moi importantes na desparasitado e vacinación fronte a enfermidades habituais no porcino extensivo.

Por outra parte, o investigador do Centro Tecnolóxico da Carne Daniel Franco expuxo os traballos de investigación que se levaron a cabo sobre a carne do Porco celta, poñendo de manifesto o interesante dos valores nutricionais que caracteriza esta carne.

E finalmente, o veterinario dos Servizos Oficiais da Xunta de Galicia, Jesús Cantalapiedra fixo un repaso pola normativa e os aspectos máis relevantes sobre o benestar animal nas explotacións de porcino.

 Asoporcel márcase como obxectivo mellorar a homoxeneidade das canais

Resultou moi destacable a participación dos asistentes, tanto na contribución con experiencias e opinións propias como no planteamento de dúbidas que se concretaron na mesa redonda antes do peche da xornada.

Dende Asoporcel aseguran que “pretendemos que esta sexa a primeira de moitas xornadas divulgativas e formativas xa que son unha ferramenta útil que permiten adquirir coñecementos que reportarán maiores beneficios nas explotacións, aumentando a súa rendibilidade ao mesmo tempo que se obtén un produto resultante de maior calidade e homoxeneidade”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información