Resultados da poxa de Rubia Gallega celebrada en Adai

Un gandeiro de Samos logrou cinco primeiros premios das sete seccións que competían no concurso. Durante o transcurso da poxa rendeuse homenaxe ao veterinario e asesor de Acruga durante 45 anos, Luciano Sánchez, falecido hai uns meses.

Resultados da poxa de Rubia Gallega celebrada en Adai

Macho de Manuel López Pereiro, gandeiros de Samos, que se adxudicou a un prezo de 2.850 euros a un gandeiro de Melide.

A edición número 86 da Poxa Nacional de Rubia Galega, celebrada este sábado no recinto feiral de Adai, pechouse con moi bos resultados, sobre todo para os gandeiros da provincia lucense que hoxe levaron os mellores exemplares das súas explotacións paraparticiar na poxa de Adai. Os prezos máis altos conseguíronos, en xeral, os machos tanto propiedade dos gandeiros como dos dous deAcruga, presentados á poxa.

O primeiro macho da poxa, que partía cun prezo de 2.100 euros, xa alcanzou unha cotización de 2.850 euros nunha poxa moi disputada que foi só un preámbulo da maioría das poxas. Moita competencia, poxas disputadas e un total de 45 tarxetas de posibles compradores. Os oito machos subhastáronse con prezos xeralmente altos, chegando a pagarse 3.000 euros por un deles. De feito, o prezo medio dos oito machos poxado foi de 2.450.

Pola súa banda, a poxa de femias foi algo máis dispar, con poxas desertas, outras cubertas e algunhas poxas que alcalzaron ata os 3.100 euros. Malia os bos resultados, dos 19 animais presentados á poxa, seis xovencas quedaron desertas, un dato que non impediu, non obstante, boas cotizacións na venda de vacas, que rexistraron un prezo medio de case 2.100 euros.

O presidente de Acruga, César Dorado, mostrouse satisfeito con estes resultados, aínda que recoñeceu que houbo poxas que non se cubriron, quizais pola seca tan forte que se está a vivir e que, na súa opinión non anima á compra de exemplares porque se carece de pastos, e tamén polos baixos prezos da carne. Malia iso, a feira deAdai demostrou coa súa poxa nacional, co concurso e coa exposición de reses que a raza rubia galega está nun dos seus mellores momentos.

O recinto gandeiro congregou numeroso público e moitos compradores, a gran maioría de municipios lucenses, pero tamén con presenza doutros procedentes de Touro, Cedeira, Melide, Fradese Piñeiro (todos eles da Coruña); e dos concellos de Lalín e Agolada, en Pontevedra.

Homenaxe a Luciano Sánchez

Un dos grandes protagonistas da poxa en Adai foi Luciano Sánchez, falecido recentemente, e que ademais de veterinario e asesor de Acruga durante máis de 45 anos, era un asiduo a esta poxa e tamén a voz que sempre animaba os gandeiros a puxar, explicando as calidades de cada animal, as súas características genéticasy a súa puntuación morfolóxica. O traballo e a dedicación de Luciano Sánchez foron recordados polas autoridades nas súas intervencións e tamén na sentida homenaxe que se lle rendeu, facendo entrega á súa filla, Beatriz Sánchez, dunha montaxe fotográfica, con imaxes de distintas épocas e actos nos que tomou parte este namorado da raza rubia, que contribuíu de forma incuestionable á expansión da raza loura galega dentro e fóra das nosas fronteiras.

Os actos finalizaron coa entrega de premios aos gandeiros que conseguiron os distintos premios do concurso, que este ano alcanzou a súa vixésimo oitava edición. O gandeiro de Samos, Manuel López Pereiro, foi un dos indiscutibles vencedores, xa que cinco dos sete primeiros premios das sete seccións do concurso foron parar a animais procedentes da súa explotación.

Así, López Pereiro, gañou os primeiros premios nas seccións de sementais de máis de 26 meses; xovencas de 14 a 26 meses; becerros de 8 a 14 meses; vacas paridas; e xovencas de 18 a 42 meses. Outro dos nomes que máis soou nesta entrega de premio foi o da gandeira do Corgo, Concepción Reija, cuxos animais se levaron os segundos premios nas categorías de xovencas de 14 a 26 meses; xovencas de 18 a 42 meses e na categoría de machos e femias ata oito meses.

Outro dos protagonistas do día foi o gandeiro de Chantada, Castor García Varela, que ademais de lograr un segundo premio na categoría de vacas paridas, logrou vender por 4.000 euros unha das súas mellores vacas a Moncho Neira, propietario da cadea de restaurantes Botafumeiro de Barcelona.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información