Resultado da poxa de Acruga na Granxa Gayoso Castro

Adxudicáronse 29 das 32 reses presentadas e as preñadas logaron un prezo medio de 2.000 euros. A maior cotización, de 2.350 euros, logrouna unha vaca parida vendida coa súa cría de 10 días

Resultado da poxa de Acruga na Granxa Gayoso Castro

2.350 euros pagaron por esta vaca coa súa cría

A poxa de xovencas que Acruga celebrou este sábado pola mañá nas novas naves da granxa Gayoso Castro finalizou coa venda de 29 das 32 xovencas presentadas. As preñadas acadaron, tras a venda dos 16 animais presentados, un prezo medio de 2.000 euros.

A maior cotización foi, con todo, para unha vaca parida que se vendía conxuntamente coa súa cría de 10 días, e que foi adquirida por un gandeiro de Friol por 2.350 euros. O prezo medio das reses preñadas, de 2.000 euros, mantén a liña dos rexistrados no resto de poxas que Acruga organizou ao longo deste ano.

O bo tempo axudou a que a poxa desta mañá en Castro de Ribeiras de Lea, a cuarta edición que leva a cabo na granxa Gayoso Castro, congregase a numeroso público e que a poxa estivese animada. Pouco antes de comezar, un total de 32 gandeiros sacaron o cartón que lles permite poxar. O saldo desta nova poxa foi de 29 reses adxudicadas das 32 presentadas, un balance que desde a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega cualificaron de “positivo”.

Á poxa acudiu o deputado provincial de Medio Rural, Lino Rodríguez Ónega, tamén responsable da granxa Gayoso Castro, e o presidente de Acruga, César Dorado.

Adxudicáronse xovencas para ganderías de toda Galicia

As 16 xovencas preñadas, cun prezo de saída de 1.800 euros, foron adquiridas por gandeiros da Coruña, Friol, Antas de Ulla, Pedrafita do Cebreiro, Palas de Rei, Becerreá, Outeiro de Rei e Lalín. Adxudicáronse todas cun prezo medio de 2.000 euros, cifra similar ás obtidas no resto de poxas celebradas por Acruga neste 2016.

A maior cotización foi a que alcanzou unha vaca parida que se poxaba coa súa cría de apenas 10 días, pola que un gandeiro de Friol pagou 2.350 euros. Trátase de Rubén Penín Rouco, titular dunha explotación familiar dunhas 55 cabezas en Portela, que explicaba ao termo da poxa que era a primeira vez que acudía a unha poxa deste tipo. A calidade das xovencas parecíalle moi boa, o que lle levou a longo prazo a poxar e adquirir ata 9 exemplares dos poxados hoxe.

Das outras 15 vacas, sen preñez, adxudicáronse 12, cun prezo medio de 1.655 euros, aínda que hai que ter en conta que ao tratarse de xovencas sen xestación o prezo de saída situouse en 1.600 euros. Os compradores foron gandeiros procedentes de Becerreá, Friol e Palas de Rei, ademais da explotación Eloy Gómez Crespo y Otros, que adquiriu seis destes exemplares para destinar á súa explotación de Ourense, cunhas 30 cabezas de gando, que cambiou a súa actividade de vacún de leite a carne.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información