Récord no prezo medio do vacún maior en Silleda

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia estivo marcada pola tendencia á alza dos prezos do vacún maior e dos becerros de recría de Frisón e pola baixada dos de cruce. Subas tamén no porco cebado, nos leitóns e sen cambios nos ovos

Récord no prezo medio do vacún maior en Silleda

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia/Abanca estivo marcada pola tendencia á alza dos prezos do vacún maior e dos becerros de recría de Frisón e pola baixada dos de cruce. Subas tamén no porco cebado, nos leitóns e sen cambios nos ovos.

En concreto, en gando vacún, nos becerros de raza Frisoa, subiron os prezos lixeiramente en case todas as categorías. Deste xeito, nos animais de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa deste mercado, o prezo subiu ata os 129 euros por xato, 3 máis que a pasada semana. Nos becerros de menos de 20 días non houbo cambios e o prezo segue nos 107 euros de media por animal. Suba tamén na categoría de máis de 50 días, cun prezo medio de 158 euros por animal, 5 máis que o pasado martes.

Pola contra, nos becerros de cruzamento industrial a tendencia xeral foi claramente á baixa. Así, nos xatos de entre 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, os prezos situáronse nos machos en 335 euros, 8 menos ca na sesión anterior. Nas femias, tamén baixaron de media 10 euros quedando nunha media de 218 euros por becerra. En canto aos xatos máis novos, con menos de 20 días, o prezo medio nos machos caeu ata os 305 euros, 4 menos que na última poxa. Por último, nos becerros de máis de 50 días, os machos tamén baixan e cotizáronse a unha media de 493 euros por animal, fronte aos 457 da sesión anterior.

En canto ós becerros carniceiros de cruzamento industrial, rexistraron esta semana unha caída do prezo nos machos, baixando ata unha media de 797 euros por animal, moi por debaixo dos 873 da semana pasada. As femias, pola contra, subiron ata os 785 euros de media, 91 máis que a pasada semana.

No que atinxe ó vacún maior, a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA acadou hoxe un novo récord histórico no prezo medio da categoría de vacún maior. Se ata agora estaba nos 996,98€ rexistrados o 8 de maio de 2018, hoxe ascendeu a 1.032,39€, motivado en boa medida pola alta calidade dos exemplares asistentes esta mañá, moitos deles de categorías superiores.

“Un récord absoluto no prezo medio do vacún maior que se suma aos dous acadados o ano pasado como resultado do estrito control sanitario que se está a levar a cabo na Central, o cal permite aumentar a calidade dos animais presentes e disuade aos gandeiros á hora de levar exemplares de mala calidade ante un posible expediente”, destacan dende a Central Agropecuaria.

Deste xeito, houbo subas de prezo en case todas as categorías. A excepción foi a de segunda, a categoría máis numerosa, onde os prezos medios quedaron nunha media de 720 euros por animal, 31 menos que o martes pasado. Pola contra, houbo incremento de prezos na categoría de desvelle, quedando nunha media de 488 euros por animal, fronte aos 473 da semana pasada. E nas vacas de primeira os prezos subiron ata os 1107 euros de media, 12 máis que na anterior poxa.

SILLEDA_19_04_05_VACUN

Subas do porco cebado e nos leitóns e sen cambios nos ovos

En canto ó porco cebado, a mesa de prezos acordou unha semana máis unha suba en todas as categorías. Así, o selecto e o normal subiron 0,02 euros, quedando nos 1,410 e 1,385 euros o quilo, respectivamente. Na categoría de Canle II a suba acordada foi de 0,026 euros ata quedar nos 1,799 euros o kilo, mentres que a categoría de desvelle mantense sen cambios nun intervalo de entre 0,70 e 0,76 euros o quilo.

Polo que respecta ao leitón, a mesa de prezos acordou unha semana máis unha suba, neste caso de 0,5 euros. Así, a cotización do bacoriño medio de 20 kilos queda nos 65,5 euros para os animais procedentes de varias explotacións e nos 70,5 euros para os dunha única granxa. O prezo por kilo sitúase en 3,275 e 3,525 euros respectivamente.

No referido ós ovos, non houbo cambios. Así a categoría XL mantense nos 1,40 euros a ducia, e as categorías, L, M e S quedan nos 1,06, 1,01 e 0,86 euros a ducia, respectivamente. A galiña de desvelle baixa 0,01 euros e queda nun intervalo de entre 0,13 e 0,21 euros o quilo.

Por ultimo, o coello na Lonxa de Madrid mantense o quilo nos 1,85 euros.

SILLEDA_19_04_05_porcino

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información