Récord de prezos na poxa de Acruga en Pedrafita

Unha das xovencas adxudicouse en 3.550 euros, o prezo máximo acadado nas subastas da Asociación, en tanto o prezo medio chegou ós 2.857 euros, tamén o tope histórico de cotizacións medias

Récord de prezos na poxa de Acruga en Pedrafita

Exemplar que acadou o prezo récord das subastas de Acruga, con 3.550 euros.

As primeiras poxas da tempada de Acruga, cunha tendencia á alza dos prezos, facían presaxiar que a celebrada este venres en Pedrafita do Cebreiro (Lugo) lograría boas cotizacións, pero non se esperaban os prezos de récord acadados, que rebentaron todos os rexistros das poxas da Asociación de Criadores de Rubia Galega (Acruga). Por unha novilla preñada chegáronse a pagar 3.550 euros, máximo histórico, e o prezo medio situouse en 2.857 euros, tamén tope de sempre. Todas as compras contaron cunha axuda de 200 euros de Caixa Rural Galega.

A primeira das poxas xa marcaba a tónica de animada rivalidade entre os 26 gandeiros participantes, a maioría da provincia de Lugo, que retiraron cartón para poder optar á compra dalgúns do sete animais presentados no mercado gandeiro. A primeira novilla adxudicouse a un gandeiro de Ribadeo por 2.550 euros, os mesmos que pagou pola terceira novilla da mañá. Para Friol foise o segundo animal, polo que se chegou a pagar 2.700 euros. As dúas seguintes poxas levounas un gandeiro con explotación en Castroverde, que mercou a cuarta novilla por 2.800 euros e que coa quinta, adxudicada en 3.550 euros, bateu todas as marcas de cotizacións das poxas de Acruga.

Os dous últimos exemplares foron adquiridos por un gandeiro de Friol en 2.900 e 2.950 euros, o que supuxo o peche da poxa cun prezo medio de 2.857 euros, moi por enriba do prezo de saída de 1.800 euros, pero tamén das cotizacións máis altas que se lembran, sobre todo na poxa nacional de Adai.

Un momento da poxa.

Un momento da poxa.

O presidente de Acruga, César Dorado, mostrábase moi satisfeito ao remate da poxa e apuntaba como unha das razóns destes prezos tan elevados “a gran calidade dos animais presentados, todos eles seleccionados do rabaño de elite do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, xestionado coa Deputación de Lugo”.

De feito todas as novillas partían coa cualificación de excelente, o que sen dúbida contribuíu a animar a poxa. Ademais, apuntou Dorado, “tamén inflúe o feito de que nesta época do ano, coa chegada da primavera, os gandeiros necesitan novillas e iso é algo que percibimos nas poxas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información