As razas autóctonas serán protagonistas este ano nas Quendas de Mondoñedo

O día grande, o 1 de maio, a cidade acollerá a súa tradicional feira de gando, a Festa da Empanada, degustación de carne de poldro e mercado de produtos do campo

As razas autóctonas serán protagonistas este ano nas Quendas de Mondoñedo

Mondoñedo celebrará as súas tradicionais feiras e festas de As Quendas entre o 29 de abril e o 1 de maio, cun programa de actividades que se converte “tanto, por un lado, nun incentivo ao noso patrimonio cultural” como tamén, por outro lado, “nunha clara aposta polos produtos de proximidade e polas nosas razas de gando”, tal e como anunciou Miguel Souto, o presidente da Asociación As San Lucas, entidade organizadora das festas, xunto ao Concello de Mondoñedo.

A feira, unha das de máis tradición de toda Galicia, que dá comezo á tempada de feiras e festas en Mondoñedo, arranca o luns 29 de abril co pregón que este ano pronunciará no auditorio Pascual Veiga, ás 20:30 horas, a violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia, Rebeca Maseda Longarela. Comezou os seus estudos na Escola Municipal de Música O Pallarego de Mondoñedo, continuando a súa formación a nivel galego e internacional e colaborando con diferentes agrupacións de renome. Tamén participou na pasada edición de Mondoñedo é Poesía.

Feira de gando con protagonismo para os cabalos e as razas autóctonas

O día grande das festas, o mércores 1 de maio, será a xornada na que gocen de especial relevancia os produtos de proximidade e as razas de gando galego. Dende as 9:00 horas, celebrarase a Gran Feira Tradicional de Gando Cabalar no Campo da Feira, recinto que este ano acollerá como novidade unha exposición de razas de gando autóctono. Ademais nesta edición, non faltará tampouco a celebración da XXXVI Festa da Empanada, coa venda deste produto na Alameda e a súa degustación nos locais de hostalaría da cidade. A esta actividade gastronómica súmanse a VIII edición da degustación gratuíta de carne de poldro galego, que durante as festas se poderá probar na Alameda e nos negocios hostaleiros da localidade; así como o mercado de produtos do campo galego, que se celebrará tamén o día grande das Quendas.

Miguel Souto cualificou o programa das Quendas deste ano como o “dunha aposta polas tradicións, nunha das feiras de máis tradición”, así, citou tamén a celebración da II xuntanza de vespas, lambrettas e clásicas, que terá lugar o día 1.

Mondoñedo é Poesía

A actividade cultural Mondoñedo é Poesía 2019 desenvolverase o día grande das festas e pretende converter Mondoñedo o día 1 de maio na capital galega da poesía. A iniciativa conta cos tradicionais recitais e o acto central no Auditorio Pascual Veiga ás 18:30horas.

Blas Cantó, A Banda da Loba, Combo Dominicano e Principal, entre outros

No eido musical, a programación das Quendas 2019 inclúe o martes 30 de abril, ás 22:00 horas no Auditorio Pascual Veiga, o concerto acústico do artista murciano Blas Cantó, ex vocalista do afamado grupo Auryn e que en solitario suma numerosos éxitos, acadando récords de vendas. As entradas están dispoñibles na plataforma Woutick.

No mesmo escenario do auditorio municipal, o mércores 1 de maio, ás 20:00 horas, actuará A Banda da Loba, formación integrada por cinco mulleres, que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesesas. Destaca a creación dun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas célebres ou outros textos tomados dos poemarios de escritoras contemporáneas, baixo unha estilo que bebe do rock, do pop, ou do folk, entre outros. Neste momento están a presentar o seu primeiro traballo discográfico, “Bailando as rúas”, por toda Galicia. A Banda da Loba resultou gañadora en marzo de 2018 do certame aRi[t]mar de música galega portuguesa.

En canto ás orquestras, poñerán música na Alameda, o martes 30 de abril, as formacións Ritmo Joven e Tekila; e o mércores, 1 de maio, Principal e Combo Dominicano.

Cartel Quendas 2019.FH11

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información