Proxectos en porcino, vacún, pataca e froita do Centro Tecnolóxico da Carne

O organismo de investigación promove nove programas de investigación no agro conxuntamente con empresas e entidades galegas

Publicidade
Proxectos en porcino, vacún, pataca e froita do Centro Tecnolóxico da Carne

Oliveiras en Quiroga. / Imaxes: Centro Tecnolóxico da Carne.

O Centro Tecnolóxico da Carne está a desenvolver proxectos en novos produtos e prácticas no ámbito agroforestal. As iniciativas consisten en programas piloto ou en grupos operativos de innovación, impulsados conxuntamente con outras entidades, con apoios da Consellería do Medio Rural e de fondos europeos.

Os proxectos atinxen a ámbitos moi diversos, como o avícola, o sector da castaña, o olivo ou o vacún de carne. Detallamos a continuación un resumo das iniciativas:

Creación dunha hamburguesa con carne de Morenas do Noroeste (razas cachena, limiá, caldelá, frieiresa e vianesa) con hortalizas de tempada. O proxecto, orientado ó mercado gourmet, desenvólvese só con produtos ecolóxicos e conta coa colaboración de Verín Biocoop e Agaca.

Innovación nos aceites de oliva autóctonos. A empresa quiroguesa Ouro de Quiroga apostou polas variedades de olivas autóctonas brava e mansa para a produción de aceite galego co obxectivo de abrirse camiño con sabores e aromas diferenciados no mercado. O Centro Tecnolóxico da Carne colabora coa firma en procesos de innovación no cultivo e no desenvolvemento de aceites monovarietais e multivarietais.

Implantación dunha alimentación natural en avicultura. Coren quere estudar vías para reducir ou eliminar o uso de antibióticos na cría de polos. Para iso vaise valorar a implantación dunha alimentación que inclúa ácidos orgánicos e extractos de plantas na cría de polos broiler.

Implantación dunha alimentación cociñada con produtos silvopastorís para o gando porcino. Desenvólvese en colaboración coa Universidade de Vigo e coa empresa Lebaste (O Incio, Lugo).

Novos sistemas de alimentación para o porco celta e estudo para a clasificación das súas canais. A cooperativa de produtores Tres Fuciños está comparando tres novos tipos de alimentación para o gando.

Control do nematodo dourado da pataca na Limia. Xunto con Adegal e agricultores da comarca da Limia, estanse valorando novas técnicas que contribúan o control da praga.

Implantación dun sistema de rega por aspersión coa fracción líquida dos puríns de porco, un proxecto desenvolto tamén na Limia co grupo Coren, cunha empresa de enxeñería e con agricultores da comarca.

Impulso á cadea de valor da castaña, desde a mellora da produción ata o desenvolvemento de produtos novidosos elaborados con castaña. Realízase conxuntamente coa Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca).

Xestión de plantacións de maceira e aguacate, un proxecto desenvolto con Vivaz Plant Sat (Tomiño, Pontevedra).

Plantación de aguacates en Tomiño.

Plantación de aguacates en Tomiño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información