Protesta de Unións Agrarias polos impagos de Artesanos Gallegos de la Carne

A organización convoca unha concentración este xoves en Lugo a partir das 11 da mañá ante a Xunta. Demanda a implicación da Administración na busca dunha solución estratéxica para a industria cárnica

Protesta de Unións Agrarias polos impagos de Artesanos Gallegos de la Carne

Artesanos Gallegos de la Carne, en Castro Ribeiras de Lea.

Artesanos Gallegos de la Carne, a sala de despece de Castro Riberas de Lea que lideraba a firma Carcosa, está inmersa nun concurso de acreedores do que se agarda unha saída en positivo. Unións Agrarias, que representa no concurso a 60 gandeiros con impagos que rondan os 600.000 euros, convocou para este xoves unha concentración en Lugo en demanda dunha solución estratéxica para a industria cárnica.

A organización agraria considera fundamental que a Administración autonómica se implique na busca de solucións para a factoría, que procesaba ata o 15% da Ternera Gallega sacrificada en Galicia, segundo as estimacións de Unións. A concentración convocada pola organización agraria celebrarase a partir das 11 da mañá diante do edificio administrativo da Xunta en Lugo, na Ronda da Muralla.

O responsable do sector de vacún de carne de Unións, José Ramón González, incide en que a parada de actividade de Artesanos Gallegos de la Carne está a afectar a todo o sector gandeiro, pois redúcense tanto a competencia como as vías de saída para os becerros galegos. González considera fundamental que a sala de despece volva a actividade o antes posible, “sen manobras especulativas de por medio”, valora.

Papel das cooperativas
A sala de despece de Castro Riberas de Lea está participada en arredor do 25% pola cooperativa de segundo grao Artesáns Gandeiros, que previsiblemente seguirá tendo un papel importante na xestión da industria. Queda por concretar cal é a fórmula elixida para reflotar a factoría.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información