Prezos do gando deste martes en Silleda

Os prezos do gando vacún baixaron este martes en Silleda, tanto en becerros de recría como en vacún maior, agás nos becerros de recría de Cruce. Sen cambios nas cotizacións do porco cebado e dos ovos, e seguen baixando os bacoriños. Cotizacións da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca do 8 de agosto

Prezos do gando deste martes en Silleda

As cotizacións da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca deste martes caracterizáronse pola baixada nos prezos do gando vacún, mentres que as cotizacións do porco cebado e a dos ovos mantívose sen cambios.

Así, nos tenreiros de recría de raza Frisoa os prezos este martes baixaron en case todas as categorías respecto á pasada semana. A excepción foi a de menos de 20 días, na que a cotización media subiu ata os 123 euros, tres máis que na pasada poxa. Pola contra, na de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa, a media caeu ata os 131 euros por xato, vinte menos que a pasada semana. E na categoría dos tenreiros de máis de 51 días, o prezo medio tamén descendeu ata unha media de 155 euros, fronte aos 176 da última poxa.

O punto positivo puxérono os becerros de Cruzamento industrial, onde as oscilacións nos prezos foron en xeral á alza. Así, na categoría de menos de 20 días as cotizacións medias subiron nos machos ata os 270 euros, fronte aos 189 da pasada poxa. Nas femias pola contra caeron ata 177 euros de media por xata, fronte aos 213 do pasado martes. E na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos baixou tamén ata os 293 euros de media, fronte aos 302 da anterior sesión. Nas femias, pola contra repuntou lixeiramente ata os 194 euros, dous máis que na anterior sesión.

En canto aos xatos de máis de 51 días, o prezo medio ascendeu claramente ata os 431 euros, fronte aos 398 euros de media da última subasta. Nas femias, pola contra baixou ata unha media de 314 euros, vinte menos que o pasado martes.

No vacún maior a tendencia xeral foi a unha baixada dos prezos. Deste xeito, quedaron en 1.047 euros de media en categoría primeira, 716 en segunda -a máis numerosa- e 473 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.105, 735 e 454 euros, respectivamente.

As cotizacións quedaron da seguinte maneira:

SILLEDA_AGOSTO_VACUN_17_2

Sen cambios nos ovos e no coello

Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse manter as cotizacións da pasada semana nas categorías M e a S nos 1,17 e 0,91 euros, respectivamente, e o mesmo para as L e XL, que quedaron en 1,35 e 1,51 euros a ducia, respectivamente.

O coello mantívose na Lonxa de Madrid en 1,60 euros o quilo.

Sen cambios no porco cebado e baixada nos bacoriños

En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou manter as cotizacións da pasada semana. Así as categorías Selecta e Normal quedaron nos 1,490 e 1,465 euros por quilo, respectivamente. A Canle II mantívose nos 1,903 euros por quilo e o desvelle nun intervalo de prezos de entre 0,87 e 0,93 euros o quilo.

En canto aos leitóns, acordouse seguir coa baixada das cotizacións, esta semana caeron 3 euros ata os 36 euros para os procedentes de varias explotacións e os 41 euros para os procedentes dunha única explotación.

Récord de asistencia de becerros:

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca volveu rexistrar este martes varios récords:

-Asistencia de becerros de recría: 722 animais. A cifra máis alta acadada foi o 14.1.2014 , cando asistiron 889 becerros.
-Adxudicacións de becerros de recría: 663 animais. A cifra máis alta acadada foi o 14.1.2014 , cando se adxudicaran 831.
´-Adxudicacións de becerros cebados:126 animais, só superada polos 133 que se adxudicaron o 12 de agosto do 2014.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información