“Prevemos aumentar este ano un 15% a produción de carne de Porco Celta 100% Raza Autóctona”

Entrevista a Iván Rodríguez Paz, director técnico da Asociación de Criadores de Raza Porcino Celta (Asoporcel), que este domingo organiza na Semana Verde de Silleda o primeiro concurso nacional de Manexadores de Porco Celta

“Prevemos aumentar este ano un 15% a produción de carne de Porco Celta 100% Raza Autóctona”

Entrevista a Iván Rodríguez Paz, director técnico da Asociación de Criadores de Raza Porcino Celta (Asoporcel), que este domingo organiza na Semana Verde de Silleda o primeiro concurso nacional de Manexadores de Porco Celta

¿Como é a valoración do primeiro ano de uso do Logotipo de 100% Raza Autóctona e cales son as vosas previsións para este ano?
Facendo unha avaliación obxectiva do funcionamento deste selo de calidade durante o ano 2017 podemos cifrar os sacrificios en algo máis de 1300, cos que se xeraron aproximadamente 150 toneladas de carne, que na súa maioría saen ó mercado en forma de embutidos e salgados. Cabe mencionar tamén a existencia dunha moi pequena produción de leitóns, nese ano pasado sacrificáronse 24.

De momento o número de operadores implicados está en claro aumento, xa contamos con 74 gandeiros autorizados para producir animais baixo este selo, 13 matadoiros e 35 empresas que se dedican á transformación/comercialización ou ben só á comercialización dos produtos de Porco celta. Todos eles están inscritos nos correspondentes rexistros e sometidos as verificacións periódicas preceptivas que marca o prego de condicións para o uso deste selo.

Nos meses transcorridos do ano 2018 a media de sacrificios mensuais xa está superando á do ano pasado, aínda que lixeiramente, se se mantén o ritmo de sacrificios o incremento final será dun 15%. Polo que as nosas previsións pasan por un pequeno aumento na produción e comercialización de Porco celta baixo o Logotipo 100% Raza Autóctona Celta.

“Prevemos aumentar este ano un 15% a produción de carne de Porco Celta 100% Raza Autóctona”

¿Como está a ser percibido este selo por parte dos socios e dos consumidores?
A percepción que temos nós dende a asociación de criadores é que tivo unha acollida moi boa por parte dos consumidores e, sobre todo, que a raza é moito máis coñecida dun tempo a esta parte. Efectivamente, fíxose e séguese a facer un traballo moi continuado na publicitación e promoción deste porco e estamos a ver resultados. Chámanos moita xente interesándose e solicitando información para iniciar a actividade nunha pequena granxa, para entrar a formar parte do rexistro de comercializadores de produto etiquetado co logotipo ou simplemente para saber onde se venden produtos de Porco celta.

E en case todas as chamadas que recibimos nos comentan que xa lle botaron un ollo á nosa web, así que realmente esperta interese entre o público. Algo o que tamén contribúe a utilización das redes sociais (facebook, instagram…), recibimos moitas consultas a través delas e hoxe en día son unha ferramenta fundamental na difusión das nosas actividades.

E por parte dos gandeiros asociados a acollida do uso deste selo non podía ser mellor, porque aínda que para eles significa un maior control na súa actividade, están tendo saída para toda a súa produción e incluso a están incrementando. Isto tamén está levando á incorporación de xente nova e a un maior interese pola profesionalización dentro desta actividade gandeira.

En xeral, ¿Como evoluciona a produción e o censo de PORCO CELTA?
A evolución é de crecemento, van aumentando as explotacións asociadas e tamén o número de exemplares por granxa. Pero cunha certa orde, non esquezamos que estamos a falar dunha raza en perigo de extinción, que o ano pasado rexistrou algo menos de 2000 nacementos e de súpeto non podemos duplicar o número de exemplares.

“Segue sendo unha raza en perigo de extinción”

É importante manter una tendencia ascendente pero conservando os mellores caracteres morfotípicos da raza, evitando a consanguinidade nos cruzamentos e coidando a forma de cría para non minguar a calidade do produto final e seguir mantendo a singularidade no mercado.

¿Cales son os vosos obxectivos para este ano?
Os obxectivos pasan sempre por chegar cada vez a máis xente. Este ano estamos asistindo a máis feiras e eventos que en anos anteriores e procuramos estar presentes con información e incluso exemplares da raza en todas aquelas ás que nos invitan a asistir. Na nosa web e redes mantemos actualizadas todas estas citas para que o público poida localizar con facilidade todas as actividades nas que está implicado o Porco celta.

E estamos pensando en enfocar algunha campaña específica para dar a coñecer esta raza ós máis pequenos, que serán os encargados de manter o interese por estes animais nun futuro. Pero de momento é unha idea á que aínda lle temos que dar forma.

Ademais, contamos organizar algunha xornada de formación para os gandeiros para seguir mellorando na xestión das granxas e no coidado e cría dos animais, porque é moi importante que dispoñan de todas as ferramentas necesarias para facer a súa actividade gandeira sostible e para que a enfoquen dende o punto de vista profesional.

¿Estades a traballar nalgún proxecto de investigación?
Neste momento colaboramos nun grupo operativo que ten como principal obxectivo a posta en funcionamento dun sistema de clasificación de canles en función da porcentaxe de magro para o porco da raza Celta. Faranse medicións en canles de animais de distintos lotes con alimentacións diferenciadas, para adaptar o sistema ZP (zwei-puncte-messverfahren ou método de medición dos dous puntos) ás canles de Porco Celta co correspondente ensaio de calibración que procure a verificación e adaptación do método á normativa europea.

E tamén colaboramos, xunto a USC, coa CMVMC de Carballo (Friol) para a creación dun sistema modular de funcionamento autónomo e facilmente transportable para o aproveitamento silvopastoral dos montes en réxime semiextensivo con Porco celta, que poida servir de modelo exportable a outros montes, favorecendo a conversión das masas de matogueira en vexetación herbácea aproveitable por outro tipo de gando e o mesmo tempo minimizar os riscos de incendios, así como favorecer o aproveitamento doutro tipo de recursos dos montes como a recollida de resinas ou a actividade micolóxica. Co que, ao fin e o cabo, tamén se pretende dinamizar as zonas rurais e fixar poboación nelas.

“Estamos a traballar nun kit diagnóstico para identificar as falsificacións de Porco Celta ou Bísaro”

E hai outros proxectos que se están a esbozar, por exemplo en colaboración con Portugal preténdese facer un estudio para establecer a caracterización xenética das razas de porco Bísaro e Porco celta que permitiría diferenciar cun “kit” diagnóstico se un produto pertence a estas razas ou é unha falsificación. Tamén se pretende iniciar un estudio sobre a influencia que pode ter a pendente do terreo na calidade das canles de Porco celta e a calidade da canle das nais que finalizan o seu ciclo produtivo.

Este ano a Semana Verde vai acoller o primeiro concurso nacional de Manexadores de Porco Celta. ¿Que vos levou a organizalo e en que vai consistir?
A iniciativa xurde, como xurdiu no seu momento o concurso morfolóxico, da necesidade de innovar e atraer cada vez un pouquiño máis da atención do público, vimos que xa se fixera este tipo de concurso coa raza porcina asturiana e consideramos que sería un bo acicate para os asistentes á exposición gandeira desta feira.

Celebrarase o domingo 10 ás 17:30 no pavillón gandeiro e consistirá nun pequeno percorrido con pequenos obstáculos que o criador terá que facerlle sortear o seu porco, guiando ó animal sen utilizar ningún método agresivo ou que lle cause dano. Farase un control de tempos de cada un dos participantes e bonificarase cun desconto de segundos a aqueles que logren subir o animal a un remolque gandeiro que estará situado ó final do percorrido.

“Este domingo celebrarase en Silleda o primeiro concurso nacional de Manexadores de Porco Celta”

Esperamos que sexa un éxito e que resulte moi entretido, todos os porcos participantes teñen nome propio e a súa historia, así que só podemos desexar que gane o mellor!!!

Tamén queremos recordar que durante os catro días de feira estarán na exposición gandeira 56 exemplares que participarán na segunda edición do Concurso Morfolóxico da raza Porco celta, no que se premiarán os tres mellores representantes das tres categorías: femias reprodutoras, machos reprodutores e recría.

A última hora do domingo farase a correspondente entrega de trofeos.

¿Algo máis que queiras engadir?
Pois parécenos importante dedicar unhas liñas a agradecementos varios, xa que o éxito das actividades que desempeñamos depende do bo facer de moita xente que merece un recoñecemento público.

Dende logo todos os logros da asociación na recuperación da raza e na súa promoción non serían tales sen os criadores que aportan o seu traballo diario e dedicación, en especial temos que agradecer a labor da actual directiva que nos facilita moito o traballo ós técnicos.

Contamos co apoio de diversos organismos, entre os que valoramos moi especialmente ó Servizo de Producións Gandeiras da Subdirección Xeral de Gandaría (Consellería do Medio Rural).

Finalmente, e non por iso menos importante, tamén temos que dar as gracias ós compañeiros das outras razas autóctonas (BOAGA) por toda a axuda e consellos que nos aportan e por favorecer moitas colaboracións. Tanto é así que semana pasada ASOPORCEL celebrou a asemblea anual no Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia (Pazo de Fontefiz) xunto ás das outras asociacións, para desfrutar despois todos os criadores de razas autóctonas galegas dun saboroso xantar.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información