Presentan o selo ‘Compromiso Benestar Animal’

O sector da produción animal impulsa un distintivo para avalar ante o consumidor o cumprimento de estándares máis esixentes que as normativas europeas e nacionais en benestar animal

Presentan o selo ‘Compromiso Benestar Animal’

Representantes das seis interprofesionais durante a presentación do selo 'Compromiso Benestar Animal'.

O sector da produción animal de carne acaba de presentar en Madrid o selo ‘Compromiso Benestar Animal’ un distintivo para avalar o cumprimento de esixentes estándares en materia de benestar animal. A proposta foi impulsada por seis interprofesionais da produción animal: Interprofesional de porcino ibérico (Asici), de coello (Intercun), de ovino e caprino (Interovic), de porcino de capa branca (Interporc), de polo (Propollo) e de vacún (Provacuno).

Trátase dunha iniciativa pioneira no mundo que busca reflectir o compromiso do sector gandeiro cos máis altos estándares do benestar do gando. Estas directrices estarán avaladas por un comité científico conformado por profesionais independentes de prestixio. Os seus promotores sinalan que a medida “consolida a España como un dos grandes referentes internacionais en benestar animal”.

Un mesmo selo adaptado a cada especie

Cada Interprofesional contará co seu propio Regulamento Técnico adaptado á realidade produtiva de cada especie. Estas regras fixarán requisitos máis esixentes que as normativas europeas e nacionais en relación a cada un dos cinco principios de benestar animal establecidos pola Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE).

Así, fixaranse estándares para garantir animais libres de fame, sede e desnutrición; libres de medos e angustias; sen incomodidades físicas ou térmicas; libres de dor, lesións ou enfermidades e con posibilidade de expresar as pautas propias de comportamento.

Trátase dun único selo pero con lixeiros cambios e diferentes cores segundo a especie

Para garantir os cumprimentos das esixencias prevén realizar auditorías nas instalacións gandeiras, nas operacións de carga, transporte e descarga e nas empresas cárnicas que procesan e elaboran produtos para a súa comercialización final. Con estes controis nas diferentes fases pretenden cubrir todo o proceso, tanto en gandarías como industrias.

O selo procura servir para harmonizar a certificación en materia de benestar animal, de maneira que o consumidor poida recoñecer un único distintivo como símbolo de boas prácticas ao longo de toda a vida do animal. Trátase dun único selo pero con lixeiros cambios e diferentes cores segundo a especie.

Con este distintivo o sector español busca anticiparse á crecente demanda dos consumidores en canto a unha produción respectuosa co benestar animal.

sello-bienestar-animal-_

Selo de Compromiso Benestar Animal presentado polas seis interprofesionais.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información