Pouca afluencia e suba do vacún maior e dos becerros de cruce no primeiro mercado de Silleda en 2019

A sesión deste mércores na Central Agropecuaria de Galicia estivo marcada pola pouca asistencia de animais, con subas para os becerros de recría de cruce e para o vacún maior. Sen cambios no porco cebado e nos ovos

Pouca afluencia e suba do vacún maior e dos becerros de cruce no primeiro mercado de Silleda en 2019

A sesión deste mércores na Central Agropecuaria de Galicia-Abanca estivo marcada pola escasa asistencia de gando, malia que a pasada semana non se celebrou mercado polas festas de Nadal, que tamén obrigaron a pasar a sesión de onte a este mércores, para non coincidir coa celebración do primeiro de ano.

En concreto, en gando vacún, nos becerros de raza Frisoa, ao igual que no resto de gando vacún, rexistrouse unha baixada de asistencia, que roldou o 30% dunha xornada normal. Malia isto, baixaron os prezos en todas as categorías. Así, nos animais de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa deste mercado, o prezo medio foi de 96 euros por xato, fronte ós 108 do anterior mercado. Na categoría de menos de 20 días a media foi de 76 euros por animal, 9 menos. E nos becerros de máis de 50 días o prezo caeu ata os 95 euros de media por animal, 49 menos ca na anterior sesión, celebrada o día 18 de decembro.

Pola contra, nos becerros de cruzamento industrial a tendencia foi á alza en case todas as categorías. Así, os xatos de entre 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, situáronse nos machos en 379 euros, 30 máis ca na sesión anterior. Nas femias a suba foi menor: 6 euros, quedando nunha media de 227 euros por becerra. Nos xatos máis novos, con menos de 20 días, o prezo medio nos machos subiu ata os 342 euros, fronte ós 310 euros que se pagaron na última poxa. En canto aos becerros de máis de 50 días, os machos baixaron ata situarse nunha media de 367 euros por animal, fronte aos 422 da sesión anterior, e nas femias a media baixou ata os 308 euros por becerra, fronte aos 319 do pasado martes.

En canto ós becerros carniceiros de cruzamento industrial, rexistraron esta semana unha suba do prezo, cotizándose a unha media de 933 euros por animal no caso dos machos, fronte aos 713 da lonxa pasada. As femias tamén subiron ata os 728 euros de media, fronte ós 709 que rexistraron na última sesión.
No que atinxe ó vacún maior, a tendencia foi tamén á alza. Así, na de segunda, a categoría máis numerosa, os prezos medios hoxe foron de 731 euros por animal, fronte aos 712 da anterior sesión. Nas vacas de primeira a media foi de 1077 euros, por riba dos 1054 euros da última poxa. Pola contra, o desvelle baixou, quedando nun prezo medio de 429 euros por animal, fronte aos 443 da semana anterior.

silleda_vacun_19_xaneiro_1

Sen cambios no porco cebado e nos ovos

En canto ó porco cebado, mantivéronse unha semana máis os prezos estables en todas as categorías. Así, o selecto e o normal quedaron nos 1,070 e en 1,045 euros o quilo, respectivamente. Na categoría de Canle II o prezo mantense en 1,357 euros o kilo, mentres que a categoría de desvelle queda nun intervalo de entre 0,49 e 0,55 euros o quilo.

Polo que respecta ao leitón, tampouco houbo cambios na primeira poxa de 2019. Así, o prezo do bacoriño medio de 20 kilos queda nos 50 euros para os animais procedentes de varias explotacións e nos 55 euros para os dunha única granxa. En prezo por kilo sitúase en 2,50 e 2,75 euros respectivamente.

No referido ós ovos non houbo variacións: as categorías XL e L mantéñense sen cambios nos 1,68 euros e nos 1,26 euros a ducia, respectivamente. A M segue nos 1,14 euros e a S nos 0,92 euros a ducia, respectivamente. A galiña de desvelle mantense sen cambios nun intervalo de entre 0,12 e 0,19 euros o quilo.

Por ultimo, o coello, como ven sendo habitual por Nadal a súa cotización mantense baixa. Así, o quilo desta carne na Lonxa de Madrid queda nos 1,75 euros.

silleda_vacun_19_xaneiro_porcino

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información