Posibilidades para optimizar o concentrado no cebo dos xatos

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes organizou en Abadín unhas xornadas nas que analizou distintos manexos da alimentación animal

Posibilidades para optimizar o concentrado no cebo dos xatos

Asistentes á xornada de Abadín organizada pola Sociedade de Pastos e Forraxes.

A cría e cebo de xatos para o seu sacrificio é unha actividade moi condicionada polos custos de alimentación. Optimizar o uso do pienso para obter a mellor carne posible sen incurrir en sobrecustos innecesarios é a formula que busca todo gandeiro. Máis de medio cento de produtores participaron nunha xornada organizada en Abadín (Lugo) pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes para valorar posibles opcións coas que reducir o gasto de concentrados. A disponibilidade de superficie ou as condicións climáticas en zonas de media montaña, algúns dos handicaps a ter en conta.

A actividade contou coa intervención de tres técnicos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, Santiago Crecente, Dolores Díaz –xa xubilada-, e Nieves Díaz. As exposicións dos investigadores, baseadas nos ensaios desenvoltos en Mabegondo e na finca Marco da Curra (Monfero), amosaron como non sempre un maior uso de concentrado se traduce en maiores rendementos e mellor conformación da canal.

Recollemos a continuación algúns dos ensaios expostos nas xornadas. As investigacións descritas fixéronse en Mabegondo con xatos nados en agosto-decembro e que se sacrificaron en abril-agosto, co cal puideron aproveitar as dúas épocas do ano de mellores pastos, outono e primavera.

A disponibilidade de superficie e as condicións climáticas poden limitar o uso de pastos e forraxes

Acabados de 2 e 4 meses

Ensaio cun acabado de 4 meses (6 meses de pasto + 4 de cebado) e cun acabado de 2 meses (8 meses de pasto + 2 de cebado). Antes do sacrificio, os xatos cebados con 4 meses pesaban de media 400 quilos por 406 quilos dos cebados 2 meses. Non hai a penas diferenza no peso final, unha circunstancia que se explica polos bos pastos de primavera de que dispoñen os xatos entre os 6 e os 8 meses.

“No caso do acabado de 2 meses, gastáronse 658 quilos de concentrado para os machos e 540 para as femias. No acabado de 4 meses, foron 950 quilos para os machos e 840 para as femias. Por tanto, houbo un aforro duns 300 quilos de concentrado cos xatos acabados en dous meses”- detallou o investigador Santiago Crecente-. “Só con pastos os animais gañan peso, pero é certo que se precisa bastante superficie dispoñible”, matizou.

Semiextensivo frente a intensivo
Ensaio comparativo entre un grupo de xatos que vive en semiextensivo, cun cebo final de 2 meses, e un grupo en intensivo, mamando e con libre disposición de herba seca e concentrado. Durante os 8 primeros meses, a ganancia de peso do xato acortellado era superior nuns 100 gramos por día, pero dos 8 meses ó sacrificio ós 10 meses, o xato que se cebou só os últimos dous meses compensou a diferenza, xa que neste último periodo gañou 400 gramos máis por día que o xato estabulado (1,7 quilos por día fronte a 1,3), de xeito que no intre do sacrificio non había diferenzas de peso: 417 para o que estivera en semiextensivo e 409 para o acortellado, con algúns quilos máis de rendemento da canal no caso do xato criado en intensivo (273 quilos por 268 do outro). O gasto de concentrado nun caso foi de 1.090 quilos e noutro de 658 quilos.

O fenómeno do crecemento compensatorio permite que un cebado final de dous meses sexa suficiente

As diferenzas de crecemento dos últimos dous meses débense ó chamado crecemento compensatorio. O xato que viviu con maior restricción de comida é capaz de recuperar o desenvolvemento perdido en canto ten acceso a máis alimento.

Ambos animais xeraron ademais unha carne con características similares. O xato criado en semiextensivo cun acabado de dous meses presentaba unha carne con case a mesma tenrura e mesma cor que o xato que vivira acortellado, con leves diferenzas só apreciables con equipos tecnolóxicos, pero dificilmente polo consumidor, según a valoración dos investigadores.

Tres tipos de alimentación
Ensaio con tres tipos de alimentación: herba, herba e acabado con 200 quilos de concentrado; e acabado con 900 quilos de concentrado. Os animais sacrificáronse ó acadar uns 330 quilos de peso en vivo. Nos tres casos, os xatos presentaban unha cobertura de graxa similar, se ben si había diferenzas na graxa intramuscular, que no xato alimentado só con herba era arredor da metade que nos outros dous casos, nos que si era semellante.

Ó medir as calidades da graxa, comprobouse que en ácidos graxos saturados, a carne estabulada presentaba os peores índices; en tanto que nos ácidos graxos saudables (ácidos poliinsaturados, ácido linoleico, CLA e omega 3), a carne criada só con herba presentaba os mellores índices, non existindo diferenzas significativas entre un animal en intensivo e un animal criado en semiextensivo cun acabado de 50 días.

A carne criada só en extensivo presenta ácidos graxos máis saudables

A promoción dos ácidos graxos saudables é habitual en gamas de produtos coma os lácteos, se ben na carne non se fai esa distinción no punto de venda nin se lle paga un diferenzal ós gandeiros, polo que se trata dun aspecto ó que se lle restou importancia nas xornadas.

Uso de forraxes no cebo
Outro aspecto abordado nas xornadas foi a posibilidade de uso de forraxes como parte da dieta de cebo, tanto os tradicionais silos de herba e de millo coma outras opcións de inverno (silos de avea-veza ou de centeo) e de verán (silos de xirasol, sorgo e outros).

O posible uso de silos de herba como parte da dieta de cebo foi un dos asuntos que suscitou máis debate nas xornadas, pois os gandeiros eran escépticos sobre esa posibilidade.

A ponencia de Nieves Díaz, sen embargo, ó analizar os efectos de distintos tipos de alimentación na calidade da canal de xatos cruzados de explotacións lácteas, concluiu que cun maior uso de silos non hai tanta diferenza no rendemento da canal nin na súa conformación, sempre que se usen silos de calidade.

Cun acabado a base de ensilado de herba máis dous quilos de pienso, obtíñase un rendemento da canal dun 53,7% e unha conformación dun 7 sobre 15, considerándose a puntuación 7-10 como boa. Cun ensilado de millo máis 1,5 quilos de pienso, o rendemento da canal subía ó 54% e a conformación a un 8,4; en tanto que con pienso a vontade, o rendemento era dun 56% e a conformación dun 8,8. O nivel de engraxamento era similar nos tres casos.

A xornada concluiu cunha visita a dúas explotacións de Abadín. O presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, Eloi Villada, amosouse satisfeito da experiencia e indicou que á xornada do pasado sábado seguiránlle outras reunións noutros puntos da montaña lucense e do resto de Galicia. “Detectamos que en Galicia hai un déficit de coñecemento técnico importante. Ese é o motivo de organizar xornadas como a de Abadín, que permiten divulgar entre os gandeiros máis de 25 anos de estudos científicos que hai en Mabegondo na materia”, destacou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información