Por que Irlanda é unha potencia mundial na produción de vacún de carne?

A aposta polos pastos e as forraxes propias, o coidado da calidade e a profesionalización son algunhas das cuestións que destacan no sistema irlandés. Gandeiros galegos visitaron o país atlántico para coñecer os seus métodos de traballo

Por que Irlanda é unha potencia mundial na produción de vacún de carne?

Trinta explotacións de vacún de carne galegas, integrantes da cooperativa Agrigga Carne, coñeceron in situ o funcionamento do sector en Irlanda, desde o traballo nas granxas até os procesos de sacrificio e comercialización. Estas son as conclusións dunha viaxe que pode abrir portas a novos métodos de produción que aumenten a rendibilidade das explotacións galegas.

Falamos con Alberto Lema, secretario xeral da Asociación de Agricultores e Gandeiros de Galicia, que acaba de chegar dunha visita realizada a Irlanda xunto a un nutrido grupo de gandeiros e técnicos de Agrigga e do Centro Tecnolóxico da Carne para coñecer o funcionamento do sector da carne neste país, que ten unha gran tradición na gandeiría extensiva e en traballar con selos de calidade diferenciada.

Durante tres días, os membros da expedición, financiada pola Consellería do Medio Rural dentro do programa de axudas europeas a intercambios e visitas a explotacións agrícolas, puideron entrar en contacto cos distintos elos da cadea de valor da carne en Irlanda, desde o manexo nas explotacións de nodrizas e nos cebadeiros dos condados de Offaly, Longford, Louth e Monaghan, que traballan principalmente con razas como Angus ou Hereford, así como co funcionamento das organizacións de produtores e da estrutura de comercialización da gandeiría irlandesa, que pasa por ser un modelo en sustentabilidade e rendibilidade para os produtores.

Vexamos cales son os seus puntos fortes:

Un modelo baseado nos pastos

Con condicións climatolóxicas e de terreo similares ás galegas, os gandeiros irlandeses coidan con esmero e especial atención o seu principal factor produtivo: o territorio. O seu método de produción de carne en extensivo está baseado fundamentalmente no coidado e mantemento dos pastos, por consideralo a forma máis barata de alimentar o seu gando, ao tempo que ten efectos positivos sobre a sustentabilidade medioambiental do territorio e sobre a propia imaxe da actividade gandeira, moi valorada pola sociedade.

Visita da delegación galega en Irlanda.

Visita da delegación galega en Irlanda.

En Irlanda, a idade de sacrificio é de 18 meses e os animais alcanzan entre 300 e 400 quilos de peso con prezos de entre 4 e 4,10 euros/quilo. “Aí é onde está a rendibilidade”, afirma o secretario xeral de Agrigga, que é partidario de aumentar a idade de sacrificio en Galicia. “Aquí sacrificamos aos 10 meses e cortamos na metade o crecimento do tenreiro”, asegura. 

Uso de forraxes e cereais propios

As granxas irlandesas manteñen a pastoreo os animais até dous meses antes do sacrificio, momento no que son estabulados e cebados con forraxes e mesmo con cereais propios, fronte á enorme dependencia de insumos externos que hai en moitas explotacións galegas. “Hai que dar a volta en Galicia á alimentación, hai que usar máis o pasto e máis o millo, que se emprega moito no sector do leite pero pouco no da carne, e deixar de usar tanto concentrado”, defende Alberto, que explica que “en Irlanda os gandeiros non se preocupan do prezo de venda dos xatos, porque os prezos ponos o mercado segundo a lei da oferta e a demanda, eles preocúpanse de reducir ao máximo os custos de produción e de distribuir esa produción de xeito homoxéneo ao longo do ano para que non haxa excesos de oferta en determinados momentos que fagan baixar os prezos”.

Alto grado de profesionalización

As explotacións de vacún de carne irlandesas posúen un alto grado de profesionalización e as organizacións de produtores teñen un importante papel. Os gandeiros traballan integrados en agrupacións de produtores de pequena ou mediana dimensión, que se integran á súa vez noutras agrupacións de segundo grado. Son estas organizacións de produtores as que se encargan de fixar uns stándares comúns de calidade, alimentación ou sanitarios nas granxas e as que negocian en conxunto os contratos cos matadoiros, a industria procesadora e o resto de axentes da canle comercial. Esta forma de traballo en conxunto permítelle aos gandeiros irlandeses delegar certas funcións, fundamentalmente as comerciais, para adicarse enteiramente á atención ás súas explotacións e obter así, non só mellores rendimentos, senón tamén unha mellor calidade de vida.

As relacións entre os distintos elos da cadea en Irlanda están baseados na confianza mutua e na colaboración entre produtores e industria, cuns obxectivos definidos e compartidos polas distintas partes de cadea, que dan, cada unha delas, máxima prioridade ao cumprimento dos compromisos adquiridos no seu ámbito.

Participantes na viaxe de Agrigga Carne en Irlanda.

Participantes na viaxe de Agrigga Carne en Irlanda.

Acordos con matadoiros galegos
Coa intención de artellar un modelo similar, desde o seu nacemento hai un ano, Agrigga Carne chegou a acordos con distintos matadoiros galegos, como os de Tomiño ou da Coruña e con cadeas de distribución como Mercadona, que dan saída a unha media de 80 canais á semana das explotacións que forman parte da cooperativa. “Ten que haber confianza mutua entre industria e produtores como hai en Irlanda, algo que aquí non existe”, lamenta Alberto, que afirma que “en Irlanda os produtores queren estabilidade de prezos e de demanda, por iso non usan o sistema de subasta”.

Os contratos que ten subscritos Agrigga, entre eles o primeiro contrato anual de carne de vacún de Galicia co matadoiro frigorífico Carnes Río Miño, están referenciados á táboa de cotización de Ternera Gallega, que Alberto considera que “en moitos casos non se axusta á realidade e crea disfuncións”, polo que defende que é necesaria “unha táboa de cotizacións realista e en condicións á que poder referenciar contratos estables e a longo prazo” que sirvan ademais para ter vendas e pagos garantidos. Neste sentido, destaca que os produtores irlandeses “cobran ao día seguinte de enviar o animal ao matadoiro”.

Báscula
A cadea da carne irlandesa destaca ademais pola transparencia e a báscula ten un papel fundamental no modo de traballar diario das explotacións, baseado no traballo por lotes. Esta é unha das diferencias fundamentais co xeito de traballar en Galicia até o de agora. Sen embargo, Alberto considera que “cada vez se vai ir implantando máis a pesaxe como método de traballo nas explotacións galegas” e destaca que no último ano máis de 40 granxas asociadas a Agrigga colocaron unha báscula nas súas instalacións para facer pesadas varias veces ao longo do mes e ir controlando o engorde dos animais.

Aínda que admite que “a xente non estaba habituada”, afirma que “a báscula ten que ser no sector da carne unha ferramenta para o gandeiro, igual que o é o martelo para o carpinteiro”.

Aposta pola calidade

Existe entre os gandeiros irlandeses unha notable concienciación como produtores de carnes de alta calidade. Todas as partes do proceso produtivo están escrupulosamente deseñadas con criterios de optimización do benestar animal, redución da incidencia de enfermidades e patoloxías no gando e minimización do estrés previo ao sacrificio. Para un gandeiro irlandés, tres son os factores prioritarios que, por orde de importancia, maior incidencia teñen na calidade da súa carne: unha boa alimentación baseada fundamentalmente na produción de pastos, instalacións moi funcionais para a estabulación do gando en inverno e unha axeitada selección de razas ou cruces.

Becerros estabulados en Irlanda.

Becerros estabulados en Irlanda.

Para homoxeneizar na medida do posible o produto dos seus asociados e que despois ofrecen en conxunto á industria e á distribución, as distintas organizacións de produtores traballan en Irlanda cuns criterios sanitarios e de benestar animal dos que as explotacións non se saen. Por exemplo, e tendo en conta que en Irlanda as distancias son menores, o transporte dos animais ao matadoiro prodúcese no mesmo día, de maneira que os xatos son recollidos pola mañán nas explotacións e sacrificados pola tarde.

O secretario xeral de Agrigga considera que “en Galicia hai que entrar a fondo en cuestións de transporte, porque se crias un tenreiro con todo o mimo durante 10 meses todo ese traballo pode pifiarse no transporte ao matadoiro”.

Respaldo incondicional da Administración

O sector da carne, ao igual que o sector lácteo, son unha verdadeira prioridade para as Administracións públicas irlandesas. Entidades de carácter estatal como a Plataforma de Promoción de Alimentos de Irlanda (Bord Bia Irish Food Board) encárganse de facilitar, a través de programas como o denominado Origin Green, todas as ferramentas de apoio ao sector produtor e á industria agroalimentaria irlandesa para garantirlle ao consumidor a calidade dos produtos.

En Galicia, Alberto Lema bota de menos esa simbiose coa Administración, que achaca por un lado á falla dun proxecto para o medio rural galego a 20 anos vista consensuado e apoiado por todas as forzas políticas e pola sociedade no seu conxunto e, por outro, á tradicional desunión e “politización” do sector agrogandeiro, afirma. “Se os produtores estiveramos máis organizados e profesionalizados non lles quedaría máis remedio aos políticos que lexislar ao noso favor, como pasa en Irlanda”, argumenta.

Como resumo da viaxe, o secretario xeral de Agrigga afirma que “en Irlanda teñen as cousas moi claras: herba, ordenación do territorio e organización e traballo conxunto”.

Alberto Lema, na viaxe a Irlanda.

Alberto Lema, na viaxe a Irlanda.

“Un gandeiro non pode producir o que lle dea a gana, cando lle dea a gana e ao prezo que lle dea a gana”

A Asociación de Agricultores e Gandeiros de Galicia naceu como hai dous anos e medio co obxectivo de ordenar as distintas produccións do medio rural galego, como o leite, a carne, o viño ou a madeira a través de organizacións de productores creadas co obxectivo de fixar criterios comúns e negociar en conxunto cos compradores. Neste momento forman parte de Agrigga 600 explotacións de leite de toda a comunidade e 148 de carne, que hai un ano constituíron Agrigga Carne SCG como xerme da primeira organización de produtores de carne da comunidade. 

Sen embargo, neste momento seguen funcionando como cooperativa porque a inscrición como organización de produtores atópase pendente da transposición á normativa española do regulamento comunitario ao respecto e do futuro desenvolvemento do paquete da carne, unha insistencia por parte de Agrigga. “Pedimos encarecidamente que se desenvolva o paquete da carne en España, como acontece por exemplo en países como Irlanda, porque é moi necesario. Desenvolveuse o paquete do leite, o do coello, o do polo, o das froitas e hortalizas e por contra non se desenvolve o do vacún de carne, é imperdoable”, di.

“No sector da carne en Galicia estamos virxes porque non houbo contratos até agora e avanzariamos máis rápido se todos enpurrásemos na mesma dirección e niso o paquete da carne axudaría moitísimo”, defende Alberto Lema. 

Neste sentido, destaca proxectos como o que Agrigga Carne puxo en marcha este ano en colaboración co Centro Tecnolóxico da Carne e o matadoiro Carnes Río Miño para desenvolver métodos de traballo conxuntos a través de protocolos de alimentación, plans sanitarios e métodos de transporte e sacrificio que contribúan a optimizar a produción de carne de tenreira en Galicia e maximizar a rendibilidade das explotacións. “Ese proxecto, que ten unha duración de 15 meses, hai que aproveitalo para acostumar a todos os eslabóns da cadea a sentarse na mesma mesa e traballar nun obxectivo común”, di.

En tal liña de traballo, apela á responsabilidade dos propios produtores e afirma que “queremos borrar a idea de que un pode ir por libre e producir o que lle dea a gana, cando lle dea a gana e ao prezo que lle dea a gana” e transmitir a mensaxe de que “hai que adaptarse ao que o mercado solicita en cada momento e traballar en conxunto para non facernos competencia a nós mesmos, porque os competidores, nun mundo globalizado, están fóra, non aquí”, afirma Alberto Lema.

Planificación
No ano de vida de Agrigga Carne xa se foron dando pasos neste sentido, planificando a produción ao longo do ano a través dos partos para que non haxa momentos de exceso de carne no mercado que fagan baixar os prezos e outros, como acontece habitualmente no outono, con poucos animais para sacrificio; homoxeneizando a carne por medio do consumo da mesma alimentación e de protocolos sanitarios comúns para o gando e facendo en conxunto determinados procesos, como o de venda e comercialización, para deste xeito ter máis peso dentro da cadea alimentaria. “A meta ideal sería que todas esas explotacións, sexamos as que sexamos, funcionemos como unha soa, unificando criterios de alimentación, de benestar animal ou veterinarios e vendendo en conxunto o que producimos”, defende. 

O secretario xeral de Agrigga di que “o que non se fixo en 30 anos non se vai facer en dous días, pero hai que ir dando pasos tentando implantar criterios profesionais pouco a pouco no sector” e fai un augurio a curto prazo: “vaise reducir a PAC máis aló do 2020 porque Europa necesita fondos para cuestións como a inmigración, e esa liquidez que as explotacións van perder vía axudas da PAC hai que recuperala no mercado vía negociación”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información