Pode a fauna salvaxe transmitirlle a tuberculose ás vacas?

As investigacións desenvoltas na Cornisa Cantábrica confirman unha baixa prevalencia da enfermidade no xabarín, inferior ó 3%. O teixugo tamén rexistra baixos niveis de afección

Pode a fauna salvaxe transmitirlle a tuberculose ás vacas?

A interacción existente entre o gando bovino e especies silvestres coma o xabarín é motivo de preocupación no sector agrario, pois ante o aumento da poboación do porco bravo, témese un maior risco de transmisión de enfermidades como a tuberculose. Os institutos de investigación agraria do País Vasco (Neiker Tecnalia) e Asturias (Serida) están monitoreando nos últimos anos tanto a situación da tuberculose na fauna salvaxe como a súa posible transmisión ó gando vacún.

A conclusión das análises realizadas ata o de agora sitúan a prevalencia da tuberculose no xabarín na Cornisa Cantábrica por baixo do 3%. Outras especies coma o teixugo presentan tamén un baixo impacto da enfermidade, que en Asturias se sitúa nos últimos anos en menos dun 5%, en tanto no País Vasco non se detectou ata o de agora ningún teixugo positivo á tuberculose.

“O risco é baixo pero non se pode descartar, sobre todo en zonas con maior prevalencia da tuberculose entre o xabarín” (Marta Barral, Neiker)

A investigadora Marta Barral, do instituto Neiker Tecnalia, que traballa nun proxecto para analizar o papel da fauna salvaxe na tuberculose bovina, conclúe que na Cornisa Cantábrica “existe un baixo risco de transmisión da tubeculose de especies silvestres ó gando bovino”.

A interacción entre gando e especies silvestres está demostrada, ben por compartir zonas de campeo ou puntos de comida e bebida, pero aínda así, os riscos son limitados. “As lesións debidas á tuberculose no xabarín adoitan estar localizadas nos linfonodos da cabeza, cunha baixa diseminación ó sistema respiratorio e dixestivo e, polo tanto, cun menor risco de eliminación de micobacterías ó entorno”, sinala Marta Barral. “O risco é baixo, pero non se pode descartar, sobre todo en zonas nas que a prevalencia da tuberculose no xabarín sexa alta e as lesións máis xeneralizadas”, valora.

A enfermidade sí representa un problema no xabarín en comunidades como Extremadura, Andalucía ou Castilla La Mancha, cunha alta prevalencia que ten o seu correspondente impacto nos riscos asociados ó gando extensivo.

Marta Barral considera, non obstante, que “non semella probable que na Cornisa Cantábrica poidamos vernos inmersos nunha situación similar”. Sen embargo, a investigadora si advirte da necesidade de manter a vixilancia sobre estas especies, xa que poden darse situacións de máis risco en zonas concretas cunha prevalencia alta de tuberculose na fauna salvaxe. “En calquera caso, hai que ter en conta que non hai barreiras que sirvan coa fauna silvestre e poderían darse desprazamentos de animais desde as zonas máis problemáticas”, conclúe.

Teixugo e outras especies
Os riscos asociados a outras especies silvestres susceptibles de padecer a enfermidade, como corzos, raposos ou teixugos, semella tamén escasa. “A posibilidade de transmisión da tuberculose a ganderías bovinas a partir dun teixugo infectado é moi baixa no noso entorno, aínda que habería que estudar caso por caso”, valora Marta Barral.

En Asturias, un estudio de hai unha década con 12 ganderías que tiveran episodios de tuberculose analizou 60 teixugos vivos procedentes de 20 teixugueiras que se atopaban nas inmediacións das granxas. Catro das 20 teixugueiras presentaron alomenos un teixugo afectado por tuberculose, o que semella apuntar a posibilidades de transmisión.

“É necesario mellorar a bioseguridade das explotacións, impedindo o acceso das especies silvestres ás zonas nas que come e bebe o gando”

Con todo, entre o 2008 e o 2012 fixéronse en Asturias 171 necropsias de teixugos e, se ben houbo un 8% de positivos, ó analizar a cepa de ‘M. bovis’ presente, comprobouse que só en 2 casos se trataba dun tipo que tamén afectou eses anos ó gando bovino, polo que se concluíu que a transmisión interespecie era limitada.

“En base ás evidencias que temos, non se pode considerar ó teixugo un reservorio da enfermidade, senón máis ben un hospedador secundario”, explica Marta Barral.

Vacunación
De cara a reducir riscos, Neiker Tecnalia desenvolveu unha vacuna contra a tuberculose que resulta moi eficaz en xabarín e que ten a vantaxe de poderse aplicar mediante cebos vacunais en campo, sen necesidade de contacto directo coa especie. No caso do teixugo, o consorcio Neiker, Sabio-Irec e Visavet está traballando nunha vacuna similar, pois a que hai actualmente, que se emprega en países gandeiros coma Irlanda ou Gran Bretaña, require da captura do teixugo para a súa administración intramuscular.

Recomendacións
Os contactos directos entre especies silvestres e gando bovino son escasos, polo que o maior risco débese a contactos indirectos, en especial os referentes ós puntos de alimentación e auga. “É necesario mellorar a bioseguridade das explotacións, evitando a entrada de especies silvestres ás zonas nas que bebe o gando. É tamén imprescindible que comedeiros e puntos de almacenamento de alimentos, como pensos, silo e forraxe, non sexan accesibles para as especies silvestres.

A tuberculose no xabaril, a debate no Parlamento

A incidencia da tuberculose na poboación de xabaril en Galicia debatiuse tamén recentemente na Comisión de Agricultura do Parlamento de Galicia. O grupo parlamentario de En Marea -daquela aínda unido- solicitou, mediante unha Proposición Non de Lei, elaborar un censo da poboación do xabaril en Galicia, dado que a especie pode actuar como reservorio da tuberculose e ser un foco de contaxio, sobre todo para as ganderías de vacún en extensivo.

O portavoz parlamentario Antón Sánchez pediu elaborar un censo, dado que parece constatarse que existe unha superpoboación en base á presencia de mandas destes animais mesmo en zonas urbanas e ós danos causados nos cultivos. “O incremento da prevalencia da enfermidade é correlativo ó aumento da poboación de xabarís, por iso é importante coñecer que poboación hai para poder realizar un control”, sinalou o parlamentario.

Xunto ó censo, Sánchez solicitou realizar un estudo epidemiolóxico para coñecer a situación real da incidencia da tuberculose e doutras enfermidades asociadas na poboación de xabaril e actuar en consecuencia.

Tamén incidiu na necesidade de adoptar medidas para que a tuberculose non comprometa a outros animais. Sánchez demandou emprender un control sobre os exemplares de xabaril máis vellos afectados pola enfermidade e que poidan transmitila.

A proposta recibiu o apoio tanto do PSOE como do BNG, que xa presentaran propostas reclamándolle ó goberno tanto un censo da poboación como un plan de xestión da especie.

Pola súa banda, a Xunta rexeitou a proposición alegando que xa están a traballar no control da tuberculose e da poboación de xabaril. O deputado do Partido Popular, Miguel Pardo, recordou que no 2018 Galicia foi das comunidades coa prevalencia da tuberculose máis baixa, cun 0,05% no gando vacún, e que neste 2019 Pontevedra foi declarada indemne da enfermidade. “A diferenza do que ocorre en Galicia, noutras comunidades o gando vacún actúa como reservorio e mesmo a fauna silvestre se está vendo afectada”, comenta o deputado.

Dende a Xunta incidiron en que no 2008 comezaron a facer un seguimento sobre a enfermidade na fauna silvestre, polo que alegan que a situación de Galicia é moi diferente doutras zonas nas que o xabaril pode supoñer un maior risco de contaxio. “Unha mesma especie pode ser ou non reservorio da enfermidade en función do seu hábitat e das circunstancias que a rodean”, xustifica Pardo.

A Xunta desbotou tamén a petición de realizar un censo e recordou que no 2014 xa fixeran un rexistro coa Universidade de Vigo, contabilizando as capturas de xabaril e os danos de accidentes e nos cultivos que provocara.

Ademais, Pardo informou que este ano a Consellería de Medio Ambiente está a realizar co Instituto de Recursos Cinegéticos (Irec) de Castela-A Mancha, un informe da distribución xeográfica do xabaril en Galicia no que se recollen datos indirectos e de campo.

Máis información
A ameaza da peste porcina pon ó xabarín na diana.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información