Plan da Xunta para fomentar o pastoreo no Macizo Central ourensán

Plan da Xunta para fomentar o pastoreo no Macizo Central ourensán

A conselleira co alcalde de Chandrexa e cunha gandeira

A Consellería do Medio Rural desenvolverá un plan específico para o pastoreo no macizo central ourensán que estará dotado cun orzamento duns 800.000 euros e que posibilitará a ordenación e posta en valor deste aproveitamento en toda a zona, así como a mellora na loita contra os incendios forestais.

Así o destacou este venres a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, durante a súa visita a Chandrexa de Queixa, onde mantivo unha xuntanza con gandeiros e con representantes municipais, entre eles o propio alcalde, Francisco Rodríguez, acompañada pola delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz. A titular de Medio Rural coñeceu tamén unha explotación de vacún de carne na parroquia da Espasa.

Segundo a conselleira, este plan de pastoreo aplicarase entre este ano e o vindeiro, empezando por realizar unha radiografía da situación dos pastos, a estrutura e distribución do gando no monte e as necesidades en canto a terreos e infraestruturas como peches, etc. A partir desta análise pormenorizada levarase a cabo unha regularización da actividade buscando harmonizar os intereses de todos os implicados, fundamentalmente gandeiros e titulares dos terreos, cos que se consensuará,
, a posta en marcha do plan. Ademais, está previsto redactar os correspondentes proxectos de execución de obras.

Ángeles Vázquez sinalou que esta iniciativa incidirá, ao tempo, na mellora da prevención e loita contra os incendios forestais, xa que está demostrado que a posta en valor do monte e o aproveitamento dos seus recursos endóxenos –neste caso, de maneira específica, os pastos– repercute de xeito positivo na defensa contra o lume.

Vacún de carne

Por outra banda, a conselleira salientou tamén que no ano 2016 houbo en Galicia un total de 126 incorporacións de mozos ao agro dentro da orientación produtiva de vacún de carne. Representan o 20,39% do total dos incorporados e recibiron unha axuda global de 4,5 millóns de euros.

Estes datos dan idea, segundo Ángeles Vázquez, da importancia do sector na nosa comunidade, que ocupa –cun 15% do total– o terceiro lugar de España en produción, sendo só superada por Cataluña e Castela e León. Ademais Galicia é a segunda autonomía en número de cabezas de gando, cun 16% do total, despois de Castela e León.

No caso concreto de Chandrexa de Queixa, este municipio ten unha clara vocación gandeira, como se pon de manifesto coas súas 78 granxas de vacún de carne, cun censo de 1.914 animais ou as 41 de ovino-cabrún, cun censo de 1.469 reprodutoras.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información