Piden incorporar a peste porcina aos seguros agrarios

Unións Agrarias reclama unha modificación nas primas ante o risco de contaxio nas granxas por parte do xabarín. O maior perigo estaría nas explotacións en extensivo

Piden incorporar a peste porcina aos seguros agrarios

O sindicato Unións Agrarias vén de enviar dúas comunicacións á Consellería de Medio Rural e ao Ministerio de Agricultura, para poñer en marcha senllas mesas de traballo para modificar as primas dos seguros agrarios e introducir o risco de contaxio de Peste Porcina Africana (PPA).

Neste marco, desde UUAA insístese en que se estude a posibilidade de engadir a cobertura desta enfermidade no Seguro Agrario Combinado (SAC) co fin de aportar ao sector produtor de porcino a tranquilidade necesaria para continuar coa súa actividade.

Galicia conta con 2.000 granxas de porcos, o 32% das existentes en todo o Estado

Os produtores de porcino de Galicia están a pasar uns momentos de grande incerteza ante a posibilidade de que se produza un vector de contaxio nalgunha das 2.000 granxas que están activas na nosa comunidade como consecuencia do crecemento descontrolado da poboación de xabarín.

Numerosos expertos alertan que a posibilidade de que se rompa a barreira sanitaria e a peste porcina chegue aos animais de consumo é moi alta. De producirse provocaría efectos devastadores para a economía dos gandeiros de porcino.

Medidas de control noutros países da UE

Neste sentido, a UE, a través da Decisión de execución 2014/709, de 9 de outubro de 2014, sobre medidas de control zoosanitarias relativas á Peste Porcina Africana en determinados Estados membros, ten implementado unha política de rexionalización na que as zonas afectadas foron sometidas a diferentes requisitos en canto a medidas a aplicar e restricións ao movemento de animais, produtos animais, material xenético e subprodutos en función da situación epidemiolóxica da enfermidade nesa zona concreta, co obxectivo de impedir a expansión da enfermidade.

España é o cuarto produtor de carne de porcino a nivel mundial, só por detrás de China, EEUU e Alemania

España é o segundo país da UE en canto a volume de produción de carne de porcino e a cuarta potencia produtora mundial, despois de China, Estados Unidos e Alemaña, cun valor económico da produción superior aos 6.000 millóns de euros. O liderado de Galicia dentro do estado español co 32% das explotacións danos a dimensión da catástrofe económica que significaría un contaxio desta enfermidade.

“A importancia do sector e a alta posibilidade da chegada da PPA fai imprescindible que desde a Consellería de Medio Rural e o Ministerio de Agricultura tomen unha clara posición sobre este tema e se comece a traballar nas posibles solucións participando activamente na coordinación das políticas nacional e rexional, incidindo en que estas aborden o problema a medio e longo prazo, para evitar ter que afrontar respostas de emerxencia”, argumenta Félix Porto, de Unións Agrarias.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información