“Para que a gandería sexa viable, complementamos a produción de carne coa recría para vida ”

Rubén e Alberto Hermida son dous irmáns que tomaron o relevo da explotación familiar de vacún de carne en extensivo en terras de Camba. A súa aposta está na venda de animais vivos para a recría e non só nos xatos para o cebo. Coñecemos a súa experiencia

“Para que a gandería sexa viable, complementamos a produción de carne coa recría para vida ”

Alberto e Rubén Hermida con parte do rabaño en terras de Camba.

Ós pés da Serra do Faro, nas terras de Camba, no concello pontevedrés de Rodeiro, Rubén Hermida e o seu irmán Alberto atenden unha gandería de vacún de carne en extensivo. Aínda que boa parte dos xatos que crían son para o cebo, tamén optaron pola venda directa da recría, sobre todo das femias, para outras explotacións.

“Unha das maneiras de que sexa viable foi non centrar a explotación na carne, por iso as femias dedicámolas á recría en vida”, apunta Alberto, que compaxina esta labor con outra actividade dentro do sector. Porén, Rubén decidiu apostar pola gandería, un oficio con longa tradición na familia ó que xa se dedicaran tamén seus avós. Cando hai pouco máis de tres anos Laura, a súa nai, se xubilou, eles tomaron o relevo.

Un rabaño de Rubia Galega

A explotación conta cun rabaño de preto de medio cento de animais que pacen nunha superficie dunhas 42 hectáreas en propiedade divididas en parcelas de 2 ou 3 hectáreas polas que van rotando o gando. A esta base territorial tamén se suman algunhas parcelas que pacen puntualmente dos seus veciños.

Vacas-Rubia-Galega-e-Asturiana-Rodeiro-

As vacas permanecen fóra todo o ano.

Os animais permanecen no pasto todo o ano, aínda que cando chegan as invernías téñenas en fincas que contan con zonas de arboredo, onde se poden resgardar. “O sorprendente é que, estas zonas que temos con árbores especialmente pensadas para o gando, logo non nos entran para PAC”, critica Rubén.

As vacas permanecen fóra todo o ano e van rotando por unhas 42 hectáreas de pastos

Case a totalidade dos seus animais son de rubia galega, a excepción dunha vaca de raza rubia asturiana. En canto ós xatos, os destinados para a ceba certifícanse como Ternera Gallega Suprema e o resto dos animais que venden son para explotacións. Os animais permanecen na explotación ata os 7 meses. “Vendémolos para que os acaben de cebar xa que, co penso que comen na última etapa, ata os 10 meses, non che compensa seguilos tendo”, explica.

Rubén tamén critica as dificultades que están a atopar os pequenos criadores de vacún de carne coa competencia das grandes empresas que apostan cada vez máis polos grandes cebadeiros. “Os grandes grupos son dos peores inimigos para o sector, fan moito dano e non podes competir contra eles”, denuncia.

Vendas para outras explotacións

Aínda que a maioría das ventas en vida son de tenreiras e xovencas, tamén venden algún xovenco para explotacións próximas. O ano pasado despacharon tres machos para ganderías de Chantada, Monterroso e tamén Rodeiro, onde os criarán para a monta dos seus rabaños.

“En canto imos tendo moitas xovencas tamén nos imos desfacendo delas porque custa máis manter un deses animais ca os novos, e tamén por ir renovando”, comenta Rubén. Esta mesma semana venderon nove xovencas, aínda que recoñece que, polo xeral, non adoitan vender tantas xuntas e estas renovacións dos animais máis vellos acostuman facelas cada dous ou tres anos. “Xuntámonos con moita recría e de cara ó inverno facíansenos moitos animais”, concreta.

“Co frío, os pastos non dan recuperado e optamos por vender animais”

As vacas mantéñenas todo o ano a base dos pastos, ademais de silo de herba, dos que fan preto de 300 bolos, e herba seca, con cerca de 100 pacas por tempada. A penas fan resementeira da pradeira, porén as baixas temperaturas desta zona de montaña provoca que teñan que controlar máis o número de animais que teñen no inverno para non esgotar os prados. “Co frío, os pastos non dan recuperado, por iso desta volta vendimos este lote de animais”, explica o gandeiro.

Becerro-mamando-na-vaca-Rubia-Galega-

Unha vez que conten co novo touro, comezarán de novo a programar os partos.

Renovar o touro e programar os partos

“Agora estamos repoñendo o rabaño con gando novo”, explica Rubén. Tamén están na procura dun novo touro, xa que coas xovencas venderon o seu semental. Era un animal co que estaban moi satisfeitos na explotación, tanto polo dócil que era como pola facilidade de parto que tiñan as súas crías. “Este verán meus primos viñeron e estiveron a facerse fotos con el todos tranquilos, era realmente moi manso”, comenta, á par que recorda os perigos que entrañan estes animais na gandería, co caso recente dunha veciña da zona que faleceu nos últimos meses por un incidente cun touro.

Cambian de semental para evitar problemas de consanguinidade no seu rabaño

A decisión de vender o animal, que agora está noutra gandería como semental, é para evitar problemas de consanguinidade e non expoñer o seu rabaño. “Hai quen non lle da importancia a isto, pero nos preferimos controlalo porque logo son problemas na explotación que poderías ter evitado ”, reflexiona Rubén. Porén, tamén atopan certas dificultades para atopar animais.

Hai cousa dun par de anos tamén comezaron a programar os partos. “O problema é que se non o segues controlando, ó cabo duns anos xa volves ter todo desaxustado”, comenta. Agora, coa chegada do novo semental, tamén volverán a programalos partos para ter máis concentrados os nacementos.

Coa vista posto no ecolóxico

Á marxe da explotación de vacún, tamén están inmersos no proxecto da construción dunha granxa de galiñas poñedeiras en ecolóxico, pioneira en Galicia nos sistemas que emprega. Ademais, agardan que as dúas explotacións se complementen e centrarse no ecolóxico, tanto no vacún como na produción de ovo.

Están a construír unha granxa de galiñas poñedeiras en ecolóxico

“Ó que consigamos ter abono da granxa de galiñas ecolóxica, empregarémolo para producir forraxes e a idea é pasarnos ó ecolóxico. Coas limitacións que tes, sobre todo no emprego de fertilizantes, e nun sitio tan frío coma este non es capaz de xerar forraxes e ser competitivo”, comentan os dous irmáns. Están convencidos de que o futuro pasa polas producións máis ecolóxicas en base ó que demandan tanto os consumidores como polas esixencias europeas, ás que xa se están adaptando outros países, polo que a súa aposta se centrará no ecolóxico.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información