Pagan 4.000 euros por unha xovenca de Rubia Galega na poxa de Adai

O prezo medio das femias foi de 2.300 euros. A gandaría de Manuel López Quiroga, de Samos, gaña 5 das 7 seccións do concurso de raza Rubia Galega

Pagan 4.000 euros por unha xovenca de Rubia Galega na poxa de Adai

Xovenca pola que pagaron 4.000 euros este sábado en Adai

Había boas previsións por parte da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) para a feira de Adai deste sábado, pero os resultados en canto a adxudicacións e prezos superaron os prognósticos máis optimistas.

O prezo medio das 12 xovencas que saíron a poxa foi de 2.300 euros. A marca estableceuna unha femia que alcanzou os 4.000 euros, pagados por un gandeiro de Céltigos, en Sarria, tras unha animada poxa. A xovenca, propiedade dun gandeiro de Lugo e que partía cun prezo de 1.800 euros, protagonizou outro dos momentos máis intensos da mañá cando arrastrou aos seu manexador e acabou soltándose e correndo polo interior do valado. Ante o nerviosismo do animal, os organizadores preferiron proceder á súa poxa sen presentala ante os asistentes e sen ofrecer o habitual “paseíllo”. Non parece que isto botará para atrás aos posibles compradores que se encerellaron nunha rifada poxa, que finalizou coa mencionada marca.

O oito xovencas procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, que tamén partían dun prezo de saída de 1.800 euros, foron adxudicadas todas elas por encima dos 2.000 euros salvo unha. Outra das reses logrou un prezo de 2.850 euros.

En canto aos machos, presentáronse oito á poxa e adxudicáronse cinco a varios gandeiros da provincia de Lugo. O touro de Acruga procedente da nave de testaxe adxudicouse en 2.200 euros, mentres que o resto de machos de poxaron por prezos que oscilaron entre os 1.900 e os 2.550 euros.

Concurso Nacional de Raza Rubia Galega: A gandaría de Manuel López Quiroga é a gran vencedora

O concurso nacional de Raza Rubia Galega, que este ano celebrou a súa edición 31, distinguiuse este ano por unha alta participación.

Cinco gandarías coparon todos os premios deste certame e entre todas elas sobresaíu a gandaría de Samos de Manuel López Quigoga, gañador en cinco do sete seccións do concurso. En concreto, obtivo o primeiro premio nas categorías de sementais de máis de 26 meses; xatos de 14 a 26 meses; becerros de 8 a 14; xovencas de 18 a 24; e na sección de vacas paridas, na que “Cuca”, unha vaca xa coñecida entre os gandeiros ao gañar varios concursos como o Miss Vaca Galicia de hai uns anos, levou tamén o primeiro premio na categoría de vacas paridas.

Manuel López Quiroga, cunha explotación en Samos dunhas 120 cabezas, aseguraba hoxe tras facerse con este cinco premios que o segredo dos seus exemplares non é outro que “a boa xenética, moitos pastos e herba, e un bo coidado dos animais”.

Tamén destacou na entrega destes galardóns a Gandaría Santalla, do Corgo, que logrou un primeiro premio na sección de machos e femias ata 8 meses; e outro catro terceiros premios noutras tantas seccións.

A gandaría de Palas de Rei de Vilar Varela fíxose con dous segundos premios nas seccións de xatos de 14 a 26 meses e na de becerros de 8 a 14. Mentres, a explotación de Francisco Lago Álvarez, de Castroverde, conseguiu tres segundos premios noutras tantas seccións. Outra das gandarías que estiveron presentes nesta selecta lista foi a de Manuel Fernández Rodríguez, de Lugo, que gañou o terceiro premio en xatos de 14 a 26.

A Deputación de Lugo renovará próximamente o convenio con Acruga

Darío Campos xunto ao presidente de Acruga, César Dorado

Darío Campos xunto ao presidente de Acruga, César Dorado

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Presidente de ACRUGA, César Dorado Pin, e outras autoridades da Xunta de Galicia e do Concello do Corgo, participou na LXXXIX Poxa Nacional de Raza Rubia Galega e no XXXI Concurso Nacional que tivo lugar este sábado no recinto gandeiro de Adai, no municipio do Corgo, coa colaboración do Executivo Provincial.

O Goberno da Deputación mantén un importante convenio de colaboración con ACRUGA achegando na pasada anualidade 172.000 euros para a recría de xovencas na Granxa Gayoso Castro, na que actualmente hai unhas 150 cabezas. Proximamente asinarase a renovación do mesmo, mantendo a aposta do goberno provincial pola actividade gandeira.

Campos Conde subliñou que “con este tipo de iniciativas, xa asentadas no calendario lucense, incentivamos a economía local, especialmente no rural, a través da promoción de exemplares de calidade como o son as máis de 120 reses que hoxe temos aquí”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información