Ovica reúnese con Medio Rural para trasladarlle as necesidades do sector

O colectivo que agrupa ós produtores de ovino e caprino de Galicia avoga pola implantación de matadoiros móbiles e defende a regulación do traballo de esquilado. Chega a acordos coa Consellería para promover a marca 'Pastores de Galicia'

Ovica reúnese con Medio Rural para trasladarlle as necesidades do sector

Reunión de representantes de Ovica con Medio Rural.

Ovica, a asociación que agrupa ós produtores de ovino e caprino de Galicia, mantivo unha reunión coa directora xeral de Gandería, Belén do Campo, e con outros representantes de Medio Rural para trasladarlle as necesidades do sector. O colectivo chegou a un acordo coa Consellería para a promoción da marca ‘Pastores de Galicia’ e expúxolle a do Campo demandas como a posta en marcha de matadoiros móbiles.

En canto á promoción da marca ‘Pastores de Galicia’, que identifica ó cordeiro e cabrito criado na comunidade con sistemas estensivos ou semiextensivos, Medio Rural apoiará a presenza da marca na feira Salimat, a celebrar na primeira semana de xuño en Silleda, así como no ‘showcooking’ anual do Centro Superior de Hostelería de Galicia.

Ao respecto dos matadoiros móbiles, Ovica considera que a súa posta en marcha permitiría abaratar o custo da comercialización da carne, lastrada na actualidade polos gastos de desprazamento e sacrificio en matadoiros autorizados. Ovica é partidaria de que se modifique o decreto ministerial sobre sacrificio e comercialización directa nas granxas.

Esquilado e formación
Outra das cuestións que defende a asociación refírese á profesionalización dos traballos de esquilado das ovellas. Ovica entende que hai que poñer en marcha un carnet profesional que acredite a formación recibida polos esquiladores. Lembra ademais que as explotacións deben contar cun certificado que garanta a trazabilidade da lá e a súa recollida por un operador autorizado. En relación á lá, o colectivo avoga por apoiar proxectos de recuperación do fiado tradicional da lá en Galicia.

Por último, a asociación transmitiulle á Xunta outra das súas vellas demandas, a implantación dun módulo específico de ovino e cabrún nos centros de capacitación agraria de Galicia. Tamén se interesou pola axilización da submedida de asesoramento, incluída no Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia.

O colectivo agradece en nota de prensa a receptividade amosada pola Consellería as súas propostas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información