“Outros catro anos así deixarían á Rubia Galega en perigo de extinción”

O gandeiro José Antonio Fernández, que concorre ás eleccións de Acruga, advirte sobre a situación na que considera que se atopa a raza autóctona. Incide na necesidade de mellorar a xenética e renovar a asociación

“Outros catro anos así deixarían á Rubia Galega en perigo de extinción”

José Antonio Fernández Álvarez, un dos candidatos á presidencia de Acruga.

José Antonio Fernández Álvarez, gandeiro e expresidente do Consello regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), encabeza unha das tres candidaturas que concorren ás eleccións na Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga). Nesta carreira pola presidencia tamén participan o veterinario Antonio Núñez Torrón e o actual presidente, César Dorado. 

Fernández, que se presenta por primeira vez como candidato, alerta sobre a situación que atravesa a raza autóctona con respecto a outras e o risco de atoparse pronto en perigo de extinción. Critica as tácticas que considera que se están a dar na campaña, á par que reivindica a necesidade de renovar a asociación e mellorar a xenética da Rubia Galega.

Por que decidiu presentarse a estas eleccións?
Eu son un dos socios máis antigos, a miña explotación é das fundadores da raza Rubia Galega, eu vivino dende o comezo e vivín sempre das vacas. Vou ás asembleas e comprobo as aberracións que se viven alí, onde non che deixan falar, e dáste de conta de que ten que haber un cambio.

“É preciso que a Rubia Galega volva ser a raza máis coñecida en Galicia e que non se queiran xa outras opcións”

Xa o valorara noutros comicios?
Hai oito anos apoiara unha lista, pero fora unha colaboración moi pequena. Hai catro anos xa fora unha participación máis directa, conseguíramos evitar o voto delegado, a gran vergoña desta asociación. Naquel momento actuara un pouco en colaboración con Torrón, incluso coa intención inicial de facer unha lista única para sacar a César e conseguir depurar a asociación e que volva a ser dos gandeiros. Naquel momento Torrón quixo facer unha lista el so, sen aceptar ningunha proposta, aí parécese moito a César. Daquelas dixo que se presentaba porque era a súa última oportunidade de ser presidente, logo se cadra xa se xubilaba e esa ía ser a derradeira vez que se presentara. Entón decidimos deixarlle o camiño libre, que concorrese en solitario nun man a man contra César e que puidese desbancalo.

Eu francamente pensei que cumpriría a súa “palabra de gandeiro”, aquela coa que se cerraban os tratos e que se mantiña, pero non foi así. E agora estou convencido de que se presentou co ánimo de perxudicarnos a nós e de favorecer a César. Outro motivo para cuestionar a candidatura de Torrón é porque Torrón, como xefe de área de veterinaria da zona de Fonsagrada e da comarca dos Ancares, deixa bastante en entredito a súa imparcialidade. Non é lóxico que vaia pedirlle o voto a unha persoa desa zona coa presión que pode exercer sobre ela se quere. Non digo que o estea a facer, pero creo que o debería de pensar antes de presentarse.

Como ve a campaña?
Nós temos asumido que podemos perder pero tamén temos claro que non se poden permitir as prácticas que se están dando agora. Non é admisible que o propio día que se convocan as mesas ante notario, estando os tres candidatos, lle propoña a César elaborar un modelo de voto delegado, unha proposta que tamén respaldou Torrón e na que insistimos os dous na busca dun modelo axeitado, e a resposta de César fora marchar e deixarnos alí. Para min isto evidencia que xa había votos delegados antes da campaña. Que non sería o máis grave que está acontecendo na campaña.

O realmente ilegal e irregular é que estea obrigando ós traballadores a buscar votos en horario laboral e cos vehículos da asociación, que se manteñen con fondos da asociación. Agora que estou recorrendo as explotacións, moita xente coméntame que incluso os están presionando para que firmen o voto delegado, con presións de todo tipo. O problema é que ninguén o quere denunciar para evitar ter problemas. Creo que isto vai ser o que lle poida facer a César que teña posibilidades de gañar.

“Acruga debera estar dirixida por un gandeiro que viva das vacas, non por un funcionario nin por un xubilado”

Que valoración fai da xestión dos últimos anos?
Outros catro anos así poden ocasionar que realmente a Rubia Galega acabe moi preto de estar en perigo de extinción. De pasar isto, será tamén a única axuda á que poidamos optar os gandeiros porque César esqueceuse delas. Só se acordou de pasar a cobrar unha cota que condona a quen quere. Temos que ser conscientes de que tanto para César Dorado como para Torrón as vacas son só ingresos residuais, polo que non lles preocupa realmente que a raza vaia ben, que produza máis e moito menos que haxa axudas para os gandeiros. Creo que Acruga debera estar dirixida por un gandeiro a título principal, unha persoa que viva das vacas, e nin o presidente nin os cargos máis destacados deberan ser nin funcionarios nin xubilados.

Cales son as súas propostas para Acruga?
O primeiro para nós é mellorar a raza. A Rubia Galega hai 20 anos era referencia en autóctonas, sobre todo en Galicia pero incluso en España, e que agora estean collendo moito máis peso a Limousin e a Blonda francamente é moi triste, por iso creemos que é o primeiro que temos que facer. Creo que a vaca Rubia Galega nun prado é un símbolo de Galicia case á par co escudo, porque se algo representa a Galicia é iso.

“Eu vivo das vacas e comprométome a conseguir axudas. O mantemento dunha raza autóctona debe contar con apoio institucional”

Algo no que queremos incidir xa dende un principio é nunha asociación transparente e imparcial e non presidencialista. Precisamos cambiar os estatutos e o que sexa preciso para que o presidente non teña o poder que ten, acabar co voto delegado e con outros aspectos que non favorecen nada que os socios e a Rubia Galega prosperen.

Cremos tamén importante apostar pola mellora xenética, darlle máis servizos ós nosos gandeiros e que conten con axudas, polo que temos que fomentar a colaboración coa administración e distintos organismos. É necesario ter poxas frecuentes de xatas e de touros para que os gandeiros poidan acceder a eles cando teñan algunha baixa; non facer como agora, que se se mercan 150 xatas e as levan para a granxa da Deputación, púxanse só 50 e o resto quedan para os seus “amigos”.

Na xenética temos moito que facer. Hai que mellorar a aptitude no parto, que os becerros non teñan problemas para mamar ó nacer porque cando isto ocorre nunha explotación extensiva implica que vaia morrer unha porcentaxe moi alta. Precísase que as vacas sexan suficientemente lactantes, algo que se estivo perdendo nos últimos anos, ó igual co tamaño da raza, que tamén se vén resentindo e en pouco tempo parécese demasiado á Cachena.

Hai que facer esforzos para primar e diferenciar a carne da Rubia Galega e isto implica sacar adiante o logo da raza autóctona, que vai axudar a comercializar a carne.

 “O primeiro é ter unha asociación transparente e imparcial e logo é fundamental incidir na mellora xenética”

En que liñas cre que é preciso incidir máis nos próximos anos?
Se saímos, o primeiro é ter unha asociación sen presidencialismos e asentada na imparcialidade e transparencia, pero logo é fundamental incidir na mellora xenética. É onde hai que investir os cartos. É preciso que a Rubia Galega volva ser a máis coñecida e que non se queiran xa outras opcións.

Cree que a súa experiencia no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica pode servirlle tamén en Acruga?
Eu vivo das vacas e comprométome a conseguir axudas. Non somos os gandeiros en exclusividade os que temos que fomentar a supervivencia dunha raza autóctona, debéramos contar co apoio institucional. É preciso primar ós gandeiros que están favorecendo esta conservación. Eu creo que a miña experiencia en agricultura ecolóxica pode aportar moito. Alomenos en Craega nunca se me acusou de ser presidencialista e eu sempre busquei afastarme diso e creo que Acruga debe deixar de selo.

A candidatura

E no referente á súa candidatura, que perfís buscaba?
Ademais de adaptarnos ó cumprimento dos estatutos e contar con socios, buscamos xente que teña interese e crea na raza. Hai un par deles que cando lle propuxen que formaran parte da candidatura dicíanme “pero eu teño un touro Blonde ou Limousin”, a min non me querían enganar en ningún momento e crían que podía non ser acertado que estiveran na candidatura. Pero eu valoro que eles non están contentos coa situación que temos agora na asociación e que queiran cambiala. Se eles teñen un touro Blondie van ter aínda máis empeño en cambiar a raza, mellorala e poder vendelo pronto e ter un rubio que lles dea os mesmos resultados. A maioría son xente que conta con Rubia Galega, pero non todos, o que si buscamos foi xente profesional e que viva das vacas.

Xunto a José Antonio Fernández forman parte da candidatura Raquel Fernández Neira (vicepresidenta), Carlos López López (secretario), Manuel Pérez Villar (tesoureiro), Pablo Rivera López (interventor) e Carlos Javier Díaz López, Manuel Alejandro López Penas, Benito Álvarez Fernández, Indaleio Neira Neira, Teolindo Javier Barro Pardo e Azucena Diaz Cuba como vogais.


Nota: Esta é a segunda entrevista de Campo Galego a un candidato á presidencia de Acruga. Nos próximos días publicaremos a terceira e última.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información