‘Os xurros e os estercos, tesouro para a fertilización dos cultivos’

Ao fío da polémica polas emisións de amoniaco dos puríns empregados para o abonado das terras agrarias, este artigo de José Luis Cortiñas repasa o valor agronómico da aplicación das dexeccións gandeiras ó solo

‘Os xurros e os estercos, tesouro para a fertilización dos cultivos’

Sábese desde hai tempo que os sistemas cultivo – gandeiría son sistemas mellorantes da fertilidade do chan. Nunha explotación agrícola, as dexeccións dos animais son un verdadeiro tesouro que convén usar con bos criterios. A regra básica a respetar é botar a dose axeitada no mellor momento. Nun bon reparto das dexeccións, xogámonos moitos cartos e probablemente tamén un modelo de produción, pois é notorio que hai unha esixencia crecente da sociedade sobre aspectos medioambientais.

Cando empregar os xurros? Partindo da premisa de que tanto os xurros de cocho coma os de vacún teñen un nitróxeno rápido, asimilable no ano, e de que ós prados gústalles o xurro na primavera, temos que analizar as seguintes cuestións.

O purín diminúe a apetencia do pasto?
Os traballos feitos demostran, en xeral, que os xurros de cocho e de vacún non representan ningún problema de inapetencia da herba, tendo en conta que se deben evitar as enmendas en periodos secos para que non se pegue ás prantas e gardar un periodo entre aplicación e aproveitamento do prado.

Cal é o periodo máis favorable para botar os xurros?
Desde un punto de vista agronómico, o mellor momento para aplicar os xurros é o fin do inverno e primeiros de primavera, é dicir cando o crecemento das gramíneas é importante e a eficacia do nitróxeno é alta.

Para o primeiro aproveitamento do prado, sexa sega para silo ou pastoreo, o aporte de xurro pode ser sustituído por nitróxeno mineral, se as condicións climatolóxicas non permiten a aplicación do xurro, e facer o aporte de xurro con posterioridade ó primeiro corte.

Si sabemos que a partires do fin de xuño, todo aporte de nitróxeno é desperdicio. Para o rebrote do outono, o nitróxeno aprovisionado no chan será suficiente. Hai que ter en conta ademais que o normal é que nos restrinxan o uso de xurro do 15 de novembro ó 15 de xaneiro, co cal nos quedan uns tempos de bota curtos.

Que normas sanitarias hai que respetar na aplicación do xurro?
Os riscos sanitarios existen, pero son controlables tendo en conta unhas pautas básicas, como son as de respetar un periodo mínimo de almacenaxe de 60 días sen novas entradas e gardar un periodo entre bota e aproveitamento do prado -variable segundo época e estado da herba-.

Cal é a composición do xurro?

A composición do xurro é moi variable ao longo do ano. O ideal sería dispoñer dunha analítica dos xurros antes de cada periodo de esparcemento. A composición media dos xurros en Kg /m³ adoita ser a seguinte:

Vacún Nitróxeno Fósforo Potasio
Xurro moi líquido 1,6 0,8 2,4
Xurro líquido 2,7 1 3
Xurro espeso 4 2 5
Porcino
Xurro semiespeso 9,6 4,8 5,9
Xurro mixto 4,3 3,8 2,6

Produtos de nitróxeno lento
Os estercos e o compost caracterízanse por unha maior lentitude na absorción en solo do nitróxeno. O compost é un esterco que estivo aireado mecanicamente para acelerar a maduración e a formación dunha materia orgánica estable. Está feito principalmente a partir dun esterco palloso de camas compactadas por acumulación. A diferenza do compost, o esterco feito (vello) é un esterco que se deixou amoreado e sen removelo durante alomenos seis meses. É o resultado dunha mistura de dexeccións animais cunha cama, normalmente de palla.

O compost acada boas composicións segundo sexan as aportacións de palla que se fagan. Para animais estabulados recoméndanse 6 kg. de palla por vaca e día en granxas de leite e 5 kg. por vaca e día en ganderías de carne.

Enriba das pradeiras, desaconséllase botar esterco fresco para evitar problemas de rexeitamento e de degradación da cuberta vexetal. En xeral, os periodos de vaciado dos estercoleiros (xaneiro-marzo) non son os máis favorables para expandilo polo prado, pola escasa degradación das pallas antes do inicio do crecemento da herba.

O compost caracterízase por ser un produto inocuo desde o punto de vista sanitario. Os estercos compostados poden ser esparcidos ata a 10 metros das construccións e é posible botalo todo o ano, evitando as secas do verán.

En canto ó esterco vello, a botadura débese facer de setembro ata os primeiros do inverno para asegurar un longo periodo de degradación. É un produto que aumenta o rexeitamento no pastoreo e a distancia de aplicación aumenta ata 50 metros a construccións próximas.

Tanto no compost como nos estercos, os efectos do nitróxeno son baixos a curto prazo, pois o nitróxeno precisa de tempo para a súa transformación a formas asimilables polos cultivos, se ben o fósforo e o potasio si teñen unha dispoñibilidade máis inmediata.

A concentración de nitróxeno, fósforo e potasio dos estercos varía moito dunha granxa a outra en función da cantidade de palla, da alimentación, do tipo de establo e do xeito de stockage. Por iso é aconsellable unha análise do produto, de cara a calcular as aplicacións máis axeitadas.

Concluímos voltando á reflexión inicial, as dexeccións dos animais son un verdadeiro tesouro que cómpre utilizar con bos criterios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información