Os produtores de carne de coello traballan para reducir nun 30% o uso de antibióticos

O sector conta cun acordo específico de redución de uso destes fármacos e un grupo operativo para formalizar accións nesta liña. Algunhas das propostas nas que traballan foron detalladas nunha xornada específica celebrada en Lalín o pasado 5 de xullo

Os produtores de carne de coello traballan para reducir nun 30% o uso de antibióticos

Mª Luz de Santos, directora de Intercun, na xornada celebrada en Lalín.

A redución do uso de antibióticos non é algo específico do sector cunícola senón que é un dos retos que afrontan os diferentes sectores gandeiros nos últimos tempos a axudar a combater a aparición de bacterias resistentes. O sector cunícola abordou en Lalín, en días pasados, como afrontar a redución do uso destes fármacos. Desde a Organización Interprofesional Cunícola (Intercun) impulsan estratexias conxuntas como un acordo específico que traballa na diminución do emprego de antibióticos nas granxas ou a posta en marchar dun grupo operativo, xunto a outros actores do sector. Este grupo pretende lograr investigacións que ofrezan aos cunicultores ferramentas innovadoras que compensen os posibles efectos negativos que poida carrexar un uso máis prudente dos antibióticos en cunicultura.

“A redución do uso de antibióticos obedece á procura dunha produción máis sustentable e evitar o desenvolvemento de superbacterias, cada vez cunha maior resistencia aos antibióticos”, explica a directora de Intercun, Mª Luz de Santos. A experta, deixa claro desde un principio que esta redución non está motivada pola presenza de antibióticos na carne. “Unha extensa e esixente normativa comunitaria e nacional regula o uso de medicamentos e a existencia de períodos de supresión que garante que a carne está libre de antibióticos e que o seu consumo non supón ningún risco”, detalla de Santos.

As superbacterias

O uso recorrente de antibióticos, tanto en medicamento humano como en sanidade animal, propiciou a proliferación de superbacterias; bacterias resistentes aos antibióticos. Como explica o veterinario José María Fernández, da Asociación de Veterinarios Especializados en Cunicultura (Avecu), “a resistencia das bacterias é un fenómeno natural, pero o tempo das bacterias é moi diferente ao dos humanos, e en apenas 4 horas xa se están multiplicando. Con estes tempos, xa hai resistencia a antibióticos que aínda non saíron ao mercado”, concreta.

Segundo explica o experto, un dos motivos que contribúe a este avance é o uso masivo, tanto en granxas como en atención sanitaria primaria, que se fixo dos antibióticos. A isto súmase que non se traballase de forma conxunta para evitar este avance e os efectos da globalización.

Antibioticos-veterinaria-

Acordo ARAC

“En Galicia todo o sector traballa na mesma dirección e con maiores esixencias que no resto da Península”

Neste contexto, púxose en marcha un Plan Nacional de Resistencia Antibióticos, que dunha forma conxunta busca reducir a contribución do uso de antibióticos á resistencia bacteriana, tanto en medicamento humano como en veterinaria. É unha estratexia que busca preservar de maneira sustentable a oferta terapéutica existente.

O sector cunícola activou, hai pouco máis dun ano, un Acordo Voluntario para a Redución de Antibióticos en Cunicultura co fin de contribuír a este plan de forma voluntaria e anticipada e respondendo a unha demanda que os consumidores xa expuxeron.

Obxectivos do acordo

O Acordo ARAC ou Acordo de Redución do Uso de Antibióticos en Gandaría busca reducir nun 30% en dous anos a cantidade de antibióticos utilizados. Tamén inclúe a eliminación total dos antibióticos críticos, que son aqueles que se comparten en sanidade animal e medicina humana, como a colistina. Desde Avecu, insisten na importancia de incrementar o uso de probas de diagnóstico e de sensibilidade que contribúan a reducir o uso de antibióticos.

Con referencia a estes obxectivos, José María Fernández concreta que se constata xa unha alta redución antibiótica nos pensos. “En Galicia todo o sector traballa na mesma dirección e con maiores esixencias que no resto da Península”, detalla o veterinario.

“Os antibióticos non son a solución a un mal manexo, unha mala nutrición ou instalacións deficientes”

Fernández tamén incide en que nos atopamos ante un cambio de modelo produtivo: menos intensivo e máis respectuoso coas boas prácticas cara ás necesidades dos animais. Con todo, o veterinario recoñece que “a pesar de que pomos todos os medios ao noso alcance, en moitas granxas hai un empeoramento dos índices produtivos”. Unha situación que achaca a que “os antibióticos non poden seguir sendo un remedio ao mal manexo, a mala nutrición ou as malas instalacións”, reclama.

Grupo Operativo Idcura

Ademais deste acordo, desde o sector púxose en marcha o Grupo Operativo Idcura. Este grupo está integrado por Intercun, Avecu, a Asociación Española de Cunicultura (Asescu) -que reúne aos principais grupos de investigación cunícola en España- e algunhas empresas e cooperativas. O Grupo Operativo ten como colaboradores á Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) e á Subdirección de Sanidade Animal do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

“Moitas enfermidades carecen de suficiente coñecemento para tratalas con eficacia”

Idcura xorde tras detectar que para lograr unha redución real do uso de antibióticos é preciso definir ferramentas concretas e iniciativas ordenadas coas que conten os cunicultores de maneira que poidan aplicar na súa granxa as que mellor se lle adapten. “Hai unha importante carencia na investigación de patoloxías cunícolas e moitas enfermidades carecen de suficiente coñecemento para tratalas con eficacia”, alerta a directora de Intercun, Mª Luz de Santos.

Ante estas deficiencias, o grupo operativo busca lograr solucións técnicas innovadoras que, cun uso máis racional de antibióticos, permitan manter a rendibilidade das explotacións. Este obxectivo máis xeral concrétase coa elaboración dun catálogo de solucións técnicas e innovadoras que contribúan á redución da taxa de mortalidade nas granxas.

Liñas sobre as que investigar

O grupo operativo definiu xa algunhas das liñas de traballo sobre as que valora realizar investigacións aplicadas ás granxas. Entre outras destacan a necesidade de abordar a alimentación animal, a identificación de factores antixénicos de E. Coli, ou a procura dun dispositivo fiable de aplicación ante as enfermidades víricas.

Idcura tamén incide en que é preciso lograr reprodutoras de razas máis resistentes ás enfermidades. Ademais, queren contar cun rexistro continuo de datos ambientais das granxas para cruzar con datos de mortalidade. “Expúxose a necesidade de probar os avances en condicións de granxas infectadas, para o que faría falta unha granxa onde se poida reproducir de forma experimental a enfermidade”, detalla de Santos.

Entre outras propostas tamén abordan a compilación de factores de bioseguridad, manexo e instalacións e o contacto directo con grupos de investigación para contribuír á redución do uso de antibióticos.

Algunhas cifras do sector en España

A pesar das dificultades, como recoñecen desde o sector, España é un dos principais produtores de carne de coello, exceptuando China. A produción alcanza as 56.782 toneladas, cun valor de 293 millóns de euros. Estas cifras motivaron que España se sitúe por diante de Italia e Francia na produción de carne de coello. Así, no 2017, sacrificáronse 45,8 millóns de coellos.

O censo cunícola en España é de 6.3272.786 e unhas 800.000 reprodutoras, repartidos nunhas 1.600 explotacións. Boa parte delas corresponden a unha estrutura empresarial familiar. Estas granxas constitúen unha actividade dinamizadora dos espazos rurais nos que se asintan. Xunto ás granxas cunícolas, en España existen 49 matadoiros.
O sector, a nivel estatal, xestiona 6.000 postos de traballo directos e 12.000 indirectos.

As exportacións de carne de coello situáronse en 2017 nas 7.032 toneladas (6.827 tn cara á UE e 205 tn exportadas a terceiros países).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información