Os prezos de Ternera Gallega remontan tras 9 meses á baixa

A mesa de prezos de Amio decide unha suba de 2 céntimos por quilo, que se eleva a 4 céntimos na categoría Suprema. A Fruga advirte dos problemas que atravesan as explotacións de vacún de carne

Os prezos de Ternera Gallega remontan tras 9 meses á baixa

O vacún de carne acumulaba nove meses de baixadas de prezos.

Os prezos da carne de vacún, que tradicionalmente viñan repuntando no verán, comportáronse este ano de xeito atípico. Durante os primeiros seis meses do ano, as cotizacións de Ternera Gallega cairon por riba dos 40 céntimos de media; en tanto que o verán transcurriu sen ningunha recuperación dos prezos. O primeiro síntoma de mellora chegou na sesión de hoxe da mesa de prezos de Amio, onde se acordou unha suba de 2 céntimos por quilo en Ternera Gallega e de 4 céntimos en todas as categorías de Suprema en base a unha leve baixada da oferta.

O descenso do consumo de carne de vacún, motivada pola crise, e aspectos de mercado coma o embargo ruso ou o aumento de sacrificio de vacas de leite explican parte do problema que vén experimentando o sector ó longo de todo o ano, segundo valoran as organizacións agrarias. A Federación Rural Galega (Fruga) ofreceu hoxe unha rolda de prensa para solicitar que a Xunta poña en marcha un órgano de encontro entre produtores e industrias, ó estilo da Mesa da Carne que funcionou no pasado. A organización entende que os problemas que atravesan as explotacións débense abordar nun marco institucional que permita a busca de solucións.

Desde a Fruga lembran o importante peso que ten o vacún de carne en Galicia, con arredor de 10.000 explotacións e principal actividade agraria en comarcas como a montaña lucense, A Fonsagrada ou Ourense central.

Prezos en Amio
As cotizacións de Amio experimentaron tamén importantes subas no gando de abasto, tanto nos tenreiros, entre 10 e 24 céntimos por quilo, como en vacún maior, con 10 céntimos por quilo nas categorías S, E, U e R. As subas, segundo explica o Mercado de Amio, débense a axustes técnicos. En recría non houbo variacións.

Axudas de razas autóctonas

A Fruga manifestou hoxe que están en vías de solución os problemas rexistrados por parte das explotacións solicitantes de axudas para razas autóctonas no 2013. A organización agraria sostén que a maioría das granxas viran denegada a súa solicitude, polo que a organización presentara recursos no seu día en nome dos seus asociados. Ditos recursos, informa a Fruga, foron admitidos a trámite, polo que agardan unha pronta resolución positiva ó problema.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información