“Os mastíns son o método máis eficaz contra os ataques do lobo”

Falamos con Joan Alibés, de O-Xan, un grupo que naceu en 2015 para xestionar de forma dialogada a problemática do lobo en Galicia. Integra a gandeiros, cazadores, entidades conservacionistas e investigadores. “Os gandeiros debemos divulgar e informar máis para gañarnos a opinión pública”, subliña.

“Os mastíns son o método máis eficaz contra os ataques do lobo”

Joan Alibés co seu rabaño en Meira (Lugo). Foto: Vítor Mejuto

Reunir a gandeiros, cazadores, entidades conservacionistas e investigadores para, de forma dialogada, chegar a uns puntos de acordo sobre a xestión dos danos que provoca o lobo na gandería e o control da súa poboación de ser necesario.

O que parecería unha quimera, debido ás posturas extremistas que dun e outro bando aparecen nas redes sociais e nos medios de comunicación, está sendo posible en Galicia dende hai máis dun ano grazas a O-Xan, que se define como “un grupo de opinión para a xestión dialogada do lobo” na comunidade galega.

Falamos con Joan Alibés, un gandeiro de ovino e caprino asentado en Meira (Lugo) e un dos membros máis activos de O-Xan.

¿Estase a detectar un incremento dos ataques do lobo ao gando en Galicia?
Os datos oficiais de ataques recoñecidos pola Consellería de Medio Ambiente non indican grandes cambios. Hai pequenas variacións anuais pero se só nos fixamos nestes datos estamos mirando so cun ollo o que acontece. Moitos ataques non son denunciados ben por ser poucos animais ou ben por saber que se vai tardar uns dous anos en cobrar os danos. Os datos oficiais son a punta dun iceberg que debemos facer emerxer, e só nese momento veremos a realidade dos ataques.

¿Realmente o lobo é unha especie en perigo de extinción….ou está habendo sobrepoboación nalgunhas comarcas?
Dende O-Xan temos datos suficientes para afirmar que a especie, en Galicia, non se atopa en perigo. Dos datos do último censo despréndese que a poboación de lobo está espallada por case todo o territorio e nos últimos anos mantén un censo aproximado de entre 600 e 700 animais adultos.

“O lobo en Galicia non está en perigo: hai entre 600 e 700 adultos”

En certas zonas, as mandas acadaron os 5 ou 6 adultos e estas poden xa atacar sen moitos problemas a unha vaca. É por iso que en casos de ataques repetidos se pode solicitar unha batida para tentar de reducir os ataques.

A historia da relación entre o lobo e o ser humano é de competencia e conflito, e parece que Galicia non é unha excepción. Dado que o home é o único depredador do lobo, ¿É inevitable o control selectivo da súa poboación? ¿A xestión do lobo implica inevitablemente control da súa poboación?
Esta é a pregunta máis controvertida e na que estamos a traballar en O-Xan. Así como a presenza do lobo no territorio é unha elección da sociedade, o número de lobos que a sociedade “quere” ou “tolera” é tamén unha elección. Partindo da base que a situación da especie non é preocupante en Galicia, queda dialogar entre todas as partes, incluída á Consellería, para tratar de definir unha estratexia.

¿Como se está afrontando a problemática do lobo no resto de España e en países veciños como Portugal ou Francia?
No resto de España a situación preséntase con fortes tensións que van en aumento. O lobo está volvendo colonizar pouco a pouco a Península, está xa do outro lado do Douro, esténdese pola serra de Madrid e chega xa ao País Vasco. Por outra banda, lobos de orixe italiano e alpino estanse achegando a Cataluña. Esta expansión demostra que a especie ten boa saúde e que vai colonizando novas zonas. Para evitar o conflito e rebaixar a tensión a única liña de traballo que temos é a previsión, o diálogo e a determinación das administracións autonómicas para pode abordar a inevitable convivencia.

En Portugal, aínda que o lobo está protexido, a situación non difire moito da de Galicia, onde o lobo é considerado unha especie cinexética. O lobo no país veciño segue a súa expansión a pesares da caza furtiva. Isto demostra que a problemática non se soluciona a nivel legal, senón que compre afrontar a complexidade da situación por parte da administración.

En Francia, aínda que o censo oficial rolda os 300 a 400 lobos, as asociacións ecoloxistas que están a facer un seguimento por todo o país (Observatoire du loup) estiman que a poboación pode duplicar os datos oficiais. O que está acontecendo é semellante á situación española, se ben nas zonas con máis lobos a administración está apoiando aos gandeiros con medidas de prevención e distribución de mastíns entre os gandeiros.

Un caso aparte é Suíza, onde os gandeiros poden solicitar ao estado pastores para vixiar o gando no verán, cando soben aos pastos de altura cos seus rabaños.

¿Que medidas lle pedides dende O-Xan á administración para afrontar a xestión do lobo? ¿As axudas realmente son eficaces e sustentables?
Hai que ser conscientes que é o conxunto da sociedade quen asume e apoia a presenza do lobo no noso territorio, incluído o sector gandeiro. Por conseguinte, o lobo é de todos e os gastos necesarios para afrontar a xestión do lobo deben ser asumidos polo conxunto da sociedade e, por competencias, pola Xunta de Galicia.

No ano 2008 publicouse o Plan de Xestión do Lobo en Galicia. Neste documento recóllense as principais liñas de traballo para a xestión da especie e a correcta coexistencia coa sociedade. Dende O-Xan pensamos que o texto é acertado e describe todo aquilo que se require: diálogo, supervisión, divulgación, prevención, investigación,… Lamentablemente, non se está a desenvolver o Plan coa intensidade necesaria. Moitos aspectos quedaron sen aplicarse e outros, como as medidas de prevención, esquecéronse durante anos.

Por iso, dende O-Xan, propoñemos retomar o Plan de Xestión como base para relanzar as medidas necesarias. O ano pasado propuxemos unha serie de melloras como a axilización dos pagos por danos e a reintrodución das axudas anuais para a prevención de ataques. Ademais, queda por apostar con máis forza pola realización de censos coa periodicidade descrita no Plan, a elaboración de estudos sobre as medidas de prevención, e pola formación e divulgación, e tamén se deben poñer as medidas suficientes para previr e paliar os danos ao gando.

“O diálogo entre os sectores da sociedade axudaría a reducir a conflitividade sobre o lobo”

As axudas son eficaces se se realizan de forma correcta. O pago polos danos sufridos por ataques de lobos son necesarios, pero un atraso no seu pagamento pode empeorar a situación incitando á lóxica indignación dos gandeiros. Pero unha axuda anual para difundir e aplicar medidas de prevención permite xerar unha “cultura de prevención”, entre o sector gandeiro o que permitiría reducir os ataques. Por outra banda, o diálogo entre os sectores da sociedade axudaría na redución da conflitividade e non supón gasto algún, esta é a medida máis eficaz e sustentable de todas.

Distribución do lobo en Galicia: 

LOBO_GZ_OXAN

Fonte: O-Xan

Neste conflito parece que para a opinión pública, sobre todo a urbana, os gandeiros solen ser os malos da película. ¿Que estratexias cres que deberían seguir para gañarse máis a unha sociedade cada vez máis urbanizada e que é máis receptiva ás demandas de colectivos animalistas?
Informar, divulgar e difundir. Non queda outra. A confrontación e o desprezo tanto duns como doutros non conduce máis que ao conflito. As redes sociais están cheas de exemplos, grupos ás veces de poucas persoas que xeran gran rebumbio. Títulos como “Si no quieres lobos no quiero tu queso ni tu carne” ou “Con lobos no hai paraíso” non axudan para nada ao diálogo. Por iso O-Xan é un “grupo de opinión” e un dos obxectivos principais é establecer unha vía de comunicación coa sociedade e os medios para intentar reverter o impacto mediático negativo que xira arredor do lobo e que non axuda a acadar o obxectivo da coexistencia.

“Os gandeiros debemos divulgar e informar máis para gañarnos a opinión pública”

Neste punto os medios de comunicación xogades un papel fundamental. Non é o mesmo informar sobre un “ataque de lobo ao gando” que sobre un “brutal suceso acontecido de madrugada”, por poñer un exemplo.

Os colectivos animalistas xogan un papel cada vez máis dominante na nosa sociedade, pero como todo grupo de presión non debe monopolizar o espazo público nin rexeitar ao resto de membros. Dende o rural debemos poñer en valor o noso modo de vida e, sen victimismos, transmitir que queremos vivir no rural e do rural.

Dende o punto de vista do gandeiro, ¿Que medidas de prevención aconsellarías como que se están demostrando efectivas para previr os ataques dos lobos?
Dende O-Xan, e grazas ao traballo dos investigadores que forman parte, estamos a recopilar todos as experiencias que se teñen realizado a nivel europeo sobre métodos de prevención. A primeira conclusión que sacamos é que non se ten traballado dabondo sobre o tema e que os resultados de moitos estudos son parciais. Isto representa un gran atranco para a difusión das medidas preventivas xa que non están suficientemente respaldadas. Neste sentido, membros de O-Xan formaron o ano pasado un Grupo Operativo para a Innovación para que este ano poidamos presentar un proxecto de innovación na procura duns métodos efectivos adaptados aos sistemas de manexo do gando en Galicia.

“A Xunta segue sen aplicar o Plan Integral de Xestión do Lobo”

Sobre que medidas se poden tomar, pola miña experiencia como gandeiro e técnico, os mellores métodos son: os mastíns, sempre que traballen de forma correcta e co gando dentro de peches (fixos ou móbiles), e os peches fixos de 1,5 metros, con malla ovelleira e arames electrificados (abaixo e arriba), tal e como se describía na orde de axudas de prevención de danos publicada no ano 2012. O resto de métodos non son suficientemente efectivos para deixar o gando solo.

En todo caso, compre adaptar os métodos de prevención ao manexo da gandería e aos limitantes do gandeiro/a. Por iso, o traballo técnico de Beealia é realizar un análise global da gandería antes de aconsellar e poñer en marcha os pertinentes métodos de prevención.

O xabarín é outra especie salvaxe que, segundo agricultores e gandeiros, provoca importantes danos económicos nos cultivos, dende o punto de vista económico mesmo maiores que os do lobo. ¿Que medidas propoñedes dende O Xan para afrontar o seu control?
O-Xan está a traballar, polo de agora, unicamente sobre o lobo. Moitos dos membros nos teñen falado da problemática do xabaril, pero non estamos a debater sobre o tema. Como gandeiro, si creo que debemos agradecer aos cazadores (moitos deles tamén gandeiros) polo traballo que están a realizar no control da poboación. Por moito lobo que teñamos en Galicia este non será capaz de controlar a poboación de xabaril nuns niveis aceptables para poder desenrolar actividades agrícolas no noso territorio.

¿Algo máis que queiras engadir?
Dende O-Xan queremos tender unha man á Xunta e á Consellería de Medio Ambiente para que participen no diálogo, por outra banda tan necesario, e traballemos en conxunto sobre todos os aspectos do Plan de Xestión do Lobo, un documento cheo de boas palabras, pero que carece de aplicación práctica en moitos apartados (prevención, divulgación, formación, investigación,…).

En termos de apoio institucional hai exemplos moi interesantes na contorna europea. Suíza apoia aos seus gandeiros con pastores contratados para gardar o gando nos pastos de verán dos Alpes.

Una idea sobre ““Os mastíns son o método máis eficaz contra os ataques do lobo”

  1. Benito Vázquez

    totalmente dacordo, sobre todo os danos deben ser abonados sin demora e sin disculpas por parte da administración. E importante que a unica voz que se escoite non sexa a dos grupos ecoloxistas, parece que sémpre están na posesión da verdade e non e certo

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información