“Os fitobióticos e as vacinas van ter un gran uso no futuro en veterinaria”

Entrevista ao veterinario chantadino Gonzalo López Lorenzo, pertencente ao grupo Invesaga da USC, que vén de ser galardoado na última edición do premio European PCV2 Award polo seu traballo sobre Circovirus Porcino Tipo2 (PCV2), unha das enfermidades máis comúns nesta cabana gandeira

“Os fitobióticos e as vacinas van ter un gran uso no futuro en veterinaria”

Gonzalo López Lorenzo recibindo o premio en Lyon de Maurice Pensaert e Bernd Grosse Liesner.

Gonzalo López Lorenzo, veterinario chantadino e membro do grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga) da USC vén de ser galardoado na última edición do premio European PCV2 Award, un certame de periodicidade anual convocado pola multinacional veterinaria Boehringer Ingelheim, e a través do que se distinguen os tres mellores proxectos de investigación europeos sobre Circovirus Porcino Tipo2 (PCV2).

Nesta entrevista analiza os últimos avances sobre esta enfermidade, da unha serie de recomendacións para a prevención das enfermidades víricas nas granxas de porcino e ofrece a súa opinión sobre por onde camiñarán os tratamentos veterinarios no futuro.

¿Que supón para ti e para o Invesaga o seres galardoado na última edición do Premio European PCV2 Award de Boehringer?
O European PCV2-Award supón un recoñecemento ao traballo que estamos a desenvolver no grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga) do campus de Lugo. O tribunal valorou que a nosa proposta de investigación, a parte de ser moi novidosa, poderíase aplicar a outros virus. Tamén valoraron a experiencia que ten o noso grupo na detección de virus en mostras ambientais, ferramenta que están demandando xa programas de control de enfermidades, analizando mostras procedentes de toda Europa.

Para min é un empuxe moral na miña labor investigadora, xa que soamente hai dos anos que finalicei a carreira veterinaria e acábanme de conceder un premio de renome internacional no que compiten os mellores equipos do mundo especializados nesta infección.

¿Por que estades centrando a vosa investigación no Circovirus Porcino Tipo2 (PCV2)? ¿Cal é a situación actual desta enfermidade en España e que perdas supón para o sector?
O feito de centrar a investigación no PCV2 aparece por dous motivos. Primeiro porque é un virus moi prevalente e de importancia na produción porcina, e segundo porque é similar a outros virus cos que xa tiñamos traballado no Invesaga. Con isto, podemos empregar a experiencia obtida de antes e aplicala neste virus, ademais de seguir avanzando nas técnicas de detección ambiental, ampliando a nosa experiencia a outras enfermidades.

A situación do Circovirus Porcino Tipo 2 en España é igual á do resto de países nos que hai gando porcino. Practicamente todas as explotacións están infectadas, pero isto no quere dicir que chegue a aparecer a enfermidade, xa que en moitos casos cursa subclínicamente e soamente aparecen animais con síntomas en caso dalgunha modificación no manexo ou un fallo vacunal.

Aínda así, é unha enfermidade que responde realmente ben á vacinación, e salvo que tamén estea implicado de forma concorrente outro patóxeno, conséguese controlar na maior parte dos casos.

“Esta enfermidade pode provocar un custo extra de entre 5 e 10 euros por animal”

As perdas para o sector aparecen cando a enfermidade se presenta de forma clínica ou ben subclínica, e por diversas causas tarda en responder como esperabamos á vacinación. As perdas débense ás baixas nos casos máis graves, pero o máis frecuente é ver unha redución importante no crecemento e ao aumento dos índices de conversión, xunto cun aumento do custo debido a infeccións secundarias.

É moi difícil concretar unha cifra económica, pero pódese estimar un custo extra entre 5 e 10€ por animal segundo a situación particular de cada granxa.

Centras a túa investigación na detección deste virus en mostras ambientais por técnica PCR ¿Que avances e vantaxes supón esta técnica para loitar contra o Circovirus porcino?
O uso da PCR permítenos detectar o Adn do virus, indicando que este está presente. A PCR ademais permite cuantificar a cantidade dese Adn. É a aplicación dunha técnica que se esta a empregar no diagnóstico en animais para o estudo no aire e no ambiente das granxas.

A súa aplicación aínda é moi recente polo que cada día estamos descubrindo novas aplicacións no estudo das infeccións animais. O uso desta técnica en mostras ambientais supón unha novidade no feito de abordar a enfermidade xa que traballamos, ademais dos animais, sobre o entorno no que están.

Este traballo está deseñado no tocante á bioseguridade tanto interna como externa. O feito de cuantificar a cantidade do virus en superficies da granxa en contacto cos animais, perímetros, traballadores e fómites permite detectar puntos críticos de cara ao mantemento e diseminación do virus.

“Queremos comprobar se se transmiten os virus entre granxas polo aire”

Por outro lado, o feito de analizar o aire que están a respirar os animais permítenos detectar se hai partículas do virus, cantas están a respirar os porcos ao longo do día e se é posible que estas sexan as causantes de infectar aos porcos, provocando ou non a enfermidade.

De ser capaces de detectar o PCV2 a distancia da explotación poderemos afirmar que existe o risco de transmisión aeróxena entre granxas.

Esta técnica ten moitas aplicacións prácticas. Ademais de detectar contaminacións de instalacións e utensilios, serve para valorar as medidas de bioseguridade das granxas, a eficacia de protocolos de limpeza e desinfección, a dinámica de eliminación do virus segundo a fase produtiva e o estado inmunitario do animal, etc.

Un efecto importante nos produtores é que posibilita “visualizar” o virus. Non é o mesmo dicir que un utensilio pode estar contaminado que mostrar a cantidade de virus que se detecta no mesmo.

¿Podes avanzar algúns resultados da investigación que estades a realizar?
De momento aínda temos moi poucos resultados como para poder xeneralizalos. Ata o de agora estámonos encontrando cunha situación curiosa -pode perder peso segundo avance o estudo- pero por exemplo, a nivel de superficies, nas salas de partos estamos atopando o PCV2 nos corredores, pero non en superficies en contacto directo coas porcas nin cos leitóns.

“Nas granxas de porcino hai máis virus nos corredores, por onde circulan os traballadores”

Isto danos unha idea do efecto que poden ter os propios traballadores na diseminación do PCV2 dentro da granxa, pero tamén pode ser estrapolable a outros axentes infecciosos.

Para as explotacións porcinas, ¿Que medidas de prevención aconsellarías para previr o Circovirus Porcino Tipo2?
Para previr o PCV2 a primeira medida é a vacinación. Todas as explotacións deben ter un plan vacunal acorde á súa situación epidemiolóxica, non só fronte ao PCV2, senón fronte a todas as posibles enfermidades que poidan estar presentes.

É moi importante cumprir o plan vacunal e revisalo e actualizalo se fose preciso, xa que o PCV2 é un virus inmunosupresor e ante calquera modificación no estatus sanitario ou nutricional pode provocar un brote, ben sexa de circovirose ou complicar outras enfermidades secundarias.

Tamén é importante ter un manexo organizado, garantindo un adecuado fluxo de animais entre fases e naves, traballando en réxime todo dentro – todo fora cunha limpeza exhaustiva entre lotes e desinfección con produtos aos que o PCV2 é sensíbel.

Dentro do manexo tamén debemos evitar mesturar animais de distintos orixes e idades, sobre todo na fase de transición. Un punto moi importante é separar o máis rápido posible os animais que están enfermos e poñelos en instalacións adecuadas para o seu tratamento, reducindo ao máximo o contacto cos demais.

Estas serían as medidas básicas a adoptar en calquera explotación para intentar controlar o Circovirus Porcino Tipo 2. Non obstante, estas medidas sempre se poden levar algún paso máis alá, como pode ser un lavado das porcas antes de parir, o uso de cortes pequenas, de menos de 13 animais, e con paredes sólidas, cambio de agulla cada tres o cinco leitóns no momento que se precisen pinchar, e garantir unha adecuada calidade do aire e densidade de animais na fase de cebo, con máis de 0,75m2 por porco.

¿Cales consideras que cres que son as principais ameazas sanitarias para o sector porcino español e galego?
A día de hoxe considero que a enfermidade endémica de máis importancia para o sector é o virus do PRRS. Este virus, igual que o PCV2, tamén é moi prevalente nas granxas de produción e aínda que a vacinación está moi xeneralizada, non protexe como poderiamos esperar.

Isto débese a que é un virus ARN, co cal ten unha gran capacidade para mutar. A cepa de campo pode mutar dentro da granxa, de forma que a cepa vacunal que se está a empregar non resulta completamente protectora. Presenta o inconveniente de que ademais pode transmitirse por vía aeróxena, co cal en zonas de máis densidade gandeira fai máis difícil o control.

En Galicia penso que sería interesante facer análises nas explotacións para coñecer a cepa en concreto, co fin de establecer diferentes zonas para abordar o control desta enfermidade, de modo similar a como se fixo coa enfermidade de Aujeszky.

“En Galicia deberíase tratar o virus do PRRS como se fixo coa enfermidade de Aujeszky”

Outras ameazas sanitarias son as que aparecen de forma epidémica cunha gran capacidade de transmisión como poden ser a Diarrea Epidémica Porcina e o virus Influenza con gran impacto na produción e no estatus sanitario.

E aínda que non a considero unha ameaza, si penso que debemos ter en conta a salmonelose porcina en España, xa que nos países do norte de Europa están a levar importantes campañas de control e redución e van esixir que os demais países nos coloquemos no seu nivel, cousa que ata o de agora estamos deixando de lado.

A título individual, ¿Cales consideras que serán as tendencias de futuro en materia de uso de medicamentos e benestar animal no sector porcino?
Nun futuro próximo penso que se vai reducir moito o uso de medicamentos na produción porcina, especialmente no caso dos antibióticos. Por isto é fundamental o establecer as dinámicas da infección e poder valorar as medidas de bioseguridade, para o cal a epidemioloxía ambiental é unha ferramenta fundamental.

Os plans nacionais de redución de antibióticos que se están a desenvolver, e a menor eficacia que presentan os antibióticos por un uso abusivo, vai provocar que nos próximos 10 anos se empreguen unicamente de xeito terapéutico.

Como tratamentos preventivos ou de metafilaxia penso que van ter un gran o uso de fitobióticos, sustancias naturais extraídas de vexetais que permiten, xunto co uso de vacinas, controlar as posibles enfermidades.

En canto ao benestar no sector porcino, non creo que vaia haber cambios importantes, xa que a día de hoxe, o alto grao de benestar animal no sector porcino permite manter unha gran sanidade animal, e persoalmente penso que o equilibrio entre benestar e sanidade pesa máis ca calquera dos dous parámetros por separado.

INVESAGA_APAISADA

Gonzalo López Lorenzo co grupo do Invesaga

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información