Os cruces brasileños de Rubia Galega, á conquista de China

O director comercial da distribuidora brasileña GMG acorda con Acruga a importación de 130.000 doses seminais da raza. Destaca a calidade e produtividade que aporta a raza galega en cruce coa Nelore, autóctona do país sudamericano

Os cruces brasileños de Rubia Galega, á conquista de China

O presidente de Acruga, César Dorado, co director comercial de GMG.

A andaina da Rubia Galega no Brasil, iniciada no ano 2000 coa exportación de 1.000 doses seminais, está a acadar importantes cotas. Nas últimas dúas décadas insemináronse no país sudamericano arredor dun millón de animais coa raza galega, pois demostrouse que a Rubia, en cruce cunha raza brasileña, a Nelore, aporta importantes aumentos de produtividade e de calidade. O próximo fito é a conquista do mercado chinés por parte dos cruces brasileños de Rubia Galega.

O director comercial da distribuidora brasileña GMG, Eduardo García, de visita en Galicia, avanzou que está en conversas con dúas empresas china para iniciar a exportación da carne dos animais cruzados de Nelore e Rubia Galega.

“A China gústalle a carne con pouca graxa, que é xusto o que producimos nós. Os responsables das empresas chinas coas que falamos ficaron impresionados pola nosa carne de cruces de Rubia Galega” -destaca Eduardo García.- “Tamén hai que subliñar que para os produtores é moi beneficioso o cruce con Rubia Galega, pois obtense un 18% máis de carne que con outras razas”.

En Brasil, GMG traballa con arredor de 120 gandeiros que abastecen á cadea de distribución Pan de Azúcar, que conta con 500 establecementos no país. Cada ano comercializan arredor de 13 millóns de quilos de carne procedente de cruces de Rubia Galega e de Nelore. A produción vai ademais en aumento, como demostra o feito de que para o próximo ano estea previsto aumentar un 10% a exportación de seme de Rubia Galega ó país sudamericano.

Para o presidente da Asociación de Criadores de Rubia Galega, César Dorado, o bo resultado dos acordos con Brasil é a demostración de que “o cruce de razas autóctonas con Rubia Galega permite obter máis quilos en menos tempo”. Dorado engade que as “as boas cualidades da raza leváronnos a estar presentes cada vez en máis países, demostrando a alta demanda de seme de Rubia Galega e o que se valora esta raza. Nos últimos anos, a parte de a Brasil, exportamos a outros países de Latinoamérica, Europa, Asia e Oceanía”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información