Roberto Lorenzo

“Os becerros son un valor desaproveitado hoxe nas explotacións leiteiras galegas”

O de Castro de Riberas de Lea é, xunto a Amio e Silleda, un dos tres mercados de referencia en Galicia. Nas súas catro décadas de vida foi cambiando moito e hoxe sobrevive case exclusivamente cos xatos para recría procedentes de toda a provincia. Falamos con Roberto Lorenzo, o seu responsable

Roberto Lorenzo no Mercado de Castro de Riberas de Lea

Roberto Lorenzo no Mercado de Castro de Riberas de Lea

A especialización na produción de leite en moitas explotacions galegas centrou o valor da recría nas femias que nacen e relegou a un segundo plano aos becerros machos. Cada día os gandeiros están máis convencidos da necesidade de mellorar as condicións das becerras desde o momento en que nacen como futuro que son das granxas e poñen empeño na mellora das instalacións e no manexo e coidados das novillas como reemprazo necesario para as vacas en produción e como xeito de mellora xenética na explotación. Pero, que acontece cos xatos?

“Para moitas explotacións en Galicia os xatos son un residuo máis, priman a produción de leite e están centradas niso e por falta de tempo ou de persoal non poden perder tempo con eles, así que os xatos estórbanlles”, resposta Roberto Lorenzo, responsable do Mercado de Castro, a onde chegan cada semana unha media de 600 becerros.

“Para moitas explotacións en Galicia os xatos son un residuo máis, priman a produción de leite e están centradas só niso”

Roberto leva 18 anos á fronte deste mercado. Desde esa experiencia acumulada lembra que “os xatos eran tradicionalmente un valor nas explotacións e hoxe son un valor desaproveitado”. “Os gandeiros non se dan conta de que recriando os becerros teñen un valor engadido nas súas explotacións. Pero algún día igual nos pasa factura ás explotacións centrarse só no leite. Eu penso que é perfectamente compatible e complementario cebar nas explotacións e dedicarse ao leite”, asegura.

Esta é unha práctica moi pouco frecuente en Galicia, que se dá en moi poucas granxas leiteiras, con algunha excepción, como é o caso de SAT Gomelle, en Guntín, pero que é habitual noutros países. Por exemplo, en Portugal, as principais explotacións leiteiras do país, como Casal de Quintanelas ou Agro-Pecuária Afonso Paisana están a apostar na actualidade pola recría dos machos até a idade de sacrificio para abastecer directamente o mercado coa súa carne.

Os becerros saen das explotacións con moi poucos días

O mercado de Castro de Riberas de Lea, no concello lugués de Castro de Rei, celébrase os mércores e ten como mercado de referencia o de Pola de Siero, en Asturias. “Se o de Pola de Siero vai ben, aquí hai demanda”, explica Roberto, que engade que “tamén os prezos fluctúan bastante en función da demanda”.

Un macho cruzado de vaca hosltein con touro de carne (limusín ou rubia galega) pode rondar os 330 euros e baixa aos 240 euros se é femia. No caso dos frisóns, “os pintos bos, que son contados, de entre 48 e 52 quilos, chegan aos 160 euros, pero os que son ruíns, duns 40 quilos, véndense en lotes e valen moi pouco, arredor de 35 euros”, explica. “Ás veces veñen xatos con moi poucos días”, recoñece Roberto, que engade que “en moitos mercados mesmo lles custa xa aceptalos”.

“De Francia e de Holanda veñen xatos moito mellores a bos prezos. Eles mandan para aquí os seus excedentes e devalúan o mercado español, coma co leite”

O interese por mandalos canto antes e a falta de atención e coidados fai que a súa calidade sexa baixa. “Os becerros galegos non os quere ninguén porque son ruiños. De Francia e de Holanda veñen xatos moito mellores, máis duros e a bos prezos. A política agraria europea fixérona eles á súa imaxe e semellanza. Mandan para aquí os seus excedentes e devalúan o mercado español. Vémolo co leite, pero tamén cos xatos”, afirma.

Case todo o que hai no mercado en Castro de raza frisoa son xatos. “Femias veñen poucas, só aquelas que non teñen valor leiteiro”, explica o responsable das instalacións. A introdución de seme sexado para garantir a descendencia para recría das mellores vacas incide ademais nesta situación.

Unha das tres lonxas de referencia en Galicia

Tratantes observando os animais nas instalacións do Mercado de Castro Riberas de Lea

Tratantes no Mercado de Castro

O Mercado de Castro forma parte da Asociación Española de Mercados de Gando, dentro das que se atopan tamén as outras dúas lonxas gandeiras semanais de referencia en Galicia, a de Amio en Santiago de Compostela e a de Silleda. A demais dos galegos, a Asociación engloba aos principais mercados de gando do Estado: Torrelavega, Medina del Campo, Pola de Siero, Talavera de la Reina e León.

O número de animais que pasan cada semana por Castro foise reducindo moito nos últimos anos, pero mantense, no caso dos becerros, en niveis semellantes aos de Silleda, cuns 600 animais á semana. Amio suma máis que os dous xuntos, uns 1.500 xatos semanais. “Amio antes era os xoves e o que non se vendía aquí acababa de comercializarse alí, pero cando cambiaron para os mércores a nós matáronnos”, lembra Roberto.

Descarga dos becerros o martes pola noite nas instalacións do Mercado de Castro

Descarga dos becerros o martes pola noite nas instalacións do Mercado de Castro

A competencia con Amio, que se celebra no mesmo día, foi o motivo principal que fixo que practicamente desaparecera de Castro o gando maior. “Antes chegou a haber 2.000 animais á semana entre gando maior e menor”, recorda Roberto.

Outra das diferencias entre Amio, Silleda e Castro é o sistema de venda. “Aquí é venda directa entre os tratantes e os compradores, así que o pescado está case todo vendido e colocado o mesmo martes pola noite cando chegan os camións, sen agardar sequera ao mércores, día propio da feira e hai xatos que pasan por 4 ou 5 mans antes de saír do mercado”, indica.

A competencia con Amio, que cambiou de día do xoves para o mércores, e o nacemento hai uns meses dun mercado paralelo en Matodoso, a poucos quilómetros, feriu de morte a Castro

A Castro acoden uns 50 tratantes de toda Galicia. A súa filosofía, explica Roberto é a de que “alí onde compras non podes vender”, polo que o movimento entre os tres mercados galegos é habitual. Ademais, di, “compradores maioristas en Galicia hainos contados e acoden aos tres mercados”.

A isto hai que engadir outro feito que nos últimos meses fixo minguar aínda máis o número de becerros e de tratantes que acoden a Castro. A poucos quilómetros, en Matodoso, na parroquia de Triabá, xurdiu unha especie de mercado paralelo promovido por un grupo de tratantes. Os martes xúntanse nunha nave e fan compravenda directa entre eles. Contan con autorización da Consellería do Medio Rural na categoría de operador comercial.

A Castro acoden uns 50 tratantes de toda Galicia. A súa filosofía é: “alí onde compras non podes vender”

Os xatos que chegan o martes pola noite ás instalacións de Castro de Riberas de Lea proceden de explotacións de toda a provincia de Lugo, desde a Mariña a Monforte, pero fundamentalmente da comarca da Terra Chá. A área que rodea a Castro, os concellos de A Pastoriza, Castro de Rei e Cospeito é unha das principais zonas leiteiras de Galicia cun importante número de cabezas de gando.

O destino da mercadoría era tradicionalmente Asturias, Cataluña, Zamora e cebadeiros de Aragón pero cada vez máis os xatos quedan en centros de destete e cebadeiros en Galicia. “Agora mesmo ben deitamos dos cebadeiros e centros de destete galegos, Cataluña tira pouco”, di Roberto, que engade que “ao cebarse en Galicia, moitos xatos xa non pasan nin polos mercados, van directamente das explotacións aos cebadeiros”. O que o Eliseo López e o seu fillo Elio teñen no Arneiro, a poucos quilómetros de Castro, é un dos máis importantes da provincia de Lugo.

“É un motor importante para o pobo, por iso o mantemos”

O polbo é protagonista todos os mércores en Castro

O polbo é protagonista todos os mércores en Castro

O Mercado de Castro Riberas de Lea vense celebrando nas actuais instalacións, propiedade do Concello de Castro de Rei, de xeito ininterrompido desde o ano 1977, catro anos antes por exemplo de que nacera a Central Agropecuaria de Galicia en Silleda. Co traslado desde o vello campo da feira á ubicación actual mantívose o mércores como día de celebración pero nestas catro décadas foron desaparecendo os gandeiros individuais que levaban as súas vacas, porcos, ovellas ou cabalos a vender á feira.

O vacún menor é hoxe o principal sustento de Castro. O vacún maior, igual que o gando ovino, caprino e porcino foron tamén minguando. Nin sequera a recuperación hai unha década do mercado de vida, que ten carácter comarcal, o último sábado do mes serviu para manter o número de animais presentes. “Noutra época viñan moitas vacas de Alemania e Holanda”, lembra Roberto.

O Mercado de Castro Riberas de Lea xerou o ano pasado un volume de negocio de 5 millóns de euros, uns 100.000 euros á semana

Porcos, ovellas ou vacas adultas son case testemuñais hoxe en Castro, onde o 90% dos movimentos son de tenreiros. Un total de 29.697 xatos pasaron o ano pasado polas instalacións de Castro, fronte aos 31.584 de 2017, os 33.121 de 2016, os 38.432 de 2015, os 35.134 de 2014 ou os 43.123 de 2013. Medran por contra o número de cabalos, que teñen unha feira de ano específica no mes de setembro. Máis de 500 equinos foron vendidos en Castro o ano pasado.

O Mercado de Castro Riberas de Lea xerou o ano pasado un volume de negocio de 5,1 millóns de euros, uns 100.000 euros á semana. A cifra foi minguando a medida que o facían o número de cabezas vendidas nel (5,3 millóns no 2017 e 6,7 millóns xerados en 2016).

Cita inexcusable co polbo

Pero máis alá da utilidade directa que o Mercado de Castro ten para as explotacións gandeiras da comarca, o que si supón é un estímulo para a vida económica da localidade, que todos os mércores se ateiga de xente que acode a mercar distintos produtos e a comer o polbo na carballeira onde antes era o campo da feira.

“Cobramos 1,30 euros por cada becerro que usas as instalacións, nós non encarecemos o animal”

“É un motor importante para o pobo, por iso o mantemos”, admite Roberto, que lembra que o Concello de Castro de Rei é quen corre cos gastos de mantemento das instalacións, que ocupan unha superficie de 26.000 metros cadrados e foron obxecto de varias melloras nestas catro décadas: peche perimetral, muelles de carga, boxes para os animais, etc.

“Gastamos 100.000 euros recentemente nas divisións para separar en lotes os becerros e agora precisamos investir outros 100.000 euros en poñer panel sandwich no teito para mellorar as condicións tanto de frío en inverno como de calor no verán”, explica o responsable das instalacións. A maiores, tres operarios municipais limpan e desinfectan o recinto cada mércores ao rematar o mercado, que tamén conta con persoal administrativo.

O Concello cobra unha taxa de 1,30 euros por cada animal que usa as instalacións para minimizar estes custos. “O que cobramos é pouco, nós non encarecemos o animal”, argumenta Roberto. Os becerros cando saen á ruta levan un rehidratante para a viaxe. Chegan o martes pola noite e marchan o mércores a mediodía ou pola tarde para aproveitar deste xeito a ruta do transporte que vén de Amio.