CRAEGA_01_standar

Oportunidades e retos para a gandería de carne en ecolóxico

A marca de pensos ecolóxicos Ecofeed, da cooperativa Campoastur, organizou este xoves en Allariz (Ourense), a súa III Xornada Técnica de Produción gandeira ecolóxica, centrada na comercialización. Velaquí as conclusións

A marca de pensos ecolóxicos Ecofeed, da cooperativa Campoastur, organizou este xoves en Allariz (Ourense), a súa III Xornada Técnica de Produción gandeira ecolóxica, centrada na comercialización.

A xornada foi inaugurada por Cristina Cid, alcaldesa do Concello de Allariz, e por Javier Fernández, director técnico de Campoastur. Congregou a uns 60 gandeiros e representantes tanto da administración, da distribución así como cooperativas de gandeiros que deron o paso á comercialización, unha das principais eivas do sector, sobre todo en vacún de carne e en ovino e caprino.

As oportunidades de negocio dos distintos sectores

A este respecto, Ramón Lamelo, xefe da área de Promoción da calidade agroalimentaria da Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria (AGACAL), dependente da Consellería de Medio Rural, falou das ”Perspectivas da comercialización de carne ecolóxica”.

No caso do vacún de carne recoñeceu que as cifras revelan que segue sendo moi minoritaria a súa comercialización en Galicia: “Só se certificaron polo CRAEGA o pasado ano unhas 147 toneladas, moi pouco se as comparamos coas arredor de 23.000 toneladas que foron certificadas por Ternera Gallega”.

Neste sentido, defendeu que unha das estratexias para potenciar a comercialización podería pasar por “lograr que a carne de vacún en ecolóxico manteña as bondades de Ternera Gallega Suprema, en canto a cor, sabor menos forte e textura, e para iso podería irse a un cebado final dos becerros con cereal ecolóxico, pero certificada polo CRAEGA e co plus que supón esta certificación en ecolóxico”.

 “Deberíamos lograr que toda a carne que se certifica como Ternera Gallega Suprema tamén logre certificarse en ecolóxico”

“Creo que se logramos que toda a carne que se certifica como Ternera Gallega Suprema tamén logre certificarse en ecolóxico aproveitaríamos a imaxe de Ternera Gallega e iso nos abriría as portas tanto no mercado español como no de exportación”, subliñou.

En canto a outras especies destacou o potencial que ten tanto o porcino como a cunicultura en ecolóxico. “O porcino está tendo bastante éxito comercial, porque o consumidor o percibe como un sistema de produción moi distinto do convencional, polo que ten moito percorrido, o que se ve favorecido porque o regulamento, a diferencia doutros países, non é moi esixente pois permítese alimentalo con penso ecolóxico”, subliñou o representante da Xunta.

“Sen embargo -advertiu- hai espazo para o produtor que queira ofrecerlle ao consumidor algo máis: crianza nun sistema extensivo, aproveitando verzas, mazás, landras, castañas…etc. E o mesmo poderíamos dicir dos polos e dos ovos”.

En canto á cría de coello en ecolóxico, Ramón Lamelo avanzou que “en canto se concrete a normativa, creo que pode ter moi boas perspectivas de integrar esta produción nas explotacións de horta, nun modelo de pequeno tamaño e aproveitando as canles de comercialización convencionais”.

¿Que demanda a distribución e que oportunidades ve para a carne ecolóxica? O exemplo de Carrefour

Por parte da distribución falaron César López Sánchez, director de Relacións institucionais de Carrefour Asturias, e Francisco Piqueras, director de carnicería de Carrefour España.

Tanto un como outro destacaron o enorme potencial de crecemento que teñen os produtos ecolóxicos en España. “Segundo os datos dos que dispoñemos, o 28% dos produtos que compra un consumidor de bio son ecolóxicos; o 94% está disposto a comprar máis e o 50% da poboación en países desarrollados quere consumidor máis produtos ecolóxicos”, explicou César López.

¿E que lles demandan a Carrefour os seus consumidores de produtos ecolóxicos? “O 73% dinos que os produtos bio son caros, e o 33% dinos que non son produtos fáciles de atopar no supermercado”.

“Carrefour quere democratizar os prezos dos produtos bio e facelos máis visibles nos seus supermercados”

Neste sentido, a estratexia de Carrefour pasa por democratizar no prezo o acceso a estes produtos, suprimindo intermediarios e negociando directamente con produtores agrupados en cooperativas ou noutro tipo de sociedades, e por facelos máis accesibles nos supermercados con espazos propios e ben sinalizados.

A cadea francesa confía no potencial de crecemento que teñen estes produtos en España: “Entre 2008 e o 2017 o consumo de produtos bio en España medrou un 200%, ata representar o 1,91 % do total de gasto en alimentación, uns 2.000 millóns de euros, pero en Dinamarca xa supón o 10% do gasto en alimentación e cara aí iremos nos próximos anos”, destacou César López.

Para iso, Carrefour está a incrementar de xeito notable o número de referencias de produtos cárnicos, de ovos e lácteos de produción ecolóxica. “Desde 2016 crecemos un 30% en referencias de produtos gandeiros bio o obxectivo de cara ao 2022 é multiplicar por catro o número de referencias”, avanzou Francisco Piqueras, director de carnicería de Carrefour España.

Experiencias de ganderías de vacún de carne ecolóxico na comercialización

Xunto á gran distribución, a xornada de Ecofeed tamén contou coa experiencia de catro gandarías ecolóxicas de carne na comercialización dos seus produtos.

-José Luís Vaz, de Verín Biocoop.

Verín Biocoop é unha cooperativa que agrupa a 30 ganderías da provincia de Ourense que teñen vacas de razas autóctonas en pastoreo en extensivo. En total, máis de 2.000 vacas nais en 4.500 hectáreas.

José Luis Vaz, o presidente de Verín Biocoop, explicou que os becerros cébanos nos últimos meses con cereal ecolóxico de Ecofeed. Unha característica que marca a diferencia desta cooperativa é que realiza tanto o sacrificio como o despece e envasado da carne, vendéndoa directamente tanto a consumidores particulares, tendas e grandes superficies como El Corte Inglés. Realizan tamén un importante esforzo en I+D para adaptarse ás novas tendencias de consumo. Neste sentido, veñen de sacar ao mercado as hamburguesas Morenas y Verdes, nas que empregan tanto carne de vaca como de xato.

-Luís Ceide, de Ovica – Pastores de Galicia

Luis Ceide contou a experiencia da marca Pastores de Galicia, creada hai un ano pola Asociación de Produtores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA) para comercializar o cordeiro e o cabrito dos socios, dentro dun sistema de crianza en extensivo ou semiextensivo, con alimentación en base a leite das ovellas e pasto.

Sen embargo, segundo el un dos obstáculos aos que se enfrontan é que “o márketing está enganando aos consumidores, vendendo a imaxe de vacas e cordeiros en pastoreo, cando gran parte do cordeiro de España aliméntanse en granxas en base a leite en pó”.

“Esa imaxe falsa provoca que o consumidor sexa difícil que opte polo cordeiro ou o cabrito ecolóxico, porque considera que non aporta diferenciación”, advertiu.

-José Blanco, de Gandaría Cimadevila

José Blanco é un gandeiro de Montederramo, en Ourense, que conta cun rabaño de 200 animais de raza Vianesa que pacen nunhas 150 hectáreas. A diferencia doutros gandeiros, el non fai cebo final dos becerros, que van ao matadoiro cun máximo de 16 meses de idade, alimentándose soamente de leite materno e pasto, polo que a súa carne ten un sabor máis intenso e unha cor máis escura”.

Dende que comezou a súa actividade, esta gandería fai venda directa a particulares, con distintos formatos adaptados aos consumidores e últimamente tamén elabora hamburguesas. Para iso, chegou a un acordo cun carniceiro do concello que se encarga do sacrificio, despece e envasado da carne. “É unha carne dun sabor moi intenso, con graxa infiltrada, pero o consumidor que a proba repite”, destaca. Tamén pon en valor a colaboración coa restauración para dar a coñecer as propiedades desta carne de razas autóctonas, e no seu caso co restaurante Casa Elvira, en Montederramo, que a elabora en distintos presentacións.

-Luís Rodríguez, de Chotoiba

Luis Rodríguez é un gandeiro de Agolada (Pontevedra), que xunto á súa muller leva unha gandería de vacún de carne en ecolóxico, con 50 vacas nais de raza Rubia Galega e 28 de raza limiá. Iniciaron a venda directa aos consumidores no ano 2010 polas súas inquedanzas profesionais, para o que chegaron a un acordo cun carniceiro da zona.

E dende o 2017 teñen o seu obradoiro propio, no que despezan a carne que venden directamente a consumidores de toda Galicia, e incluso doutras comunidades autónomas. “Temos máis demanda que oferta e de momento non imos medrar. A principal satisfacción da venda directa é a autoestima que che dá ter o trato directo co consumidor”, destaca.

ecofeed_allariz_2

¿Por que os prezos os prezos da carne de vacún en ecolóxico seguen baixos?

Un tema común na III Xornada Técnica de Produción Gandeira Ecolóxica de Ecofeed, tanto durante as preguntas do público como na mesa redonda foi a cuestión dos prezos.

“Temos os mesmos prezos que hai 20 anos ou incluso menores, o meu pai chegou a vender os becerros a 1.000 pesetas o quilo e eu hoxe véndoos a 800 pesetas, e co custo a maiores que supón producir en ecolóxico”, queixábase unha das gandeiras asistentes. “A culpa é da distribución e dos intermediarios, que quedan coa marxe, porque o consumidor si que paga a carne de vacún máis cara”, engadía.

“Por parte da distribución o que facemos é intentar negociar directamente cos produtores, pero teñen que estar agrupados para ser máis eficientes en custos de produción e garantirnos un subministro durante todo o ano e cun produto o máis homoxéneo posible”, respostaron dende Carrefour.

José Luis Vaz, de Verín Biocoop asegurou que no seu caso “intentamos pagarlle un prezo ético ao socio gandeiro, uns 5 euros o quilo, cando noutras comunidades autónomas o prezo da carne en ecolóxico de vacún rolda os 4 euros”.

“O que pon o prezo é o mercado, os consumidores, e nós facemos o prezo de abaixo a arriba, dende o que ten que gañar o gandeiro, aos gastos de matadoiro, despece …etc, ata o noso cliente. Hai que procurar dentro do posible fixar un prezo ético para o gandeiro, pero hai que ter un equilibrio para que o produto se defenda no mercado”, engadiu.

Por último, outro gandeiro en ecolóxico da provincia de León animou aos gandeiros a facer autocrítica e lembrou que a diferencia de hai 20 anos, “os gandeiros hoxe cobramos as axudas da PAC, e os en ecolóxico aínda máis, unhas subvencións que en realidade son para os consumidores europeos, para que podan comprar a carne a 10 ou a 15 euros o kilo e non a 20 ou 25 que valería se non houbera axudas”.

“Por iso, os gandeiros en ecolóxico temos tamén que facerlle ver aos consumidores todos os beneficios que aportamos á sociedade”, concluíu.

A Unión Europea regulará os protocolos de fitoterapia para gandería en ecolóxico

A Comisión Europea está a traballar nunha regulamentación dos tratamentos con fitoterapia na gandería en ecolóxico, tomando como referencia a normativa alemana.

Así o anunciou , Jordi Tost, responsable técnico de Allfeed, que falou sobre os ”Protocolos fitoterápicos en gandarías extensivas” e sobre a ampla gama de produtos innovadores que ofrece esta empresa tanto para vacún de leite e carne como para outras especies.