A ONU distingue a Galicia pola recuperación da raza Caldelá

A ONU distingue a Galicia pola recuperación da raza Caldelá

A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación (FAO) vén de distinguir a xestión feita pola Xunta de Galicia e a Federación de Razas Autóctonas de Galicia-Boaga para a recuperación da raza autóctona galega da vaca caldelá. En concreto, foi a división de produción e sanidade animal da FAO a que fixo esta comunicación oficial a Boaga, como organización encargada de xestionar o libro xenealóxico desta especie.

Xunto a Galicia, só se distinguiron dous exemplos máis relacionados con razas equinas, a de Noruega Nordland lyngen e a de Francia baudet du Poitou. As tres razas figuran agora como casos de éxito na xestión de recursos xenéticos.

Esta decisión da FAO vén tomada despois da auditoría feita por esta división á raza caldelá. Esta revisión comezou no ano 2017 e analizou a evolución da xestión zootécnica desta raza en perigo de extinción desde o 1996 ata o 2015. Así, comprobouse que neste período, o número de rexistros aumentou de 284 animais a 1.750.

Ao mesmo tempo, tamén se constatou que o tamaño efectivo da poboación considerando as dúas últimas xeracións (isto é un indicador da variabilidade xenética), aumentou de 43 a 115, cun pico de 145 no período 2009-2012. A día de hoxe, segundo os informes máis recentes do 2017, contabilizáronse 987 femias reprodutoras.

Este crecemento ilustra, segundo a Consellería de Medio Rural, “un éxito global na xestión da conservación xenética por parte das entidades responsables, que son o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, no pazo de Fontefiz, dependente da Consellería do Medio Rural, e a Asociación de Criadores da Raza Bovina Caldelá (Caldega) e BOAGA, dende o ano 1999”.

Historia

A vaca caldelá é orixinaria da parte noroccidental de Galicia. Esta raza caracterízase por unha capa negra e cornos en forma de gancho. Críase exclusivamente en sistemas de produción extensiva e a súa carne véndese baixo a marca da asociación de criadores 100% Raza Autóctona Caldelá.

As accións aplicadas para a súa conservación iniciáronse no ano 1991 pola Xunta de Galicia, a través do Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia situado no pazo de Fontefiz, onde hai sementais e femias reprodutoras e un banco de seme e embrións. Así, este centro proporciona sementais a baixo custo para facilitar o apareamento.

Neste caso, os touros teñen un papel crucial para non aumentar a consanguinidade. Así, utilízanse en diferentes granxas, sempre baixo a supervisión dos veterinarios do programa de conservación, e asígnanse de acordo con criterios de baixa consanguinidade. Desde 1991 ata 2005, os touros foron autorizados polo centro de Fontefiz, pero a partir dese momento estiveron en mans da asociación de criadores, debido ao traspaso de competencias do libro xenealóxico caldelá.

Así, desde ese mesmo ano, os criadores interesados deben postular ante a asociación e ser autorizados para a explotación. É entón cando reciben a lista de sementais compatibles coas femias dos seus rabaños. Estes gandeiros teñen o apoio da Xunta e da Unión Europea para as razas en perigo de extinción. En concreto, reciben axudas por cada cabeza de gando produtivo rexistrado no libro xenealóxico e que participa no programa de conservación.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información