“O único que pedimos é que a Administración nos deixe traballar en paz”

Situación de urxencia nos Ancares. Pasados case sete meses desde os lumes do outono, as ganderías continúan sen permiso para acceder ós pastos queimados, que están rebrotando esta primavera

“O único que pedimos é que a Administración nos deixe traballar en paz”

José Manuel Rodríguez, un dos gandeiros afectados nos Ancares pola prohibición do pastoreo nos montes que arderon no outono.

Os Ancares están que botan fume. Os dous grandes lumes do outono deixaron indignación na serra polo que os veciños percibiron como unha mala xestión da extinción, pero os problemas só acababan de comezar. Chegada a primavera, a situación é de urxencia para as granxas dos Ancares, pois carecen de autorización da Xunta para introducir os animais nos montes que arderon, a súa fonte de alimentación tradicional desde a primavera ata as neves do inverno.

Outros anos, as ganderías da serra xa tiñan as vacas nos montes a comezos de maio. Esta campaña, en cambio, téñenas que manter nos prados que tradicionalmente reservan para a herba seca e os silos de herba, cos que alimentan ás vacas no inverno. “Se non se nos autoriza xa a entrar nos montes co gando, perderemos os cortes de herba da primavera”, pronostica José Manuel Rodríguez, un gandeiro que manexa un rabaño de 28 animais en Vilanova do Pedregal, o lugar no que comezou un dos dous grandes lumes dos Ancares.

“Se este ano temos que mercar outra vez forraxes para o inverno, quito as vacas porque non podemos mantelas” (Domingo López)

José Manuel viu como aquel lume lle queimaba 46 fardos de silo de herba, prados, peches gandeiros e a punto estivo tamén de levarlle por diante parte do gando, que salvou “grazas á colaboración dos veciños”. O monte veciñal do lugar, 460 hectáreas con pastos arbustivos e castiñeiros, quedou tamén totalmente queimado, aínda que a herba xa comeza a rebrotar de novo. “En poucos días, a herba que está saíndo será un alimento ideal para as vacas. Se non nos permiten usar eses pastos, acaban de matarnos”, expón.

O lume que arrancou en outubro en Vilanova do Pedregal avanzou queimando os montes doutros trece pobos. En case todos eles hai gandeiros afectados pola prohibición de introducir o gando no monte.

Domingo López e Carmen Valcarce xestionan unha gandería de 19 vacas en A Freita, un dos lugares que quedou co monte arrasado polo lume. “As vacas agora están pastando a herba dos prados que tiñamos que recoller para o inverno” -coinciden con José Manuel.- “Se este ano temos que mercar outra vez forraxes para o inverno, quito as vacas porque non somos capaces de mantelas”, resume Domingo.

Gandería de Domingo López e Carmen Valcarce, na Freita.

Gandería de Domingo López e Carmen Valcarce, na Freita.

A situación é similar no resto de pobos que foi levando o lume a eito. Gertrudis Pardo, de Aucella, que mantén un rabaño de 8 vacas, conta a mesma escena. O incendio calcinou todo o monte do lugar, dividido en propiedades particulares, e as vacas quedáronse sen os terreos de pasto arbustivo nos que adoitaban pasar todo o ano, salvo a época das nevaradas.

Promesas
A lexislación, con carácter xeral, prohíbe que as terras afectadas por un lume sexan pastoreadas nos dous anos seguintes, pero ante a situación excepcional que se viviu durante a vaga de incendios do outono, con fortes ventos e lumes descontrolados que arrasaron milleiros de hectáreas, a Consellería do Medio Rural anunciara que ía permitir o pastoreo en zonas afectadas.

Daquel anuncio, nada máis se soubo. Preguntado sobre o tema, o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, dixo a mediados de abril que estaban traballando na cuestión, sen que desde aquela se producira ningunha concreción.

Monte queimado ao pé dun prado.

Monte queimado ao pé dun prado.

“A primeira culpa de todo o que está pasando é do sinvergonza que puxo o lume, pero a segunda culpa é da Administración” -sostén José Manuel Rodríguez-. “Os Ancares somos Rede Natura, Reserva da Biosfera e Reserva de Caza, pero os gandeiros non contamos para nada nos Ancares nin nos beneficiamos de nada. Parece que nos queren botar”, conclúe.

As declaracións do pasado outono da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, cando dixo que os Ancares eran un sitio ideal para pasear, pero non para vivir e traballar, acenden os ánimos entre os gandeiros, que se senten desprotexidos.

“Os Ancares somos Rede Natura, Reserva da Biosfera e Reserva de caza, pero os gandeiros contamos cero. Quérennos botar” (José Manuel Rodríguez)

“Nos medios de comunicación buscaron un culpable e están convertindo ás víctimas dos lumes, que somos nós, en verdugos”, quéixase Carmen.

As ganderías negan relación cos lumes do outono. “Nos últimos 20 anos puido haber dous lumes na Freita, e todos pequenos. Nada que ver coa catástrofe deste ano”, valora Alberto Gómez, outro dos gandeiros da Freita afectados. “Quen puxo lume, sabía do mal que ía facer porque a predicción de fortes ventos estaba aí”, sinalan os produtores.

Sancións
Os gandeiros temen as posibles sancións ás que se enfrontarían se saen coas vacas ó monte sen autorización. “É o máis sinxelo. Chega un axente do Seprona ou da Xunta, toma o número do crotal da vaca e enfróntaste a unha sanción de entre 1.000 e 100.000 euros”, conta José Manuel Rodríguez, que ten unha carta da Xunta na casa na que lle advirten das posibles multas por pastorear terreos queimados.

O medo non é gratuíto, pois xa en anteriores anos houbo sancións para os gandeiros en zonas afectadas por grandes lumes, como Cualedro (Ourense).

Preguntados por posibles solucións se non chega a autorización para pastorear, os gandeiros téñeno claro: “O que teremos que facer é levarlle as vacas á Xunta e que as alimenten eles porque nós non podemos”.

Os animais están a pastar os prados reservados para cortes de herba.

Os animais están a pastar os prados reservados para cortes de herba.

As ganderías veñen dun ano 2017 moi malo, pois a seca reduciu a colleita de herba en máis dun 50% e os lumes remataron de dificultar as cousas. “Resistimos grazas á solidariedade doutros gandeiros, que nos enviaron silo de herba e herba seca, pois da Xunta non recibimos nada”, contan.

Ausencia de apoios
As axudas previstas para as explotacións que perderan forraxes, peches gandeiros e outras instalacións nos lumes continúan sen resolver a día de hoxe, pero nos Ancares xa non se fan ilusión coas axudas. “Rompéronnos a cabeza con papeleos, pero das axudas non sabemos nada. Xa nin pedimos axudas, o único que queremos é que nos deixen traballar, que nos deixen xa en paz”, conclúe José Manuel Rodríguez.

“Resistimos grazas á solidariedade doutros gandeiros, que nos doaron camións de herba seca e silo de herba”

O inverno que vén de rematar converteuse nunha sucesión de problemas para as explotacións. Tiveron que ter as vacas cinco meses confinadas nas cuadras, cando nun ano normal saían ó monte tamén no inverno sempre que as nevaradas o permitían. “Os problemas de pezuñas aumentaron e cando as vacas saíron da cuadras a mediados de abril, moitas xa case non sabían nin andar” -conta Domingo.- “Perdemos tamén celos e o touro cubriu ás vacas agora en abril. Son todo perdas”, remata.

Entre tanto, o xabarín continúa facendo das súas nas praderías e nos sembrados dos pobos. Nos últimos anos, as ganderías xa abandonaron por completo a sementeira de centeo, trigo e millo, que utilizaban na alimentación dos animais. “É imposible. Pensa que para sementar patacas, hai que poñerlle un pastor eléctrico o mesmo día que as sementas porque se non é traballo perdido. Vai o xabarín a noite e xa as come”, explican.

Os gandeiros lembran tamén os problemas que tiveron en anteriores anos para facer queimas controladas no inverno. “En sitios de moita pendente non autorizaban a queima e as poucas que fixeron foron pequenas e mal feitas” -sosteñen-. “Para a gandería nos Ancares, todo son prohibicións. Apoios cero”, critican.

Xestións e solidariedade
Así as cousas, a inquietude e a indignación pálpanse en toda a serra. As demandas dos gandeiros están sendo canalizadas por organizacións como Unións Agrarias, que ten solicitada unha reunión de urxencia coa delegada de Medio Rural en Lugo, para a que todavía non hai data. O responsable de Unións en Becerreá, Iván Raposo, agarda que a reunión se celebre con carácter inmediato.

Unións Agrarias ten solicitada unha reunión de urxencia con Medio Rural para abordar a situación

Na cooperativa A Carqueixa (Cervantes), confirman tamén a urxencia da situación. O seu xerente, Román Sánchez, ten previstas para hoxe reunións cos afectados da zona de Vilar – Piornedo, o outro gran lume que devorou a serra no outono.

Román explica que as explotacións multiplicaron este inverno as compras de tacos de penso e forraxes. “Hai explotacións no límite e se puideron aguantar foi grazas á solidariedade dos gandeiros doutras partes de Galicia. Desde a cooperativa xestionamos 20 trailers de doazóns de herba seca e silo de herba. Tamén a cooperativa Aira nos donou 14 toneladas de tacos e Agris forraxes”, detalla.

A iniciativa das doazóns para os afectados polos lumes, iniciada pola asociación Prolega, da zona do Eume, extendeuse despois a outras asociacións, como Agromuralla, e a cooperativas, organizacións agrarias e grupos de gandeiros. Os apoios representaron unha axuda para o inverno, pero o problema da primavera – verán continúa sen resolver. “A ver como pensa a Xunta que imos manter os animais. Igual coas axudas que nos deron polos lumes, que foron cero”, conclúen os afectados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información