O SLG propón á Xunta varias medidas contra a crise de prezos dos produtores de coello

O SLG propón á Xunta varias medidas contra a crise de prezos dos produtores de coello

Reunión entre unha delegación do SLG e Belén Docampo

O Sindicato Labrego Galego mantivo esta semana unha xuntanza coa directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén Docampo para trasladarlle á Consellaría o empeoramento, nas últimas semanas, “dunha situación que xa era insostible”, dos produtores galegos de coello.

En concreto, dende o SLG denuncian que “actualmente, o prezo do coello está totalmente banalizado, posto que as cadeas de distribución están a impor prezos inasumibles para as granxas, con valores por baixo de 1,50 €/quilo cando os custes de produción superan os 1,80 €”. Até non hai moito, os produtores e produtoras do sector foron termando porque recibían cartos pola pel, pero agora non teñen esa saída comercial.

Neste contexto, o Sindicato Labrego Galego propúxolle a Belén Docampo unha batería de medidas que pasan por:

-Recuperación urxente do prezo en orixe e aplicación real dunha cadea de valor sostible en base a índices obxectivos dos custos de produción e que sexa de aplicación obrigatoria e con garantías de cumprimento. Neste marco, dende o SLG defenden que “a Administración debería realizar unha actuación contundente contra a ilegalidade das prácticas comerciais daquelas cadeas de distribución que obrigan a vender a perdas”.

-Frear o que consideran “agresiva campaña dos grandes matadoiros que están a promover a substitución de centos de granxas por uns poucos macroproxectos integrados con miles de animais”.

-Promoción do consumo de coello como unha das carnes máis saudables que hai no mercado: Esta medida consideran dende o SLG que serviría para enfrontar a caída de consumo que hai deste alimento entre as xeracións máis novas e podería facerse por diferentes vías máis alá das simples campañas publicitarias, dende a promoción directa en hostalería á compra pública de alimentos, sen esquecer a sinatura de acordos coas distribuidoras.

-Programa de axudas ás granxas: O SLG xa denunciou que as medidas anunciadas pola Consellaría de Medio Rural para o sector cunícola son insuficientes e que debe facerse un programa de apoio máis ambicioso que, ademais de axudas, inclúa refinanciamento de débeda, moratorias, bonificacións, etc.

Neste senso, a organización agraria compara as medidas emprendidas pola Comunitat Valenciá para enfrontar a crise no sector cunícola, coas levadas a cabo na Galiza:

GALIZA

VALENCIA

Até 3 € para as primeiras coellas e até 2 € para as restantes

4 € por coella

230 granxas

150 granxas

250.000 € de orzamento

450.000 € de orzamento

-Apoio a proxectos de produción de coello ecolóxico: Permitiría obter un maior valor engadido e cubrir un nicho de mercado practicamente sen explotar

– Financiamento de proxectos de matadoiros de proximidade e crear un marco legal axeitado para ter salas de despece caseiras ou infraestruturas nas propias granxas que permitan aos produtores e produtoras comercializar directamente carne de coello.

Finalmente, o Sindicato Labrego Galego, como organización agraria convocadora, anima a participar na manifestación que o sector cunícola levará a cabo maña, 17 de xuño, en Madrid.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información