O Sindicato Labrego critica que “a Xunta deixa sen efecto as axudas para prever ataques da fauna salvaxe”

O Sindicato Labrego critica que “a Xunta deixa sen efecto as axudas para prever ataques da fauna salvaxe”

Foto: Beealia

O Sindicato Labrego Galego (Slg) denuncia que “a Consellaría de Medio Ambiente deixa sen efecto as axudas para prever ataques da fauna salvaxe ao impoñer prazos inasumibles”. Ademais, advirte de que “o desamparo das granxas verase agravado, ademais, por non terse convocado en 2017 as subvencións compensatorias aos ataques dos xabarís”.

O pasado xoves, 30 de novembro, comezáronse a recibir as primeiras resolucións de axuda para a implantación de medidas preventivas fronte aos ataques de lobo e xabaril. E esta semana é previsible que moitas persoas beneficiarias destas subvencións sigan recibindo aínda resolucións.

O problema xorde, tal e como advertiron dende a sociedade Beealia, e agora tamén denuncia o Sindicato Labrego, co prazo para xustificar estas axudas, que remata o 11 de decembro. “Iso quere dicir que, se tiveches a sorte de recibir a resolución o 30 de novembro, quedarache menos dunha semana para poder atopar, mercar, pagar, identificar e certificar o gasto subvencionado, xa que teremos polo medio dúas fins de semana e dous días festivos a maiores”, explican.

Ademais, lembran que “mercar un mastín, un pastor eléctrico ou peche perimetral non é tan doado: na primeira opción, o animal debe estar identificado e ter certificado veterinario; e, en todos os casos, tes que ter a sorte de que haxa existencias suficientes para poder cubrir a túa demanda no prazo esixido”.

Neste sentido, e dado que o ano pasado, a Consellaría de Medio Ambiente enviou tamén as resolucións con moi escasa marxe para cumprir cos gastos subvencionados, dende o Sindicato Labrego Galego sospeitan que “se trata dunha práctica consciente para aforrar cartos por parte dunha Consellaría extremadamente avara á hora de investir en solucionar a gravísima problemática da convivencia entre as actividades agrogandeiras e a fauna salvaxe”.

O Slg sospeita que “se trata dunha práctica consciente por parte da Consellería para aforrar cartos”

Así, xunto aos atrancos para poder optar a estas subvencións, o Sindicato Labrego tamén critica “a tardanza en cobrar indemnizacións cando sofres ataques -ao redor de dous anos-; unha escasa contía de cartos que non cobren nin de lonxe os danos sufridos en ningún caso; ou un monte de burocracia e requisitos que te deixan, decotío, sen o dereito a percibir esa axuda económica e que fai que moitas granxas, diante de ataques, non pasen xa o traballo de solicitar indemnizacións”.

Por último, dende a organización agraria denuncian que neste ano 2017, “a Xunta non convocou as axudas para compensar os danos causados por xabarís nas explotacións agrarias polo que, a estas alturas, o más probable é que non o faga”.

Ante esta situación dende o SLG anuncian que “volvemos pedir que, de maneira inmediata, a Consellaría de Medio Ambiente amplíe o prazo para poder xustificar estas axudas e que, a medio prazo, sente falar cos axentes do sector para acordar políticas serias e realistas de cara a xestionar un problema como o da fauna salvaxe que, xa hai tempo, se lle foi das mans”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información