O sector de vacún de carne enfronta o reto das novas demandas sociais

A Asociación Española de Productores de Vacuno de Carne (Asoprovac) celebrou unha xornada técnica en Santiago de Compostela na que abordou retos de futuro da gandería como a seguridade alimentaria, o coidado do medioambiente e a loita contra o cambio climático

O sector de vacún de carne enfronta o reto das novas demandas sociais

Xornada técnica de Asoprovac, que se desenvolveu no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago.

O sector do vacún de carne debatiu cuestións clave da súa folla de ruta para os próximos anos nunha xornada técnica organizada en Santiago pola Asociación Española de Productores de Vacuno de Carne (Asoprovac). O evento abordou retos de futuro ligados ás demandas sociais dos consumidores, como o coidado do medioambiente, a loita contra o cambio climático ou a seguridade alimentaria.

A adaptación da gandería a estas demandas é unha cuestión capital, pois as axudas da Política Agraria Común no periodo 2021-2027 xustificaranse en boa medida ante a opinión pública na contribución do sector agrícola á preservación do medioambiente e á loita contra o cambio climático. Outra conclusión da xornada situouse na necesidade de lograr que o consumidor perciba a produción de alimentos española como de calidade e segura.

“Hai que adaptarse porque o de onte non serve. Imos polo bo camiño, pero queremos voar máis alto” (Alberto Juanola, Asoprovac)

En palabras do presidente de Asoprovac, Alberto Juanola, “hai que adaptarse porque o de onte non serve. Imos polo bo camiño pero queremos voar máis alto”. A xornada técnica de Asoprovac, precedida da asemblea xeral da entidade, abriuse coa intervención do presidente do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, Jesús González, que incidiu na necesidade de unión do sector para analizar fortalezas, debilidades e buscar oportunidades de futuro.

Jesús González, á esquerda, durante as xornadas.

Jesús González, á esquerda, durante as xornadas.

PAC 2021-2027
Tras a inauguración, a primeira ponencia das xornadas correu a cargo do xornalista agrario César Lumbreras, director de Agropopular (Cope). Lumbreras abordou as perspectivas da nova PAC 2021-2027 e incidiu en que as axudas europeas terán que atopar a súa “xustificación ante a opinión pública” na contribución do sector agrario ó coidado do medioambiente e á loita contra o cambio climático. “O sector, en xeral, non é consciente da necesidade de gañar a batalla da imaxe”, valorou o xornalista.

Sobre as propostas que se barallan para o novo periodo da PAC, Lumbreras apuntou que aínda existe unha alta incertidume. “En tanto non se clarifiquen os fondos económicos cos que contará a PAC, algo que non sucederá previsiblemente ata mediados do 2020, só se poderá falar de debate de medidas”, destacou. Para o 2018 espéranse propostas da Comisión Europea e no 2019, tras as eleccións ó Parlamento Europeo, encamiñarase a futura Política Agraria Común, que en calquera caso, contará con menos fondos que a actual.

“Os antibióticos usados de xeito responsable teñen vantaxes, pero hai que avanzar no obxectivo de reducir a aparición de resistencias” (Pablo Hervás, Veterindustria)

Imaxe ante os consumidores
A imaxe da produción gandeira ante a sociedade foi un tema recurrente entre todos os ponentes. A directora da Fundación Empresa & Clima, Elvira Carles, advertiu de que o sector gandeiro verase obrigado a reducir as súas emisións de gases de efecto invernadoiro en canto entre en vigor o Acordo de París, previsiblemente a comezos do 2019. “Ata agora, a gandería non estaba obrigada a reducir as súas emisións, pero iso cambiará en breve”, subliñou.

Javier López, director de Provacuno, a interprofesional do sector de vacún de carne, defendeu a necesidade de coidar a imaxe de seguridade alimentaria da produción española, tanto ante os consumidores internos como de cara á exportación, que representa o 30% do mercado. “Existe un problema xeralizado de imaxe en Europa, xa que o 70% da poboación descoñece que os medicamentos veterinarios contribúen a aumentar a seguridade alimentaria da carne”, sinalou.

“O 70% da poboación europea ignora que os medicamentos veterinarios contribúen a aumentar a seguridade alimentaria” (Javier López, Provacuno)

O director técnico de Veterindustria, Pablo Hervás, afondou na mesma cuestión. “Produtos veterinarios como os antimicrobianos teñen vantaxes usados de xeito responsable. A cuestión é fomentar o seu bo uso, con transparencia, e avanzar no obxectivo de reducir a aparición de resistencias”, valorou.

Clausurou a xornada a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, que, na mesma liña, incidiu en que “a seguridade ten que chegar ó prato e facelo cun alto sabor culinario”. Sobre as políticas do seu departamento orientadas ó sector de vacún de carne, Vázquez puxo énfase na promoción do relevo xeneracional no campo e nos apoios á industria cárnica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información