“O resultado da colaboración entre Carrefour e a IXP Ternera Gallega é excepcional”

Entrevista a Francisco Piqueras, director de carnicería de Carrefour España, quen recentemente participou en Galicia na III Xornada Técnica de Produción gandeira ecolóxica, organizada pola marca de pensos ecolóxicos Ecofeed

“O resultado da colaboración entre Carrefour e a IXP Ternera Gallega é excepcional”

Francisco Piqueras, director de carnicería de Carrefour España

O consumo de carne ecolóxica está previsto que siga medrando a ritmo de dous díxitos durante os próximos anos, abríndose unha oportunidade de mercado para os produtores. Esta foi unha das conclusións da III Xornada Técnica de Produción Gandeira Ecolóxica, organizada pola marca de pensos ecolóxicos Ecofeed o pasado 24 de xaneiro en Allariz.

Un dos relatores invitados foi Francisco Piqueras, director de carnicería de Carrefour España. E é que a multinacional francesa foi unha das primeiras en apostar pola produción bio a comezos dos anos 90.

“Desde 2016 medramos un 30% en referencias de produtos gandeiros bio e o obxectivo de cara ao 2022 é multiplicar por catro o número de referencias”, avanzou Francisco Piqueras.

Neste sentido, a estratexia de Carrefour pasa por democratizar no prezo de acceso a estes produtos, suprimindo intermediarios e negociando directamente con produtores agrupados en cooperativas ou noutro tipo de sociedades, e por facelos máis accesibles nos supermercados con espazos propios e ben sinalizados.

Falamos con Francisco Piqueras sobre as tendencias de consumo de carne en España, e en produción ecolóxica en particular.

Estades a notar en Carrefour un repunte do consumo de carne ecolóxica?
Si, o consumo aumentou de maneira positiva. Comer mellor e máis san é unha das preocupacións dos consumidores en todo o mundo. Os modos de vida e os hábitos de consumo cambiaron e hoxe en día o cliente preocúpase cada vez máis pola alimentación, pola orixe dos alimentos e polos modos de produción que respectan o medio ambiente.

Como mostra diso Carrefour participou na III Xornada de Produción Gandeira Ecolóxica en Allariz na que a compañía mostra o seu compromiso pola carne galega ecolóxica e a súa aposta polos produtores locais e rexionais.

“En ecolóxico onde notamos máis demanda é en ovos, aves e vacún”

Cales son as especies nas que notades maior demanda?
En xeral poderiamos dicir que é un maior consumo global de carne destacando ovos, aves e vacún; e máis lentamente año e porcino.

Segue sendo o prezo unha barreira para democratizar o consumo de carne ecolóxica?
A compañía puxo en marcha o programa Act for Food, unha serie de iniciativas concretas para comer mellor e para transformar o seu modelo a nivel mundial co fin de abordar estes novos desafíos alimentarios e satisfacer as novas expectativas dos consumidores.

Por iso, Carrefour aposta por unha oferta alimentaria de calidade, con máis sabor, fiable, que preserve o “comer mellor”, o benestar, un estilo de vida saudable, e a un prezo razoable.

Que perspectivas ou previsións ten Carrefour en España para o incremento do consumo e venda de carne en ecolóxico nos próximos anos?
Carrefour prevé que nos próximos anos o consumo de carnes ecolóxicas terá un crecemento positivo. Neste sentido, Act For Food recolle iniciativas como a potenciación da gama BIO -que a compañía leva 15 anos comercializando-, a eliminación do IVE dos produtos frescos BIO para facelos máis accesibles, a colaboración con agricultores e gandeiros no desenvolvemento destes produtos, a sinatura de acordos de produción a longo prazo que garantan prezos accesibles, garantía de rastrexabilidade nos produtos de marca propia, a eliminación de 100 aditivos controvertidos, colaboración con máis de 110 produtores locais para garantir a frescura diaria da verdura de folla e a oferta de peixe fresco diario procedente de 66 lonxas españolas … entre outras.

Notades diferenzas no perfil do consumidor de carne ecolóxica?
Non hai un perfil específico. En liñas xerais os modos de vida e os hábitos de consumo cambiaron e hoxe en día o consumidor preocúpase cada vez máis pola alimentación, pola orixe dos alimentos e polos modos de produción que respectan o medio ambiente.

En xeral, que tipo de corte e de envasado están a demandarvos máis os clientes de Carrefour?
No que se refire á carne ecolóxica o despezamento de polo tradicional, con preferencia pola peituga, e en vacún os cortes máis vendidos son entrecosto e filete de primeira. En canto ao envasado o termoselado en aves e en vacún skin e slim fresh.

Estades a atopar suficiente oferta en ecolóxico por parte dos gandeiros en España?
Si, hai cantidades suficientes para a venda actual nas categorías de ovos, aves e vacún. Aínda que atopamos unha maior dificultade en porcino e cordeiro.

 “Temos dificultade para atopar provedores de porcino e cordeiro ecolóxicos”

Que requisitos teñen que reunir os vosos provedores?
Os requisitos que teñen que reunir principalmente é que teñan volume suficiente de produción para abastecernos e estrutura de produción. Ademais, como estamos a falar de produto ecolóxico, necesitamos as certificacións correspondentes.

Traballades coa IXP Ternera Gallega. Como valorades a colaboración e o resultado de vendas desta carne?
O resultado e a colaboración con IXP Ternera Gallega é excepcional. Carrefour aposta polas empresas agroalimentarias locais que son unha peza crave no seu modelo de negocio, xa que contribúen a ofrecer unha variedade específica e local en cada un dos establecementos da cadea.

 “Estamos a traballar para introducir na nosa lineais carne da IXP de Vaca e Boi de Galicia”

Pódese comprar en Carrefour carne da IXP Vaca e Boi de Galicia?
Actualmente non temos dispoñibilidade da IXP de Vaca e Boi de Galicia, debido á escasa produción actual, aínda que estamos a traballar con provedores de referencia para introducir nos nosos lineais esta gama da IXP. Si dispoñemos, desde hai moitos anos, nas nosas tendas da IXP de Ternera Gallega e Ternera Gallega Suprema.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información