“É prioritario reorganizar a pureza da Rubia Galega porque está moi contaminada”

O veterinario Antonio Núñez Torrón encabeza unha candidatura nun novo intento por optar á presidencia de Acruga. Debúllanos as súas propostas, que se orientan á mellora da xenética desta raza

“É prioritario reorganizar a pureza da Rubia Galega porque está moi contaminada”

Antonio Núñez Torrón, candidato á presidencia de Acruga.

A unha semana da celebración das eleccións á presidencia da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga), falamos con Antonio Núñez Torrón, un dos tres candidatos que concorren ós comicios. Este veterinario, que volve medirse con César Dorado, o actual presidente, e cun terceiro candidato, José Antonio Fernández, critica abertamente a xestión dos últimos anos, que considera “afastada de criterios técnicos”. Núñez Torrón avoga por centrarse na recuperación da pureza da Rubia Galega a través da xenética.

Por que decidiu volver presentarse como candidato á presidencia de Acruga?
Presentamos a nosa candidatura porque somos gandeiros e queremos loitar pola raza Rubia Galega. Ademais, nas anteriores eleccións, que se celebraron no 2014, sen voto delegado, perdemos só por 20 votos, quedamos ás portas. Logo deste proceso, moitos gandeiros que xa nos apoiaran animáronnos para que seguíramos defendendo a Rubia Galega e volvésemos inténtalo.

“A Rubia Galega era a raza autóctona con máis censo e como sigamos así, vai acabar en perigo de extinción”

Que valoración fai da xestión dos últimos anos?
Nestes anos que César Dorado leva como presidente da asociación, especialmente nos últimos cinco, a raza Rubia Galega sufriu unha importante recesión. Agora mesmo a Rubia Galega está nunha situación alarmante. Dende o ano 2013 ó 2017 tivemos unha redución dun 45% dos animais inscritos polo que, segundo datos oficiais, non é unha valoración, a raza está en recesión como o apuntan dende o Ministerio de Agricultura. En decembro de 2017 descualificáronse máis de 1.000 reprodutores de raza Rubia Galega porque non eran desta raza, estaban rexistrados como tal pero non eran puros. A Rubia Galega era a raza autóctona con máis censo e como sigamos así vai acabar en perigo de extinción.

A que cre que se debe esta situación?
Detectamos un auténtico descontrol na xestión. Podo poñer un exemplo de moitos, na última poxa nacional de raza rubia, que se celebrou o 23 e 24 de xuño do ano pasado, entrou un semental na nave de testaxe, que permaneceu alí sete meses, e que tiña unha mancha branca grande en forma de garabata, que sería xa para descualificalo, e tivérono alí durante sete meses. Pretendían incluso poxalo cando non podería nin entrar na nave de testaxe por esa característica. Esa foi unha decisión propia e directa do presidente. Dorado leva tempo tomando decisións moitas veces personalistas que chegan a ser contrarias ás directrices técnicas e isto pásalle factura á raza.

Entón, a xenética da Rubia Galega está danada?
Xeneticamente estamos moi desfasados. Agora mesmo temos unha desfeita xenética porque non temos claramente diferenciadas nin as liñas de carne nin as liñas de vida. De feito, nós propoñemos diferenciar carne, vida e cruce industrial. E dentro da liña de vida temos que conseguir as tres variedades (normal, aculonada e culona) porque son moi útiles para os distintos sistemas de manexo e distribución xeográfica da raza.

Tampouco temos seme sexado cando outras razas si o teñen, algunhas dende hai moitos anos. A raza ten problemas de parto e viabilidade dos xatos ó nacer e incluso detectamos unha perda do instinto maternal.

E segundo vostede, que consecuencias trae a situación que describe?
Sabemos que hai gandeiros que están inseminando a Rubia Galega con outras razas similares porque a rubia non ofrece garantías. Logo esa descendencia acaba certificada por Acruga como raza pura sen facer os controis precisos, sen facer as probas xenéticas… Iso levounos xa a descartar moitos animais inscritos no libro xenealóxico, que xa non deberían de ter figurado nel. Esa falta de rigor dáse incluso no rabaño de elite da Deputación.

“Consideramos que animais do rabaño de elite da Deputación son femias de descarte dos gandeiros, seleccionadas por Acruga”

A que se refire? Cre que non hai control por parte da Deputación?
Á Deputación hai que agradecerlle o seu apoio incondicional para a recría das femias de raza rubia pero as xatas que entran son decisión exclusiva de Acruga, do seu persoal, dos seus técnicos… Nese aspecto, consideramos que precisamente moitos dos animais que entran seleccionados por Acruga, non pola Deputación, son animais de descarte dos gandeiros.

Como se chega a esta situación da que fala?
Sabemos que os datos que se toman no campo non son verificables e contrastables así, moitas veces non coinciden coa realidade. Se as bases de datos non son fiables non podemos facer cálculos adecuados porque partimos de información que non é real.

E fronte a isto, cales son as súas propostas?
O primeiro que pretendemos facer é recuperar a credibilidade da raza e a confianza dos gandeiros, que agora están recorrendo a outras razas. Temos que incrementar o número de reprodutores e frear a caída continua dos censos. Precisamos dispoñer de seme sexado para machos e para femias. Creariamos un banco de embrións que se poñería a disposición tanto dos gandeiros que o solicitasen como dos veterinarios.

É preciso democratizar a asociación, asentándose na toma de decisións con criterios técnicos e rigorosos. Cremos necesario ampliar o servizo de produción e xestión zootécnica a gandeiros de toda Galicia, que actualmente so se realiza nalgunhas zonas de Lugo.

Temos que comezar a aproveitar os convenios coa Consellería de Medio Rural e da Deputación de Lugo para o que realmente son, avanzar na mellora xenética, e buscamos recuperar as axudas directas para animais de primeiro parto. Tamén queremos reclamar que os socios de Acruga teñan prioridade ou que se valore a súa pertenza á asociación á hora de optar a axudas como os plans de mellora, novas incorporacións… Outra cuestión a impulsar son os estudos da raza conxuntamente con universidades, centros de investigación, con empresas, con proxectos I+D+i.

Queremos facilitar a comercialización da carne de animais da nosa raza e traballar para conseguir o logotipo de raza autóctona. Outras razas autóctonas en perigo de extinción xa contan con este distintivo e non sabemos porque nós aínda non o temos, creemos que porque nin se tramitou.

“Temos que impulsar e modernizar un programa de selección xenética da raza”

En que liñas cren que é preciso incidir máis nos próximos anos?
Agora mesmo o prioritario é conseguir seme sexado para machos e femias, a creación dun banco de embrións e reorganizar e vixiar a pureza da raza, porque actualmente está moi contaminada. Na actualidade, non temos selección xenética que lle permita á asociación aumentar os ingresos e revertelos nos socios, como están facendo noutras razas.

É preciso establecer un programa de recuperación da raza seleccionando dende o punto de vista xenotipo, morfolóxico e funcional. Temos que impulsar e modernizar un programa de selección xenética da raza, xa que o que temos non funciona, vese nos resultados. Agora no sector hai moita improvisación. Estabamos incluso tendo problemas con Brasil porque os descendentes dos sementais rubios nun rabaño non son homoxéneos, iso evidencia que xenéticamente temos moitos fallos. Tamén se detectou en explotacións de fóra de Galicia, que levaron xatas da granxa da Deputación, que eses animais logo tiñan o morro negro, cando a Rubia Galega caracterizase polas mucosas claras. Mírase para outro lado.

Debemos establecer un programa fiable de selección de machos para que entren na Nave de Testaxe. Temos que facer o esforzo de incrementar o número de animais que entran nesa nave. Deberíamos poder chegar a contar con máis de 120 animais ó ano, cando agora non chegan a pouco máis de medio cento. Iso permitiríanos contar cos mellores dos mellores.

A candidatura

Como formaron a súa candidatura?
A nosa candidatura está integrada por gandeiros profesionais e que ademais teñen distintos sistemas de produción (tradicional, semi-extensivo e extensivo en ecolóxico). Algún destes gandeiros están participando asiduamente en certames, feiras e exposicións cos seus animais. Son profesionais.

O resto da candidatura está integrada por Luis López Seijas (vicepresidente), Francisco Berdeal Álvarez (secretario), Ganadería Santalla S.C (tesoureiro), Eladio Sánchez López (interventor), e Rendeira S.C., Mónica Villadoniga Castedo, José Narciso Sánchez, Alfredo López Fernández e Joaquín Lago Fernández como vogais.


Nota: Campo Galego entrevistará nos próximos días ós outros dous candidatos á presidencia de Acruga.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información