“O principal obstáculo para incorporarme á gandería foi o acceso á terra”

Entrevista a Xavier Fernández Arias, biólogo e gandeiro de ovino e vacún incorporado. Hai dous anos alugou unha explotación en Cospeito (Lugo) e cóntanos como está a ser a súa experiencia.

“O principal obstáculo para incorporarme á gandería foi o acceso á terra”

Xavier Fernández na súa explotación

Xavier Fernández Arias é un mozo que hai algo máis de dous anos se incorporou á actividade gandeira dunha forma pouco común en Galicia: apostando polo ovino para a venda de cordeiros e mediante o aluguer dunha explotación gandeira en Cospeito (Lugo). Cóntanos como está a ser a súa experiencia.

Decidiches alugar unha explotación para adicarte á gandería de ovino. As dúas opcións son pouco frecuentes. Por que te decidiches a dar este paso?
Son biólogo e veño da empresa privada e xurdiu a posibilidade de alugar esta finca de Caldaloba xunto con outra do Banco de Terras. Esta finca xa estaba traballando en ovino e antigamente fora de vacún. Decidín seguir co ovino por unha cuestión de rendibilidade a curto prazo: unha vaca tarda como mínimo 20 meses en producir e unha ovella, se todo vai ben, produce en 8 meses.

A explotación cólloa en xuño de 2013, polo que levo na explotación dous anos e catro meses.

E xa con este período na explotación, como valoras a túa experiencia como gandeiro de ovino?
Ben. Como todos os comezos, é complexo economicamente e tamén de adaptación a unha actividade, a de ovino, na que case todo era novo. O primeiro ano dediqueime a coñecer explotacións e formas de traballar para ver o que podía aplicar aquí e o o que non.

Que leccións fuches tirando nestes dous anos, tanto do que se debe facer como do que non?
Hai que partir de que o sector do ovino en Galicia é moi residual e pouco profesionalizado. É moi difícil atopar gandeiros que exclusivamente vivan do ovino.

Eu tiña unha idea do que quería e o que fixen foi adaptar o que vin ao que eu tiña nesta explotación. Así, optei por un manexo semiextensivo, que só se diferencia do extensivo porque os partos trato de facelos dentro da corte para previr ataques de alimañas. Trato de aproveitar ao máximo o pasto e a forraxe de inverno que produce a propia explotación para depender o mínimo de insumos externos.

Con canta base territorial contas?
Nesta finca de Cal da Loba conto con case 50 hectáreas máis outras 11 noutra finca alugada ao Banco de Terras. É suficiente para a carga gandeira que teño neste momento: unas 200 ovellas e 12 vacas de raza Rubia Galega.

Din o paso a producir en ecolóxico e polo tanto teño que facer a explotación o máis sostible posible.

As ovellas están en semi-extensivo

As ovellas están en semi-extensivo

Por que razas optaches e por que motivo?
En ovino, partía dunha base de razas Berrinchon e Ile de France e partir de aí o que estou buscando é aumentar prolificidade e cualidades maternas. Así, metín un macho de Romanof e de momento estou nos primeiros partos e aínda todo é un pouco novo. E uso unha raza cárnica, a Charolais.

E en vacún teño Rubia Galega, para min é a nosa raza e a máis adaptada ao tipo de finca que eu teño.

A comercialización é o talón de Aquiles do sector primario…Como está sendo no seu caso?
É moi difícil comercializar ovino en Galicia porque temos un produto moi diverso: non temos unificadas nin razas, nin sistemas de produción dos cordeiros nin pesos..etc. Eu intento producir un cordeiro da máxima calidade posible e vendelo o antes posible, con entre 45 e 50 días e entre 16 e 18 kg de peso vivo.

A venda no sector primario é complicada porque dependes de intermediarios externos que son os que marcan o prezo do produto. O que intento é evitar intermediarios para achegarme o máximo posible ao consumidor vendéndolle a un restaurante e, sobre todo, a un carniceiro que valora o meu produto.

“Intento evitar intermediarios e concentrar os partos entre novembro e xaneiro”

En canto aos prezos, no ovino oscila moito. Se produces de xaneiro en adiante ata xuño o prezo sole baixar ata os 50 euros por cordeiro. Pola contra, de novembro a xaneiro, e sobre todo en Nadal, normalmente é unha época de bos prezos, de entre 65 e 70 euros por año.

A demanda nesta época non é moito maior pero a oferta é menor e por iso trato de producir nesta época.

Como intentas diferenciar a carne que produces?
Son cordeiros criados basicamente con leite materno e nos últimos dez ou quince días doulles un suplemento de cereais. Pola contra, o cordeiro foráneo non mama na súa nai, senón que toma leite de nodriza. Ademais, o cordeiro meu ten una carne máis branca e brandiña.

O pasto é a base da túa explotación. Como manexas as rotacións e cales son as variedades que tes?
As fincas están divididas en parcelas e, á súa vez, en subparcelas, para facer unha rotación dos animais. Fago un sistema de rotación con vacún e ovino, sobre todo na primavera, cando o pasto se me pode ir e condicionar todo o verán e outono. Deste xeito, primeiro pastorean as vacas e logo as ovellas para manter a calidade de pasto e tamén para que as ovellas non se acostumen a ter o pasto grande, o que provocaría problemas de pasto vello.

“A diferencia do cordeiro foráneo, o noso aliméntase con leite da nai”

En canto á mellorar os pastos é complicado porque a finca ten moita pedra, e a única forma que vexo factible de mellorar o pasto é abonándoa co propio esterco da explotación, e xa o fixemos en varias parcelas.

As variedades que temos son sobre todo leguminosas: moito trevo, e logo raigrás, dactylo, festuca, cardo..que se propaga xa que as ovellas trasladan moito a semente. En xeral o pasto é bo, aínda que no verán é unha finca seca e baixa bastante a produción.

Ovellas recén paridas

Ovellas recén paridas

Como complementas nos días que non podes quitar as ovellas?
Soamente con herba seca, tanto para ovino como para vacún. As ovellas en preparto ou postparto reciben un complemento de cereais.

E como valoras a axuda da Administración para instalarte como mozo gandeiro?
As axudas que nos podan dar son ben recibidas pero creo que sempre son escasas e, sobre todo, moi burocráticas.

A axuda de incorporación, de arredor de 22.000 euros, é un complemento importante para iniciar a actividade pero se che esixen como mínimo, por exemplo, en vacún ter 30 ou 35 cabezas de gando, e iso xa suporía un custo de máis de 50.000 euros, só para comprar os animais.

En ovino a situación é peor porque as axudas de incorporación da Xunta están pensadas só para vacún e non para ovino. De feito, case non tes módulos para ovino, agás para mercar animais e algunha manga de manexo, pouco máis. Os comedeiros, vallas…etc pagueinos fóra da axuda.

Un dos problemas aos que se enfrontan os gandeiros de ovino son os ataques dos lobos e tamén de raposos ou corvos ás crías….Tamén os sufriches na túa explotación?
Dende o 2013 tiven dous ataques de lobo con tres animais afectados e dende que os dous mastíns que teño son adultos non tiven máis problemas.
Pero a xestión das axudas por ataques do lobo por parte da administración é un desastre. Como exemplo, acabo de cobrar agora mesmo unha axuda por un ataque en 2013 e aínda teño pendente de cobrar outra polo ataque de setembro de 2014.

 “A xestión das axudas por ataques do lobo son un desastre”

A experiencia nestas axudas dime que che piden tanta burocracia e papeleo para que desistas de reclamar. E ademais, se o cadáver da ovella non aparece ou se este non ten o crotal xa non che pagan nada.

O aluguer dunha explotación completa aínda é inusual en Galicia. Que vantaxes lle ves?
Son partidario da modalidade de aluguer en todo e para alguén que se incorpora á actividade agrogandeira é imposible mercar o terreo e a explotación.

O problema é que a terra en Galicia ou está moi concentrada ou moi fragmentada. Para a xente que nos queremos incorporar os dous principais factores limitantes son acceso á terra e a man de obra. Aquí xurdiume a posibilidade de alugala ata o 2020 e nunhas condicións asumibles.

“O principal problema que tiven foi o acceso á terra, e logo a man de obra”

E a pregunta do millón: a túa explotación é rendible?
Este debería ser o primeiro ano que é rendible, no terceiro ano, e partir de aquí debería selo. A limitación que tiven ata agora foi a recría: en tres anos renovei o 80% do rabaño de ovellas e iso tivo un custo de cordeiros e añas para recría que non puiden vender.

O obxectivo é ter sobre 200 ovellas e chegar a producir entre 350 e 400 cordeiros, cun ideal de 1,8 años por ovella. E o obxectivo é vender a entre 340 e 360 cordeiros e recriar sobre 30-35 cordeiras. Agora mesmo estou vendendo entorno a 100 cordeiros e todo o resto é para recría.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información