O pastoreo dos parques urbanos, unha tendencia en Europa que chega a Galicia

O pastoreo dos parques urbanos, unha tendencia en Europa que chega a Galicia

Ovellas na cidade de Dusseldorf (Alemania). Foto: Marcus_Scheuermann Shutterstock

Cada vez son máis as cidades europeas que ven nas ovellas e nas cabras unha oportunidade para cortar a herba e a maleza dos parques e espazos urbanos dunha forma moito máis sustentable e económica.

Dusseldorf, en Alemaña, emprégaas dende hai anos para cortar a herba nos seus parques urbanos; Roma, Berlín ou Turín, entre outras moitas urbes, prevén tamén poñer en marcha esta técnica barata, eficiente e que garante a fertilización natural das áreas verdes. E no mesmo parque do Palacio de Buckingham londinense ou no parque dos Campos Elíseos parisinos as ovellas e cabras substitúen de cando en vez ao ruído das desbrozadoras e dos cortacéspedes.

En España tamén se recorre ao gando ovino e caprino na Casa de Campo de Madrid ou no entorno da Alhambra de Granada para eliminar a maleza.

A iniciativa chega tamén agora a Galicia da man do Grupo Municipal Lugonovo que levará este xoves ao Pleno Municipal do Concello de Lugo unha iniciativa na mesma liña, mediante a posta en marcha dun Plan Integral de Pastoreo Urbano.

Cortar e fertilizar un metro cadrado de céspede con maquinaria costa 0,5 euros ao ano mentres que cunha ovella baixa a 0,03 euros

”Consiste en que o mantemento das zonas verdes municipais sexa realizado por cabras, ovellas, cabalos e incluso gando vacún”, explica Víctor Álvarez Arias, edil de Lugonovo. E refire varias das súas vantaxes. “Trátase dunha solución limpa, que aproveita o comportamento cotiá destes animais. Só cos seus hábitos alimentarios contribúen a minimizar o risco de incendios nos montes e reducen a utilización de substancias contaminantes, como poden ser os produtos fitosanitarios. Ademais diminúen as molestias ocasionadas polos ruídos que emite a maquinaria, ao substituíla, e favorecen a fertilización, sendo un recurso adicional para o mantemento da actividade agraria”.

As cifras falan por sí soas. “Mentres os apeiros mecanizados emiten ate 1.200 kg de Dióxido de Carbono por hectárea, unha soa ovella é capaz de secuestrar, de media, ata 70 kg de CO2 na mesma superficie – indica Álvarez Arias, co conseguinte beneficio ecolóxico que comporta. Tamén entrañaría un aforro económico importante, tendo en conta que os prezos de mercado apuntan a un custo mínimo de medio euro polo mantemento anual dun metro cadrado de terreo, no canto dos 3 céntimos que vale ter a unha ovella ou a unha cabra a pleno rendemento”.

A esas vantaxes ambientais, o director técnico da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), Carlos Rodríguez, engade as sociais, porque considera que sería «unha ferramenta para vincular ou rural e ou urbano».

Esta xa foi unha proposta que realizou esta asociación aos orzamentos participativos do Concello de Lugo fai tres anos. Entón déuselle o visto e prace, pero quedou en «papel mollado». Carlos Rodríguez lembrou que Ovica ten cinco criadores no municipio de Lugo que poderían facilitar os seus rabaños para o coidado das zonas periurbanas, co que disporían de pasto para o seu gando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información