O pastoreo de porco celta, unha crianza que transforma a maleza en carne de calidade

A comunidade de montes do Carballo, en Friol, emprega unhas instalacións modulares, transportables e autónomas para a crianza de porcos celtas nos montes. Con este sistema innovador, no que tamén se integran as novas tecnoloxías e enerxías renovables, manteñen limpos os montes, reducindo o risco de incendios, á par que crían os porcos

O pastoreo de porco celta, unha crianza que transforma a maleza en carne de calidade

Instalacións modulares e transportables para a crianza de porcos celtas en extensivo.

Os comuneiros do monte do Carballo (Friol, Lugo) levan tempo apostando por un aproveitamento dos seus montes onde van da man tanto a produción forestal como a valorización doutros recursos dos espazos naturais. Así, optaron por introducir animais para manter limpos os montes. Primeiro foron os cabalos e dende o hai tres anos tamén contan con porcos celtas que contribúen a reducir a broza á par de lograr un rendemento. Agora, en colaboración coa Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel) desenvolveron unhas instalacións modulables e facilmente transportables para rotar por distintas zonas do monte a crianza en extensivo do porco celta para cebo. No proxecto tamén participa a Universidade de Santiago de Compostela (Ibader) que se encarga do estudo da vexetación do solo e da calidade das canais.

Cada ano teñen dispoñible unha nova zona de pastoreo e trabállase con unha carga gandeira de entre 10 e 15 porcos por hectárea

“Ó principio empezamos cun cerrado de malla electrosoldada, con postes enterrados, así como un silo que tamén levaba unha pequena cimentación. Era unha estrutura toda ela factible de trasladar pero resultaba moi complexo e custoso, xa que implicaba moita man de obra” comenta José Manuel Iglesias, presidente da Comunidade de Montes. Por iso, idearon unhas instalacións que é doado transportar e que ademais son autónomas, xa que aproveitan o uso de enerxías renovables e de tecnoloxías da información e comunicación (TICs).

Este é o primeiro ano que contan coas instalacións que lle permiten dispoñer dunha zona de pastoreo e dun curro central no que incluíron unha manga integrada no recinto que lles facilita o manexo dos porcos, sobre todo cando teñen que realizar o pesado dos animais ou algún tratamento sanitario puntual.

Instalacions-mobiles-porco-celta-Carballo-

Instalacións móbiles para a cría dos porcos no monte.

As instalacións están deseñadas para un máximo de 100 exemplares cunha zona de pastoreo acoutada de entre 5 e 10 hectáreas anuais, mais este ano comezaron con 54 porcos. “A idea é acoutar o terreo á carga de animais que queiramos ter. Nós queremos traballar nunha zona diferente cada ano e tentar sacar o máximo rendemento desa zona sen exceder dos 15 animais por hectárea que é o que permite a lexislación e que é axeitado para un bo manexo”, explica José Manuel. Este ano comezaron cunha superficie de 5 hectáreas.

Tándem cabalo e porco celta

Estas instalacións móbiles permítenlle unha limpeza óptima da broza xa que os porcos aproveitan aquel mato que o cabalo xa desbota, como son as silvas e o fento. “Estas foron zonas nas que fixemos clareos nas plantacións e entra máis luz o que propicia que medren sobre todo silvas, e os cabalos prefiren o toxo e as uces e non acaban de limpar o monte”, apunta.

Cos porcos conseguen, incluso, eliminar as raíces destes tipo de mata, ó fozar no terreo. Ademais, a rotación anual permítelles que o monte non quede esgotado pola presenza dos porcos e se rexenere, grazas, en parte tamén, ó propio abono que xeran os animais. “A experiencia que temos é que logo de ter os porcos nunha zona adoitan saír moi ben as herbáceas e queda propicio para que logo o cabalo xa controle ese mato”, concreta.

Fan un seguimento da transformación da matogueira para calcular os tempos idóneos de pastoreo e evitar perdas no solo

Este proxecto tamén inclúe o seguimento e avaliación da transformación da matogueira para poder obter datos cualitativos e cuantitativos dos efectos do pastoreo. Unha tarefa que realiza persoal do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader). O estudo permite determinar os tempos de pastoreo e a carga idónea (unidades de gando maior, UGM, por hectárea) para evitar perdas dos solos por erosión e danos nas árbores, xa que a produción de madeira de piñeiro é a principal fonte de ingreso desta comunidade de montes.

Á par de conseguir ter o monte desbrozado, o que reduce en gran medida o risco de incendio, coa crianza en extensivo buscan reducir a cantidade de penso que os animais reciben. Técnicos de Asoporcel son os encargados de determinar as racións de penso, un composto a base de cereais, e deseñaron tamén a dose que precisan os animais en función da inxesta de mato que están a facer ó longo do ano. O consumo diario de penso destes animais adoita ser a metade que o dun porco en intensivo.

Enerxías renovables

Outro dos eixos fundamentais do proxecto é o emprego de enerxías renovables en toda a instalación. Optaron por instalar paneis solares que lles proporcionan a electricidade que precisan tanto para os pastores eléctricos do peche perimetral como para o sistema de alimentación automatizado. Idearon tamén dun silo móbil, situado nun remolque, que o fai que sexa facilmente transportable e que lles permite alimentar ós animais nas distintas zonas que vaian habilitando.

Recollida-augas-pluviais-porco-celta-CM-Carballo-

Idearon un silo móbil. Tamén recollen a auga da chuvia para aproveitala e reducir o gasto.

Ademais, habilitaron un sistema de recollida das augas pluviais dos cubertos onde se acubillan os porcos e doutras cubertas. Mediante un sistema de filtrado aproveitan a auga da chuvia, o que lles permite reducir tamén o consumo de enerxía para o abastecemento de auga para os porcos. “Pretendemos lograr o mínimo consumo enerxético coa maior eficiencia posible”, puntualiza.

Novas tecnoloxías para un manexo eficiente

No Carballo buscan ser eficientes non só no que a gasto enerxético se refire, senón en tódalas facetas da crianza, como, por exemplo, no manexo. Coa incorporación de novas tecnoloxías nas instalación procuran que as visitas de supervisión dos animais sexan as necesarias e imprescindibles. Están a instalar un sistema de videovixilancia dos animais, a través dun crótalo electrónico, que lles envíe información dos porcos cada vez que acceden os comedeiros. “Isto permítenos saber se todos os animais veñen comer, posto que se algún falta pode indicar que hai problemas, aínda que hai algúns que incluso prefiren seguir fozando no monte”, argumenta. Un sistema de comunicación wifi permítelle dispoñer dos datos no ordenador ou nos seus teléfonos móbiles.

Un crótalo electrónico permítelles recibir información no móbil dos animais cada vez que acceden ós comedeiros e telos controlados

Tamén é fundamental a supervisión da alimentación e da auga. Aínda que ó estar ó aire libre os porcos dispoñen de alimento, neste caso, o abastecemento de auga é imprescindible. Neste senso, desenvolveron tamén un sistema de alarmas ante incidencias tanto no abastecemento do penso como da auga que facilita o manexo.

As instalacións compleméntanse cun módulo isotérmico de acceso, polo que acceden á explotación e que está conectado coa manga de manexo. Este espazo está pensado para a recuperación puntual de animais, posto que ofrece un acubillo.

Ademais, están en fase de deseño doutro módulo isotérmico, onde situarán os bacoriños cando cheguen ó monte, nun período de aclimatación mentres que son máis pequenos, xa que prefiren non criar no monte polo complexo que resulta.

Un modelo a implementar

CM-Carballo-cebadeiro-porco-celta-

Este proxecto de aproveitamento dos recursos naturais para unha crianza sostible e eficiente do porco celta conta cun orzamento de 92.312,5 euros, dos que recibiron unha achega de 73.850 euros cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia.

Esta iniciativa pioneira pretende ser un modelo a implementar por outras comunidades de montes que procuren un aproveitamento con animais. De feito, en colaboración con Asoporcel, están a elaborar un Modelo de Utilidade (patente) á par que están a desenvolver un manual que permita coñecer en detalle as instalacións e que poidan ser emuladas noutras zonas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información