O Parlamento galego regulará excepcións para pastorear zonas queimadas

Acordo unánime dos grupos parlamentarios para permitir o pastoreo en terreos afectados por incendios, sempre que se demostre que os lumes non buscaban a rexeneración de pastos

O Parlamento galego regulará excepcións para pastorear zonas queimadas

Monte afectado por un lume, lindante con prados, nos Ancares. / Arquivo.

O conxunto dos grupos parlamentarios galegos acordou hoxe desenvolver unha normativa para regular excepcións de pastoreo en zonas queimadas. A lei de prevención de incendios de Galicia establece, con carácter xeral, que os montes afectados por lumes non se poderán pastorear durante os dous anos seguintes ó incendio, pero esa mesma normativa puntualiza que se poderán contemplar excepcións baseadas na acreditación de inexistencia de alternativas ó pastoreo na área afectada. O Parlamento regulará agora os criterios técnicos a seguir para decidir as excepcións.

Entre os grupos parlamentarios, houbo unanimidade sobre a necesidade de clarificar a normativa. Preténdese así evitar situacións como as que se produciron tras a vaga de lumes do outono do 2017, cando ducias de ganderías dos Ancares quedaron sen pastos de monte e víronse contra as cordas, á espera dunha autorización excepcional da Administración para o pastoreo, que finalmente lles foi concedida.

As excepcións regularanse con criterios técnicos, evitando un efecto chamada no uso do lume para rexenerar pastos

Tanto por parte do grupo popular como por parte da oposición tamén se puxo de manifesto a necesidade de evitar que a nova normativa funcione como un efecto chamada para o uso ilegal do lume na rexeneración de pastos, como sucedeu recentemente en Asturias. “Se hai quen pensa empregar o lume coma no pasado, para rexenerar pastos, equivocarase”, advertiuse desde o PP.

O obxectivo fundamental da normativa é permitir o pastoreo naqueles montes que se vexan afectados por grandes lumes procedentes doutras zonas. De xeito paralelo, o grupo popular avanzou que tamén quere impulsar un plan invernal de queimas controladas, a fin de colaborar co sector gandeiro na rexeneración de pastos naqueles casos en que técnicamente se decida o uso de queimas prescritas.

Por parte da oposición, o deputado David Rodríguez (Grupo mixto) propuxo reducir a burocracia de papeleo que se lle esixe ós gandeiros para tramitar a autorización excepcional de pastoreo, unha cuestión que o PP non viu factible. Tamén se demandou un estudo caso por caso, a cargo dun axente medioambiental, axilidade na resolución das solicitudes e coordinación co Seprona, a fin de que non se poñan multas sobre ganderías con autorizacións excepcionais de pastoreo, “como xa ten sucedido outras veces”, advertiu Rodríguez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información