O Ministerio mediará na crise de prezos dos produtores de coello

Esta semana convocará ás partes para ir resolvendo os problemas internos do sector entre produtores e matadoiros. O Ministerio avanza na autorización dos matadoiros de proximidade nas explotacións.

O Ministerio mediará na crise de prezos dos produtores de coello

Granxa de coellos

O Ministerio de Agricultura vai empezar a mediar para buscar unha solución á grave crise de prezos que padecen os produtores de coello, arredor de 300 en Galicia, que dende hai máis dun ano perciben uns prezos por debaixo dos custos de produción.

Así o se acordou o pasado xoves en Madrid nunha reunión mantida na sede do Ministerio de Agricultura e na que estiveron presentes representantes de Asaja, Coag, Upa, Conacún , Cuniber e das cooperativas e por parte do Ministerio o Director Xeral de Producións e Mercados Agrarios, Fernando Miranda.

Segundo fontes del Sindicato Labrego Galego, presente na reunión a través e COAG, “o Ministerio está disposto a sentar a matadoiros, distribución e produtores para regular a cadea de valor”. Pero previo a este paso, o Ministerio mediará para resolver as discrepancias internas entre produtores e matadoiros en Intercún, a interprofesional do coello. “Primeiro temos que arranxar os problemas internos en Intercún, coa mediación do Ministerio, para logo sentarnos a negociar coa distribución”, aseguran as mesmas fontes.

Neste sentido, esta semana o Ministerio convocará as dúas partes de Intercún para mediar na busca dunha solución aos seus problemas internos.

Avance nos matadoiros de proximidade

Outro acordo da reunión do pasado xoves foi o de avanzar na aprobación dos matadoiros de proximidade nas propias explotacións para que os propios produtores poidan abastecer os mercados locais.

“Dende o Magrama díxosenos aos produtores que a aprobación está bastante avanzada, pendente de Sanidade Animal, e que próximamente darase unha solución favorable”, aseguran dende o sector produtor.

Os matadoiros de proximidade nas propias granxas de coellos están autorizados na Unión Europea dende o ano 2008 e España é o único Estado membro que non lexislou para permitir este dereito dos produtores.

Outro punto no se comprometeu o Ministerio é a mediar para buscar unha solución aos prezos que fixa a Lonxa de Madrid, que para os produtores son inxustificadamente baixos e sen obxectividade.

Onde si que non houbo unha resposta positiva foi nas axudas directas de mínimis que, ao igual que se lle aprobaron para as explotacións lácteas con perdas, tamén reclamaban os produtores de coellos, ao igual que o aprazamento dos créditos ou axudas para os gastos de recollida de cadáveres. O Ministerio alegou que a estas alturas do ano os orzamentos do Estado xa están executados e non hai posibilidade de dispor unha partida económica de axudas para os produtores de coellos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información