“O lume deixa ás vacas sen alimento, queimoume 20 hectáreas de pastos e o silo”

Gandeiros dos Ancares lucenses e de Ourense advirten da necesidade de buscar solucións para as granxas afectadas polos lumes. No Condado, en Pontevedra, boa parte dos viñedos quedaron tamén arrasados polos incendios

Publicidade
“O lume deixa ás vacas sen alimento, queimoume 20 hectáreas de pastos e o silo”

Pastos e monte queimados nos Ancares. / Imaxes: Unións Agrarias.

Os lumes de outubro cebáronse con algunhas das comarcas gandeiras máis castigadas pola seca, coma os Ancares, en Lugo, ou o Macizo Central e a zona oriental de Ourense. O impacto dos lumes en pastos e rulos de silo deixa ás granxas das zonas afectadas contra as cordas, co problema engadido de que a lexislación non lles permite pastar durante dous anos nas zonas queimadas.

“Estamos na ruína. Somos as víctimas e semella que somos os terroristas. Se algo podemos dicir seguro do lume, é que quen o prendeu non tiña vacas. Este lume foi un atentado ó medioambiente e á gandería”, advirte José Manuel Rodríguez, un gandeiro afectado polos lumes de Cervantes.

“Este lume foi un atentado ó medioambiente e á gandería. Quen puxo o lume seguramente non tiña vacas” (José Manuel Rodríguez, Cervantes)

José Manuel conta con 28 animais adultos e uns 10 becerros que quedan sen herba que pacer tras o incendio de Noceda. O lume arrasou ás máis de 20 hectáreas que xestionaba a granxa e tamén calcinou 46 rulos de silos de herba que se reservaban para alimentar ás reses no inverno.

A única boa noticia é que os animais conseguíronse salvar. “Gracias ós veciños que me axudaron, lográmolas sacar e levar para o pobo (Vilanova do Pedregal). Ía o lume por baixo delas, por onde tiñan que cruzar, pero non había outro camiño”, lembra o gandeiro.

Restos de rulos de silo queimados.

Restos de rulos de silo queimados.

O caso de José Manuel é dos máis extremos, pero nos Ancares e en Ourense hai multitude de situacións semellantes. “Hai outra explotación que de 80 rulos de herba, conseguiu salvar 4 e parcialmente queimados” -conta Iván Raposo, secretario de Organización de Unións Agrarias nos Ancares.- “As granxas dos pobos afectados quedaron sen pastos e aínda que salvasen a herba que tiñan recollida, este ano era escasa pola seca e non lles chega para alimentar ós animais. Todos van ter que mercar penso e forraxe”, explica.

“O problema máis grave é a prohibición de pastorear durante dous anos nas zonas queimadas. Hai que buscar unha solución” (Iván Raposo, Unións Agrarias)

O problema máis grave, con todo, vén pola normativa que en teoría impedirá pastar dous anos sobre os terreos queimados, así como declaralos para as axudas da PAC. “Temos que buscar unha solución porque se non a toda esta xente estámola botando á ruína”, advirte Iván Raposo. Desde Unións Agrarias e desde outros colectivos como Ovica demandan excepcionalidades que permitan o pastoreo nas zonas afectadas polos grandes lumes de outubro, así como solucións para a PAC.

Castiñeiros
O lume afectou tamén a algunhas das grandes zonas produtoras de castaña nos Ancares, unha actividade que estaba en recuperación polo impulso da cooperativa A Carqueixa. Desde a cooperativa, o seu xerente, Román Sánchez, destaca as perdas que causará o lume tanto a nivel ambiental como para a gandería e a castaña. Subliña ademais o papel de gandeiros e veciños á hora de facerlle fronte ás lapas.

Foron os propios veciños os que en moitos pobos e zonas frearon o avance dos lumes nos Ancares, ante uns servizos de extinción que se quedaron pequenos e desbordados para enfrontar o problema. “Estiven polo menos 24 horas seguidas no lume, axudando ós veciños” -lembra José Antonio Díaz, un gandeiro de Cerrado (Navia de Suarna)- “Todos os que podiamos, axudamos, moitas veces arriscando as nosas vidas” -recoñece-, “pero se non fose por nós e pola chuvia, este lume non se paraba”, conclúe.

Viñedo queimado nas Neves, en primeiro plano, e nave de polos afectada, ó fondo.

Viñedo queimado nas Neves, en primeiro plano, e nave de polos afectada, ó fondo.

Impacto na viticultura do Condado

Os lumes das Neves e Salvaterra, no Condado (Pontevedra) xeraron tamén un forte impacto nos viñedos, que non se libraron dos lumes. As lapas pasaron dos montes ás fincas e ós viñedos. “Foi un inferno. O lume apagouse na porta das casas”, lembra Miguel Vázquez, un dos viticultores que se viu afectado polos incendios. O seu é un caso particular, pois contaba con seguro de viñedo e espera cobrar polos danos e pola colleita perdida do próximo ano, se ben as perdas serán maiores, pois en caso de replantación serán varias as campañas que hai que agardar ata a primeira colleita.

viñedo con follas queimado

Outros produtores, a maioría pequenos viticultores, están na súa gran maioría sen seguro. “En Rubiós (As Neves), por exemplo, arredor da metade dos viñedos quedaron queimados”, valora Miguel Vázquez.

Desde Unións Agrarias lembran unha situación similar, tras os incendios do 2006, cando houbera axudas para os danos nos viñedos, polo que esperan que este ano se volva poñer en marcha unha actuación similar. A organización agraria demanda a convocatoria por parte da Xunta dunha Mesa de Emerxencia do Rural para analizar a situación do sector agrario. “Non falar cos afectados, como fixo a Consellería na seca e nas xeadas, leva a unha falta de acerto nas solucións”, cuestiona a organización agraria.

Viñedo queimado á beira das vivendas.

Viñedo queimado á beira das vivendas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información