“Ó estar nunha granxa de fóra ves outras formas de traballar e valoras o que facemos aquí”

Mario Nieto é un estudante que participou en Irlanda nunha estancia de formación nunha gandería de ovino e de vacún de carne. Alí coñeceu como traballaban e cóntanos a súa experiencia

“Ó estar nunha granxa de fóra ves outras formas de traballar e valoras o que facemos aquí”

O estudante e gandeiro Mario Nieto durante a súa estadía formativa nunha granxa de Irlanda.

Mario Nieto é un dos alumnos de primeiro ano do ciclo de Gandería, Asistencia e Sanidade Animal que se imparte no Centro de Promoción Rural Efa Fonteboa de Coristanco (A Coruña). Este ano participou, xunto con outros compañeiros, nunha estancia de formación nunha gandería en Irlanda. A experiencia permitiulle coñecer de primeira man o traballo nunha granxa de ovino e vacún de carne do centro do país.

A finais de febreiro, Mario chegou a Mill’s Farm, unha granxa situada nas proximidades da vila de Ballymahom e durante dous meses participou das tarefas da gandería, man a man cos propietarios. A súa chegada coincidiu, ademais, cunha das épocas de máis traballo directo cos animais na gandería, o tempo de partos das ovellas.

A súa estadía coincidiu coa época de partos das ovellas, unha das épocas con máis carga de traballo.

A súa estadía coincidiu cos partos das ovellas, unha das épocas con máis carga de traballo.

A experiencia brindoulle a oportunidade para coñecer como traballan en ganderías de Irlanda, un país que ademais garda certas similitudes coas condicións galegas. “Ó estar nunha granxa de fóra ves outras formas de traballar pero tamén che permite valorar o que facemos aquí e que ás veces non apreciamos como debéramos”, concreta o estudante, cuxa familia ten un cebadeiro de vacún en Asturias.

Razas de animais

Na súa estadía na granxa, Mario encargouse de distintos labores pero, sobre todo, implicouse na xestión da gandería de ovino, ó tratarse dunha tempada de intenso traballo. “Nos primeiros días ocupeime de librar espazos e acomodar as cortes de cara ós partos”, concreta o gandeiro. Contaban con cubículos de madeira en cama quente que arranxaron para facilitar a xestión do rabaño en canto comezaran a nacer as crías. “Eu centrábame en supervisar e atender os partos das ovellas e asegurarme de que os años mamasen”, recorda Mario.

Ovellas-e-cordeiros-no-pasto-Irlanda-

As ovellas e o gando vacún permanece estabulado durante o inverno e en marzo comezan a saír ó pasto.

No caso dos animais que non chegaban a mamar por si sós, levábanos a outra zona da granxa para alimentalos cunha mamadeira, aínda que a maioría dos partos eran de dous años e non tiñan maiores dificultades para crialos e xa mamaban directamente da ovella. “Podían ter arredor de medio cento de años que tiñan que alimentar a base de biberón, pero estes animais tamén tentaban vendelos moito máis novos para reducir a carga de traballo”, explica.

A gandería irlandesa contaba cunhas 900 ovellas e un rabaño de 120 vacas de carne e bois

Na granxa contaban cunhas 900 ovellas, a maioría de raza Suffolk, aínda que tamén tiñan animais de raza Charolesa, Escocesa e Inra 401. En concreto, había varios machos destas razas o que ocasionaba que tiveran abundantes animais cruzados.  A isto engadíaselle un rabaño de 120 vacas de carne, de cruces de Frisoa con Limosín e Hereford. Tamén criaban bois charoleses e de raza Salerf.

A gandería de carácter familiar, e xestionada polo matrimonio e o seu fillo, asumía unha carga de traballo elevada, como puido comprobar Mario xa nos primeiros días. Compaxinaban, ademais, a xestión da granxa cun servizo de podoloxía que realizaban a outras ganderías, unha actividade da que se encargaba o cabeza de familia, e que lle ocupaba parte da xornada laboral.

Axustar a rotación dos pastos

Na granxa manexaban unha extensión de arredor de 1.000 hectáreas, que lle permite tanto dispoñer de pasto como dos forraxes que precisan para a alimentación dos animais, silo de herba e herba seca para as ovellas. Este gando pasaba boa parte do tempo no pasto. “Realizaban unha xestión dos pastos moi acertada que lle permitía que tanto as ovellas como as vacas tiveran alimento durante case todo o ano”, concreta Mario. De feito, este foi un dos aspectos que máis sorprendeu ó gandeiro, xa que contaban cunha boa organización e planificación das terras e calidade de pastos aínda que non se correspondía cos ensilados de herba, que eran máis deficitarios.

Ganderia-ovino-Irlanda_-

As tarefas de Mario na granxa centráronse en atender as ovellas e os años nos partos.

Á súa chegada á granxa, as ovellas aínda estaban estabuladas e a súa alimentación centrábase no silo de herba. Ata principios de marzo non comezaron a saír ó pasto, onde botarán todo o verán e xa a comezos do inverno, no mes de novembro, volverán a permanecer na granxa.

“O sustento dos animais é a base de pasto e silo de herba, só lle aportan un pouco de penso ás ovellas cando están acabadas de parir, arredor duns 700 gramos por animal e día”, concreta o gandeiro.

A xestión do gando vacún é bastante similar, aínda que as vacas permanecerán máis tempo na corte. Este ano, a súa saída ó campo retrasouse ata case finais de marzo, coincidindo co remate do silo de herba.

Comercialización da carne

Outro dos aspectos que chamou a atención do mozo durante a súa estadía na granxa foi o tempo de crianza dos animais e as diferenzas de criterio para valorar unhas razas fronte a outras. “Tanto os becerros coma os años véndenos moito máis tarde do que adoita ser habitual en Galicia”, indica o gandeiro. Así, Mario recorda que ata case os 5 ou 6 meses non acostumaban vender os años e no caso dos becerros chega mesmo ós 3 anos. En canto ós prezos, os años de 6 meses vendíanse arredor dos 100 euros.

Ganderia-Irlanda-Mills-Farm-vacun-

Xunto coas ovellas, a gandería tamén criaba becerros.

No referido á comercialización dos tenreiros, estes vendíanos en poxa e os mellor valorados eran os de raza Charolés. Coincidindo coa estadía na granxa de Mario, vendéronse varios tenreiros aínda que, neste caso, tratouse dun lote de becerros de entre 9 e 10 meses con prezos que oscilaron entre os 500 euros, de xatos de 250 quilos, a outros de 315 quilos que acadaron os 800 euros.

“Alí valórase e págase máis un tenreiro de raza Charolés que un Angus, pese á boa calidade e fama que ten esta raza. Impórtalles máis que os animais pesen máis quilos que a calidade da carne”, concreta Mario. Unha parte dos becerros vendíanos a outros cebadeiros, cando contaban con preto dun ano, mentres os animais con máis idade, con arredor de 3 anos, ían ó matadeiro.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información