O descenso de cabalos no monte aumenta o risco de danos do lobo na gandería

As bestas constitúen en boa parte de Galicia entre o 50 e o 90% da dieta do cánido. A baixada da poboación de equinos preocupa a gandeiros e investigadores, pois está constatada a súa eficacia como vía indirecta de prevención de ataques ó gando

O descenso de cabalos no monte aumenta o risco de danos do lobo na gandería

Cabalos no monte veciñal do Carballo, en Friol.

Os montes do centro da dorsal galega, en torno ós concellos de Friol, Curtis e Sobrado, acollían uns 500 cabalos alá polos anos 80. Hai unha década, xa só quedaban 200 e agora non pasan de 50. A evolución é similar noutras comarcas galegas, un escenario que preocupa entre os gandeiros, pois está comprobado que a presenza das bestas reduce os ataques do lobo ás explotacións.

O papel que xogan os equinos púxose de manifesto nunhas xornadas organizadas estes días en Friol polo grupo O Xan, un colectivo conformado por gandeiros, ecoloxistas, cazadores e investigadores que trata de promover o diálogo sobre a xestión do lobo en Galicia.

No marco das xornadas, Laura Lagos, do Instituto de Investigación e Análise Alimentario (Universidade de Santiago) presentou unha investigación na que se constata a baixada de ataques sobre as granxas de vacún cando máis dispoñibilidade de poldros ten o lobo.

O traballo, que se desenvolveu durante tres anos (2006-2008) no centro da dorsal galega (Sobrado, Toques, Friol, Curtis, Guntín), amosa como o aumento de ataques a poldros na primavera vai acompañado dun descenso da predación sobre os xatos.

Outros estudos, como o desenvolto na serra do Suído (Pontevedra) por José Vicente López Bao, Luis Llaneza e outros investigadores, tamén comprobou a preferencia do lobo polos poldros. Por medio de radiotransmidores que colocaron en lobos, os biólogos puideron seguir o movemento das mandas e localizar parte das presas dos cánidos. O 80% das presas que atoparon resultaron ser equinos (68 poldros e 24 cabalos), moi por riba do gando vacún (10 xatos, 7 vacas). As cabras (3) e a fauna salvaxe (2 corzos e 1 xabarín) foron anecdóticas.

“Sería positivo estudar a posibilidade dun pago polos servizos ambientais que prestan as bestas” (Laura Lagos, investigadora)

A importancia das bestas na dieta dos lobos leva ós investigadores a concluír que o cabalo ten un papel destacado na prevención de danos sobre a gandería. “O mantemento das bestas é un método indirecto de prevención” -valora Laura Lagos-. “A cuestión é que os propietarios dos cabalos carecen na práctica de indemnizacións polos ataques do lobo, polo que quizais sería bo estudar a posibilidade dun pago polos servizos ambientais que prestan”, suxire.

Retirada de bestas dos montes
A presenza de bestas no monte leva décadas en retroceso en Galicia, un proceso que se acentuou nos últimos anos a raíz da obriga de marcar con microchip tódolos cabalos. As responsabilidades que recaen sobre os propietarios por posibles accidentes de tráfico, unidas a outras trabas, están a facer que propietarios particulares e comunidades de montes se desfagan das súas greas.

Unha das consecuencias da redución dos cabalos é que as mandas que quedan sofren unha maior presión dos lobos. En Zas (Costa da Morte, A Coruña), onde retiraron este ano os 37 cabalos que lles quedaban no monte, sinalan que dos 15 poldros nados o pasado ano, só se salvaron 2.

“Durante a última década, perdemos un cento longo de poldros polo lobo, pero só cobramos indemnizacións por dous” (José Manuel Iglesias, Friol)

A situación é idéntica noutras comarcas. En Friol, a comunidade de montes do Carballo, que mantén unha manda de arredor de 25 animais, apunta que dos 11 poldros nados este ano só quedan 2 polo de agora. “A situación é insostible” -recoñece o presidente da comunidade, José Manuel Iglesias-. “Na última década, puidemos perder un cento longo de poldros polo lobo, pero só cobramos indemnización por dous”.

A obriga de localizar e dar conta dos danos nas horas seguintes ó ataque para optar á indemnización é case misión imposible no caso das bestas, que se moven en amplas superficies de monte e non teñen un control diario. ¿É posible unha alternativa ás indemnizacións, como o pago polos servizos ambientais que prestan as bestas?

Os traballos dos investigadores avalan o papel dos equinos na prevención de danos na gandería e tamén está demostrada a súa función no control do mato no monte, un factor importante en áreas de lumes forestais.

“A depredación do lobo baixa cando hai unha taxa de carroñeo alta”

Xornadas do grupo O Xan, en Friol.

Xornadas do grupo O Xan, en Friol.

Outra das conclusións que se tira das xornadas organizadas polo grupo O Xan apunta á importancia que historicamente tivo o carroñeo na dieta do lobo. O problema é que desde hai arredor de 15 anos, cando xurdiu o mal das ‘vacas tolas’, está prohibido o abandono de cadáveres de animais domésticos no monte. Esa medida tivo consecuencias sobre a dieta de voitres, lobos, osos e outras especies que aproveitaban a carroña. En Galicia, estúdase desde hai uns anos permitir o abandono puntual de animais mortos no monte.

A UE autorizou a partir do 2009 que se aplicaran excepcións á recollida dos animais mortos nas explotacións gandeiras, se ben en España esas medidas estanse a poñer en marcha a contagotas. Cantabria publicou este ano unha normativa ao respecto e en Galicia hai un par de anos que se analizou a cuestión no Consello Agrario. Desde organizacións como o Sindicato Labrego lamentan que non se volvese saber nada, aínda que unha representante da Administración asegurou nas xornadas que se segue traballando na cuestión.

Galicia estuda desde hai un par de anos permitir excepcións á norma que obriga retirar os animais mortos das granxas

Os investigadores, pola súa banda, recoñecen o papel das carroñas no monte, aínda que tamén son partidarios da prudencia. “A taxa de depredación do lobo baixa cando o carroñeo é máis alto” -explica o biólogo José Vicente López Bao (Universidad de Oviedo)-. “Como deixar máis carroña no monte? Son máis partidario de que haxa unha dispoñibilidade aleatoria de carroña no territorio que de concentrar o recurso nun emprazamento, como os antigos muladares que había antes, xa que esa concentración da carroña podería ter consecuencias”, valora. “Se morre unha vaca na serra do Xistral, pode ser boa solución que se permita de xeito legal deixala alí”, pon como exemplo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información