O consumo de carne aguanta, con boas perspectivas para a avicultura e o ovino

As previsións manexadas pola Comisión Europea para a próxima década apuntan a que o gasto por persoa e ano a penas se reducirá. O perfil do consumidor evolúe cara maiores preocupacións ambientais, sociais e de saúde

O consumo de carne aguanta, con boas perspectivas para a avicultura e o ovino

O consumo de carne manterá a nivel internacional un ritmo crecente durante a próxima década, se ben o crecemento anual aminorarase en relación ó sucedido no periodo 2008-2018, cando foi medrando a un 2% anual. En Europa, sen embargo, espérase unha lixeira baixada do consumo, o que fará que sectores coma a avicultura e o porcino teñan que enfrontarse ó reto de aumentar a súa cota de exportacións.

O consumo actual de carne en Europa aumentou nos últimos anos, chegando ós 69,3 quilos por persona e ano, pero a Comisión estima que de aquí ó 2030 o consumo baixará lixeiramente ata 68,7 quilos por persoa e ano, unha pequena reducción que achaca a menores dispoñibilidades de produto, ó envellecemento da poboación europea e a unha menor inxesta de carne polos consumidores, que se decantarán máis por fontes de proteínas vexetais.

O perfil do consumidor, preocupado por cuestións sociais, ambientais e de saúde, orientarase ademais a demandar calidade, con preocupación pola orixe, o benestar animal e a produción ecolóxica, e espérase unha evolución dos produtos á venda, nos que perderá peso a carne fresca e aumentarán presenza os alimentos listos para comer e as carnes procesadas.

Evolución por sectores
Por sectores, espéranse aumentos de produción na avicultura e no sector ovino e cabrún, en tanto lixeiros descensos no porcino e na carne de vacún. Un dos sectores con mellores perspectivas é, por tanto, o das granxas de aves, que continuarán cunha produción en ascenso, se ben a un ritmo de crecemento menor que nos últimos anos. Preséntase para elas un bo escenario doméstico e de exportación, segundo as previsións do informe de perspectivas dos mercados agrarios elaborado pola Comisión Europea.

O porcino, en cambio, enfróntase nos próximos anos a un lixeiro descenso, principalmente pola presión ambiental e social sobre as granxas, e por un mercado internacional suxeito a unha forte competencia. A tendencia á baixa afectará tamén á carne de vacún, que ademais está sometida a unha gran competencia internacional por países como Arxentina ou Brasil.

A análise da Comisión complétase co mercado de ovino e cabrún, para o que se pronostica un aumento de produción dun 5% daquí ó 2030, que abastecerá principalmente o consumo interno da UE. Os cambios de dieta, cunha maior diversificación, e o aumento de migrantes que amosan preferencia por estas carnes, están detrás dos aumentos esperados para ovino e cabrún.

Mercados internacionais
Os principais mercados en ascenso sitúanse en Asia (todas as carnes), na África subsahariana (aves e porcino) e no Oriente Medio e Norte de África (aves e carne de vacún). China continuará a ser o principal mercado de exportación, pero espérase que os seus aumentos de consumo se pasen a cubrir coa produción interna.

En cifras globais, agárdase que o aumento da demanda de carne de aves aumente 4 millóns de toneladas durante a próxima década, unha cifra que iguala os ascensos de consumo esperados a nivel internacional para o resto de carnes (vacún, porcino e ovino e cabrún).

Produción orgánica, en ascenso

O consumo de carne ecolóxica está en ascenso na maioría dos países da UE. En Gran Bretaña, no 2012 representaba o 2,6% das vendas, unha cifra que se duplicou en cinco anos, chegando ó 5,1% no 2017. Noutros países, como Francia ou España, os aumentos de consumo están a ser máis modestos. No caso español, pasouse do 1,3% do 2012 ó 1,5% do 2017.

O informe da Comisión Europea calcula que na actualidade un 5% do gando vacún e do ovino e cabrún críase en sistemas de produción ecolóxica, un sistema de manexo que é máis complicado no sector avícola e porcino, polo que as cifras de ganderías ecolóxicas nestes sectores son inferiores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información