O complicado ‘puzle’ de xurros e estercos da Limia

Medio Rural mantén unha reunión co sector gandeiro e ecoloxista para abordar a xestión dos residuos das granxas. A Confederación Hidrográfica Miño-Sil apunta problemas de contaminación no encoro das Conchas e nun 24% dos puntos de control de augas subterráneas na comarca

O complicado ‘puzle’ de xurros e estercos da Limia

Aplicación de xurros nun monte do val do Limia. / Arquivo.

A Limia conta con arredor de 400 granxas intensivas de porcino, polos e becerros. En conxunto, estas explotacións suman unhas 75.000 unidades de gando maior e xeran uns residuos que equivalen a unha poboación de 1,4 millóns de persoas. A xestión de tal volume de xurros e puríns convertiuse nos últimos anos nun problema para as augas da comarca, nas que se detectan episodios de contaminación por nitratos.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil recoñece que o encoro das Conchas, no río Limia, presenta un “problema evidente” de contaminación por nitratos, que leva a episodios estivais de eutrofización e proliferación de cianobacterias. Outro dato negativo é que un 24% dos puntos de control de augas subterráneas, 5 de 21, presentan incumprimentos puntuais do valor límite para os nitratos.

A boa noticia é que os valores medios anuais de tódolos puntos de control de augas subterráneas e de augas superficiais cumpren coas normas de calidade aplicables ós nitratos. Con todo, a Confederación conclúe que é preciso reducir a concentración de nutrientes nas masas de auga, que actualmente están implicando que no encoro das Conchas se produzan episodios de cianobacterias. “Esta contaminación é difusa e non ten unha orixe puntual, polo que é necesario que toda a Limia no seu conxunto reduza estes aportes de nutrientes”, valora a Confederación Hidrográfica.

A Xunta mantivo un encontro co sector agrario da Limia e con ecoloxistas.

A Xunta mantivo un encontro co sector agrario da Limia e con ecoloxistas.

Reunión da Mesa da Limia

Os problemas xerados polos xurros e estercos chegaron nos últimos meses á Dirección Xeral de Medioambiente da Comisión Europea, ante a que presentaron unha denuncia o Movemento Ecoloxista da Limia e a Sociedade Galega de Historia Natural. O aumento da presión ecoloxista e veciñal, coa tamén recente constitución da plataforma Auga Limpa Xa, levaron á Xunta a convocar unha primeira reunión da Mesa da Limia, un foro de diálogo ó que asistiron representantes da Xunta, Deputación de Ourense, de colectivos de gandeiros e agricultores, e movementos ecoloxistas.

Esta primeira xuntanza, celebrada onte, foi presidida polo director xeral de Gandería, José Balseiros. O encontro, no que se abordaron tamén demandas do sector agrario como a mellora dos regadíos e das canles de drenaxe, deixou sobre a mesa a necesidade de regular a xestión dos residuos gandeiros.

A Xunta busca un acordo conxunto con gandeiros, agricultores e ecoloxistas que aporte solucións ó territorio. Desde o Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) sinálase que na próxima reunión, a Xunta presentará unha proposta de regulación dos residuos animais. Este colectivo pediu que á próxima xuntanza da Mesa da Limia sexan convidadas a empresa Coren, que ten nun sistema de integración á maioría de granxas da comarca, e máis as organizacións agrarias. O MEL tamén destaca que a Xunta advertiu de que outra comarca na que haberá que tomar medidas é a do Deza.

‘Zona Vulnerable a Nitratos’, a pelota que se pasan as Administracións

A lexislación española prevé desde hai máis de dúas décadas a posibilidade de que as comarcas afectadas por contaminación de nitratos se declaren como Zonas Vulnerables a Nitratos (ZVN). É unha declaración que disgusta ó sector agrario, pois obriga a un estricto rexistro dos movementos e aplicacións de xurros, e tamén limita as cantidades máximas de nitróxeno por hectárea a 170 quilos ó ano.

Augas de Galicia anunciara hai dous anos a declaración en Galicia de Zonas Vulnerables ós Nitratos, pero a Xunta deu marcha atrás

O actual mapa de Zonas Vulnerables a Nitratos recolle multitude de áreas en comunidades como Cataluña, Castilla La Mancha ou Andalucía, pero en Galicia non se declarou polo de agora ningunha. Hai dous anos, o daquela director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, anunciou no Parlamento de Galicia que lle trasladaría a información pertinente a Medio Rural para que procedese á declaración en Galicia de zonas vulnerables a nitratos.

Dous anos despois, consultada a Consellería de Medio Rural sobre a cuestión, asegura non ter constancia de dita información nin ter previsto a declaración en Galicia de zonas vulnerables a nitratos.

O caso da Limia
Medio Rural puntualiza ademais que a posibilidade de declarar a Limia como Zona Vulnerable de Nitratos correspondería en realidade ó Ministerio de Agricultura, previa proposta da Confederación Hidrográfica, pois trátase dunha comarca -argumenta- que a nivel fluvial está xestionada pola Confederación Hidrográfica Miño Sil, non por Augas de Galicia.

Unións Agrarias advirte contra medidas que poñan en risco ás explotacións, “auténtico motor económico da comarca”

Desde a Confederación Hidrográfica Miño Sil lembran, sen embargo, que tal e como figura na normativa vixente, a declaración dunha Zona Vulnerable a Nitratos corresponde á Comunidade Autónoma.

“Este Organismo -sinala a Confederación en alusión a si mesma- non é competente para a declaración de zona vulnerable por nitratos na comarca da Limia, sendo a Administración autonómica competente á que lle corresponde a dita declaración. De todos os xeitos, previamente á declaración de zona vulnerable, debe designarse a figura de “augas afectadas” por contaminación de nitratos, na que podería entrar dentro de dita consideración o encoro das Conchas, de acordo coa normativa aplicable á contaminación por nitratos”.

Desde o sector agrario, colectivos como Unións Agrarias teñen valorado que, en xeral, os produtores da Limia cumpren coa normativa medioambiental vixente e destacan que o agro é o “motor económico” da Limia, con 1.100 produtores, entre agricultores e gandeiros, polo que consideran contraproducente calquera medida que poida afectar á viabilidade das explotacións agrarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información