O círculo vicioso do mercado galego de recría

Os baixos prezos dos becerros pintos motivan que cada vez se leven ás feiras xatos máis pequenos, que teñen difícil atopar comprador. O mercado reclama becerros de maior peso e tempo, pero con baixos prezos dos animais, ós gandeiros non lles cadran as contas

O círculo vicioso do mercado galego de recría

Os becerros frisóns de recría son unha das seccións que arrastra prezos máis baixos, sobre todo nos máis novos.

A recente paralización da venda de varios xatos no Mercado de Amio (Santiago) puxo de novo o foco na situación que arrastra o mercado de gando de recría en Galicia nos últimos tempos. Os becerros frisóns máis novos, na categoría de menos de 20 días, son os que acusan maiores dificultades.

Os machos frisóns son animais pouco rendibles para as ganderías de produción de leite, que procuran levalos ó mercado canto antes. Os baixos prezos destes animais fan que os gandeiros busquen telos o menor tempo na granxa para reducir os custos e o traballo que implica crialos. Isto deixa casos extremos, de animais de poucos días nas feiras, e está a provocar que cada vez haxa máis desconfianzas por parte dos compradores sobre os xatos máis novos. É un círculo no que os baixos prezos provocan que os criadores non queiran investir nestes animais, ó tempo que, canto menos se invista neles, máis baixo se cotizan, como explican dende o sector.

“Dende maio arrastramos unha baixada de prezos porque os grandes cebadoiros do país están a decantarse por outros mercados, con animais de maior calidade” (Julio Pérez, lonxa de Silleda)

Así, o sector mira con preocupación cara esta categoría na que entran becerros moi novos, moitos deles de baixa calidade. Trátase dunha sección que cada vez ten menor demanda e está a provocar mala fama para os xatos galegos noutros mercados. “Cada vez quedan menos operadores que queiran levar xatos frisóns galegos e os grandes cebadeiros de Aragón e Cataluña optan por outros mercados, con animais de máis calidade, co que arrastramos unha gran baixada de prezos dende maio”, explica Julio Pérez, coordinador da Central Agropecuaria de Galicia, en Silleda (Pontevedra).

O caso de Amio

O episodio de Amio, aínda que puntual, deixa ó descuberto unha realidade que non é nova para os que se manexan a diario nos principais mercados galegos, onde algúns animais chegan sendo moi novos e en malas condicións. No caso de Amio, os veterinarios responsables da revisión do gando no mercado detectaron que estes xatos eran moito máis novos do permitido, posto que mesmo chegaron co embigo sen cicatrizar, o que evidenciaba que non acadaban os 7 ou 10 días mínimos que teñen que ter para ser transportados, salvo que a distancia sexa menor a 100 quilómetros, segundo a normativa actual de benestar animal.

“Ese día os veterinarios detectaron que había animais inmaduros, que non estaban listos para o seu transporte e por iso decidiron descartalos”, explica Carmen Méndez, presidenta da Mesa de Prezos de Gando de Abastos do Mercado de Amio. O feito de que un xato sexa moi novo incrementa o risco de que non consiga sobrevivir ó traslado ata o cebadeiro, que pode supoñer recorridos ata Aragón ou Cataluña, algúns dos principais destinos dos xatos galegos. Así, óptase por devolvelo á gandería. Esta devolución é unha solución que non gusta ós gandeiros polos riscos que pode implicar contar cun xato que foi ó mercado e estivo en contacto con outros animais. “Agora estamos seguros que nos próximos 2 meses non van chegar becerros inmaduros, pero hai que traballar para que estas situacións non se repitan”, apunta Carmen Méndez.

Na Central Agropecuaria de Galicia descártanse de media 10 animais cada semana, que volven para as ganderías

O descarte de animais está cada vez máis no día a día dos mercados. “O descarte de animais porque non están en condicións é algo que vimos vendo na Central Agropecuaria de Galicia dende hai tempo. De feito, os veterinarios están enviando unha media de 10 animais de volta para as ganderías cada semana”, indica Julio Pérez. Aínda que nalgúns casos, estes xatos descartados aínda proban sorte no Mercado de Amio, que se celebra un día despois, por se alí conseguen ser vendidos.

Logo dos descartes de Amio, as dúas asociacións de tratantes máis significativas de Galicia, Astragal e Agega, decidiron reclamarlle a Medio Rural un maior control sobre a idade da recría, pedindo que os xatos non se envíen con menos de 25 días ó mercado. Con esta petición, que tamén inclúe un maior control sobre a recría nas ganderías, pretenden que se remate co fraude detectado entre a idade real dos animais e a documentada, xa que pode producirse un desaxuste nas tramitacións nos 20 días seguintes ó nacemento dos xatos.

Os pintos máis novos, os máis prexudicados

Os becerros de raza Frisoa, os pintos, son os que máis acusan esta problemática. Procedentes de ganderías centradas na produción de leite, os machos son un animal, ó que só lle queda como saída o mercado, a diferencia das femias, empregadas para a recría. Os gandeiros advirten de que os prezos actuais destes becerros non alcanzan nin para cubrir o sustento do animal que, ademais, incrementa a carga de traballo na gandería.

Os becerros pintos moi novos chegan a venderse por prezos de 5 euros ou mesmo a regalarse

“Todos tivemos becerros que se pagaron a prezos tan baixos como 15 euros ou mesmo a 5 euros, que por suposto non cobren os gastos de alimentar ese xato”, concreta Román Santalla, gandeiro e secretario de gandaría de Unión de Pequeños Agricultores (Upa), matriz estatal de Unións Agrarias. Os prezos chegan a ser tan baixos que mesmo se acaban regalando os xatos. “Hai uns días mesmo saíu un lote de becerros regalado e é habitual que se paguen 10 ou 20 euros por pintos moi novos, e iso non é bo para o gandeiro nin para o mercado”, indica Juan Carlos Soto, tratante e membro da directiva da Asociación Galega de Empresarios Tratantes.

“Os becerros hai que envialos como mínimo con 20 días, pero os prezos están moi axustados. O que se está a ver tamén é unha crise do consumo de carne na sociedade que lles está afectando ós prezos”, concreta Santalla.

A decisión de esixir ós xatos un mínimo de 25 días tampouco gusta entre os gandeiros, onde hai quen apunta que o importante é a condición do animal e non tanto o tempo, xa que pode haber grandes diferencias. Tamén hai a desconfianza de que esta medida se traduza en xatos que acadan ese tempo pero que non chegan en condicións óptimas.

Galicia, un mercado referente

Central Agropecuaria de Galicia POXA

Becerros na Central Agropecuaria de Galicia, que se celebra cada martes en Silleda.

Atrás quedan tempos nos que os mercados de Galicia eran un referente para os cebadeiros doutros puntos de España pola calidade dos xatos, mesmo dos pintos máis novos. “Hai 20 anos, os pintos galegos tiñan unhas condicións case como os de cruces e unha gran calidade. Agora segue habendo moi bos animais en Galicia, pero a especialización na produción de leite fixo que os pintos non sexan como os que había daquelas”, concretan dende un cebadeiro de Cataluña que adoita mercar gando procedente de Galicia cada mes.

Cada vez hai menos compradores para ese gando máis novo, tanto de frisóns como de cruce. Así é que por exemplo na Central Agropecuaria de Galicia só quedan 2 operadores que queiran pintos novos. “A xente quere outro tipo de produto, becerros con máis tempo e que poidan asumir sen problema os traslados”, explica Julio Pérez.

“Nós con menos dun mes ou 55 quilos non traemos animais”, concretan nun cebadoiro catalán

O risco destes animais tan novos é dobre, xa que poden morrer no traslado ou presentar dificultades para a súa crianza nos cebadoiros, ó non ter recibido uns coidados axeitados nos primeiros días e non superar na gandería os primeiros días de vida. “Como mínimo o tenreiro debera de ter un mes ou 55 quilos para afrontar o traslado, senón terminan morrendo a metade deles. Non é só o traslado que se fai desde que se compra o animal no mercado, senón o que leva ese animal xa nos días previos, dende que saíu da granxa. Por moi baratos que sexan, nós con menos dun mes non traemos animais”, concretan dende o cebadeiro catalán.

Estes becerros máis novos tamén están tendo como destino cebadeiros de precebo situados en Galicia, que están a converterse nun paso previo para estes xatos. Unha vez acadan máis tempo e quilos, lévanse ata cebadoiros do resto de España.

Claves para reflotar

A situación que atravesan os mercados de gando de recría galegos non é a excepción senón que evidencia unha problemática que se produciu en boa parte das feiras de gando estatais. “No 2014 isto mesmo acontecía en tódolos mercados. Naquel momento, non se tomaron medidas máis aló da advertencia e das inspeccións veterinarias, pero é preciso concienciar ós usuarios na importancia de presentar animais en boas condicións, como xa fixeron noutras zonas”, explica Carmen Méndez, do Mercado de Amio. Méndez é optimista e agarda que esta problemática se vaia solucionando, á par de incidir na concienciación.

A concienciación dos usuarios, o encalostrado e o coidado dos animais son claves para mellorar a situación actual

O encalostrado de calidade dos animais é un dos aspectos no que máis coinciden en insistir dende distintos ámbitos para garantir unha mellor condición do becerro. “Está claro que os gandeiros teñen que botar as súas contas, pero a un animal que chega en boas condicións vanlle sacar máis proveito que un que se vende a moi baixo prezo por ser moi novo ou mesmo lle rexeitan e volve para casa”, apunta Pérez. “Se os becerros non se encalostran ben, logo no cebadeiro acaban dando problemas”, concretan os responsables dun cebadeiro catalán.

O emprego de seme sexado, que reduce os nacementos de machos, é outras das alternativas que cada vez máis  contemplan dende as ganderías. Tamén se apunta a necesidade de investigar alternativas de razas, máis alá do frisón, que resulten rendibles para a produción de carne e o mesmo tempo non sexan un lastre para as vacas de leite, como sinala o tratante Juan Carlos Soto, así como outros gandeiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información